A Xunta permitirá publicidade de bebidas alcólicas en 166 festas aínda que chegue a menores

O presidente Rueda nunha festa do viño CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tres anos e medio despois de que Feijóo anunciase unha lei de prevención das adiccións en menores a norma, que inclúe significativas excepcións, aínda non foi remitida pola Xunta ao Parlamento

Tres anos e medio despois de que en abril de 2021 o daquela presidente Feijóo anunciase unha lei de prevención das adiccións en menores, a Xunta aínda está a recoller agora informes sectoriais sobre a mesma. Durante a exposición pública do texto a Xunta centrou o foco informativo da nova norma na equiparación das bebidas enerxéticas co alcol, así como no aumento das prohibicións de publicidade das bebidas alcólicas.

Porén, á espera das modificacións que se poidan introducir na norma cos informes sectoriais que agora se están a obter, e do seu posterior debate parlamentario, o texto inclúe unha significativa excepción a esas restricións da promoción de bebidas alcólicas. Non terán efecto nas festas declaradas de interese turístico, actualmente un total de 166 repartidas por toda Galicia, segundo a propia Xunta.

Feijóo e Rueda nunha Festa do Albariño, de interese turístico internacional CC-BY-SA Xunta de Galicia

A denominada Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas dedica o seu artigo 20 ás "restricións á publicidade, promoción e patrocinio de bebidas alcólicas". Nel prohibe "calquera campaña" dirixida a menores de idade que induza "directa ou indirectamente" ao consumo de alcol; "toda clase de publicidade" en centros docentes ou de calquera tipo destinados a menores de idade e mesmo "en todos aqueles centros a que teñan acceso maioritariamente" menores de idade; nos recintos de espectáculos públicos cando a participación sexa maioritariamente de menores.

A lei tamén prohibe entregar a menores produtos promocionais que leven marcas de bebidas alcólicas

A prohibición de publicidade esténdese "na vía pública nunha área de 200 metros ao redor dos centros docentes" e de protección de menores. E tamén se prohibe entregar a menores produtos que leven "marcas, símbolos ou distintivos que poidan identificar unha bebida alcólica".

Disposición adicional da lei que exclúe as festas de interese turístico, 166 na actualidade, das restricións de publicidade e promoción do alcol a menores CC-BY-SA Praza Pública

Pero esas prohibicións xerais resultan condicionadas no texto da lei pola súa disposición adicional cuarta, que as deixa sen efecto en 166 lugares de Galicia nalgún momento ao longo do ano. Esa disposición di que "non terán efecto as restricións de publicidade e promoción" establecidas na lei nas "festas que conten coa declaración de interese turístico".

Segundo Turismo de Galicia, na actualidade hai 15 festas de interese turístico internacional, entre elas unha dedicada expresamente ao alcol, a Festa do Albariño de Cambados, e outras como a Festa do Polbo do Carballiño, a Festa do Cocido de Lalín, o entroido de Xinzo, a Arribada de Baiona, as fogueiras de San Xoán na Coruña ou o Arde Lucus. As festas de interese turístico estatal son 11, varias delas de tipo gastronómico, e as festas de interese turístico galego son 140, entre elas as dedicadas ao viño de Amandi, Pantón, O Rosal, O Ribeiro ou o Condado do Tea.

Casetas de polbo nunhas festas de San Froilán en Lugo © Concello de Lugo

A lei permite a venda ambulante de alcol durante a noite "nos días de festas patronais ou similares"

A lei en tramitación tamén prohibe en xeral "a venda e subministración de bebidas alcólicas" entre as 22.00 horas e as 9.00 horas do día seguinte, prohibición que afecta tamén á venda ambulante. Porén, o texto matiza que a prohibición non é de aplicación para os establecementos de hostalería habilitados nin para "a venda ambulante nos días de festas patronais ou similares".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.