Galicia multará os menores que consuman bebidas enerxéticas e prohíbeas en máquinas expendedoras

Latas de bebidas enerxéticas de diferentes marcas CC-BY-SA Daniel Juřena

Vender ou publicitar bebidas enerxéticas a persoas menores en Galicia suporá elevadas multas, dun mínimo de 3.000 euros e que poderían chegar aos 600.000. É unha das medidas que establece a nova lei que prepara a Xunta para a protección da saúde da xente moza, na que se establece tamén a potestade da Administración autonómica para multar con ata 15.000 euros aqueles concellos que permitan o botellón.

Así se aclara no anteproxecto da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, que vén de facerse público para recibir alegacións e suxestións, no último dos pasos da tramitación desta nova lexislación coa que a Xunta, de xeito pioneiro, pretende vetar por completo as bebidas enerxéticas entre os menores, ademais de reducir máis o espazo ao tabaco e ao botellón

No propio texto da futura lei, que entrará en vigor o vindeiro ano, a Xunta advirte do carácter aditivo e do crecente problema que están a causar entre a mocidade galega estas bebidas —que consomen acotío en Galicia uns 16.000 mozos e mozas—, como "alteracións do sono, ansiedade, irritabilidade" ou "deshidratación, elevada presión arterial, arritmias e outras problemáticas de carácter neurolóxico ou psicocomportamental". 

Unha moza amosa dúas latas de bebidas enerxéticas nun supermercado CC-BY JingKe888

Na súa loita contra esta problemática, a Consellería de Sanidade equipara nesta lei estes refrescos enerxéticos ao alcohol, polo que poderá solicitarse o DNI aos mozos e mozas que pretendan adquirilas e establece unha multa mínima de 601 euros e máxima de 3.005 para a rapazada que beba algún destes produtos ou o leve pola rúa, así como para os que usen vapeadores. A infracción será, en definitiva, a mesma que se leva enriba ou consome cannabis ou alcohol na vía pública. 

A nova lei equipara as bebidas enerxéticas ao alcohol: prohíbese consumilas e non poderán publicitarse a menos de 200 metros de centros de ensino nin seren vendidas en máquinas expendedoras

As multas, segundo aclara o borrador da lei, poderán ser substituídas pola participación dos menores "en programas preventivos ou asistencias ou pola realización de traballos en beneficio da comunidade". 

A normativa prohibe a venda, consumo, tenencia e publicidade entre os menores destas bebidas, que non poderán publicitarse en centros sanitarios, docentes ou recreativos, pero tampouco na vía pública "nunha área de 200 metros ao redor" de colexios e institutos ou centros de protección de menores, ao igual que se propón para o alcohol. 

 

Mesmo naqueles locais onde si se poidan consumir, a nova lei prohibe a súa promoción "mediante prácticas que inciten ao consumo excesivo ou descontrolado, como ofertas promocionais 2x1, 3x1, barra libre, premios ou outros semellantes". Ademais, loxicamente, veta a súa comercialización en centros de ensino para menores ou espazos sanitarios, pero tamén en recintos destinados a espectáculos públicos ou deportivos con acceso maioritario de menores. 

Tamén se prohibe a venda destes refrescos enerxéticos nas máquinas expendedoras, aspecto clave ante a doada e habitual adquisición que moita xente moza realiza destas bebidas neste tipo de dispositivos en calquera vía pública. Haberá un ano de marxe para retiralas. 

As tendas, ademais, deberán vender as bebidas enerxéticas separadas do resto de refrescos e en "espazos claramente diferenciados", ademais de colocar carteis onde se aclaren as prohibicións que as afectan. Tamén se fomentará na súa etiquetaxe que advirta dos seus efectos nocivos.

Alén disto, as marcas destas bebidas enerxéticas —tan coñecidas como Monster ou Red Bull, esta última con cifras que alcanzan os 32 millóns de latas vendidas ao día en todo o mundo— tampouco poderán en Galicia patrocinar eventos dirixidos a menores nin entregar outros produtos ("bens ou servizos") coas súas marcas ou símbolos, unha práctica habitual destas empresas. 

