Seis de cada dez mozos e mozas de 17 anos realizan un consumo de alcohol 'de risco'

Restos dun botellón CC-BY metrocentric

Investigadores e investigadoras das universidades de Santiago, Vigo, Alcalá de Henares e Porto levaron a cabo o pasado ano un amplo estudo sobre o consumo de alcohol entre os galegos e galegas menores de idade. Realizaron un total de 2.667 enquisas entre estudantes de primeiro curso da USC, preguntándolles polos seus hábitos de consumo o ano anterior (cando tiñan 17 anos). 

O 28,5% toma con regularidade seis ou máis bebidas alcohólicas por noite, o que se considera un consumo intensivo

O equipo buscaba confirmar se naqueles concellos nos que había máis puntos de venda de alcohol tamén o seu consumo era maior. A hipótese foi confirmada, pois os resultados amosaron que naquelas localidades cunha maior densidade de bares, o consumo excesivo era un 39% maior. 

O estudo tamén serviu para completar unha radiografía do consumo de alcohol que realizan os mozos e as mozas de 17 anos, ou cando menos aqueles e aquelas que acceden á universidade. Asi, comprobouse que o 60,5% dos entrevistados e entrevistadas realiza un consumo de risco (a partir das puntuacións das respostas de mozos e mozas no test AUDIT (Alcohol Use Disorders Identification Test). Ademais, case tres de cada dez (o 28,5%) leva a cabo un consumo intensivo (binge-drinking), é dicir, toma de forma habitual 6 ou máis bebidas alcóholicas nunha noite. 

A investigación comprobou que o 62,5% consumía bebidas alcóholicas en bares e discotecas, a pesar de seren menores de idade e de estar polo tanto prohibida a súa venda a eles e elas. O 40,4% afirmaron consumir alcohol en rúas e prazas. E o 30,4% dixo consumilo en pisos.

Lugo e Ourense, cun 70%, foron as cidades que presentaron unha maior porcentaxe de consumidores de risco

O estudo, publicado na Gaceta Sanitaria, detectou grandes diferenzas entre as distintas cidades e vilas de Galicia. Así, Lugo e Ourense, cun 70%, foron as cidades que presentaron unha maior porcentaxe de consumidores de risco, por diante de Compostela e Pontevedra (60%), aínda que lonxe dos datos de vilas como Moaña (90%). Por outra banda, a maior prevalencia de consumo intensivo detectouse en Ourense e Ferrol (36% dos entrevistados e entrevistadas), por diante de Compostela e Pontevedra (30%), pero lonxe de Verín (61%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.