Xa que logo, a Xunta considerará unha infracción leve, con multas de ata 3.000 euros, "o consumo, o transporte, a tenencia ou a posesión de bebidas enerxéticas por persoas menores de idade, salvo cando se realice por motivos laborais", ou non informar na entrada dos establecementos das prohibicións respecto delas. 

Unha persoa fumando na rúa CC-BY-SA Irina Iriser

Serán infraccións graves, con multas de entre 3.000 e 15.000 euros, o incumprimento das restricións publicitarias das bebidas enerxéticas, a venda, indución ou entrega a menores destes refrescos ou non separalos do resto de bebidas nas tendas. 

Entre as infraccións que a Xunta cualifica como "moi graves", inclúese a venda, comercialización e publicidade de bebidas enerxéticas entre menores ou non incluír no etiquetado destes produtos "a mensaxe de que o seu consumo pode provocar danos na saúde". No caso destas infraccións, as multas van desde os 15.000 euros ata os 601.000, no caso de que se incumprise coas advertencias previas ou dependendo do prexuízo, das persoas afectadas ou da persistencia na irregularidade. Tamén hai a posibilidade de prohibir calquera tipo de axuda ou subvención da Xunta aos implicados, así como o peche temporal ou definitivo do establecemento. 

Por outra banda, o anteproxecto desta nova lei tamén aposta por reducir aínda máis o espazo ao tabaco. Ademais das prohibicións xa recollidas noutras normativas, a Xunta prevé prohibir fumar ou usar vapeadores ao aire libre se se está a menos de 50 metros de centros docentes e sanitarios e dependencias de administracións públicas, así como nas marquesiñas e nas piscinas de uso público. Incumprir este veto suporía unha infracción leve que podería supoñer tamén unha sanción económica, aínda que en moitos casos as multas poden substituírse por programas para deixar o tabaco ou o alcohol. 

A Xunta prohibirá fumar ao aire libre a menos de 50 metros de centros docentes ou sanitarios e nas marquesiñas e veta as cachimbas na hostalería

Ademais, a nova lei acabará tamén coa moda das cachimbas nos locais de lecer. Segundo o anteproxecto, prohibirase "o consumo de produtos elaborados a base de herbas para fumar, con ou sen nicotina, en todos os establecementos do ámbito da hostalería e da restauración, incluídas as terrazas ou zonas habilitadas como tales". 

Por outra banda, a Lei de protección da saúde das persoas menores pretende tamén acurralar o botellón. Coa reforma da Lei de saúde tramitada de forma urxente durante a pandemia, o Goberno galego engadiu un novo punto no que aclaraba que quedaba "prohibido o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas, e noutros lugares de tránsito público", medida que segue vixente. "O botellón en Galicia acabouse", asegurara o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando avanzou a intención do grupo do PP de presentar a proposta. 

Xente moza facendo botellón na rúa CC-BY-NC bellmon1

Na Lei de saúde aclárase que corresponde aos concellos a competencia de sancionar os botellóns, algo que cambiará coa nova lexislación. 

Na que agora se tramita, a Xunta advirte que dentro das competencias sancionadoras das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade engadirase a de "impoñer sancións pola comisión de infraccións relativas ao botellón", medida que xustifica polo intento de "incrementar a eficacia da corrección deste tipo de infraccións" ao equipararse coa xestión das sancións por consumo de tabaco, vapeadores e produtos relacionados. 

A Xunta sancionará os concellos que permitan o botellón con multas de ata 15.000 euros

Ademais, a Xunta poderá multar os concellos que permitan o botellón. De feito, a nova lei considera unha infracción grave que un municipio que dispoña de policía local —arredor de 140 en Galicia— tolere as reunións para beber alcohol na vía pública, polo que a administración local podería ser sancionada con ata 15.000 euros de multa. 

Por último, o anteproxecto da lei dedica tamén un espazo ao cannabis, aclarando que se prohibe a venda a menores de calquera produto ou compoñente desta substancia, incluído o CBD, e as tendas que ofrezan estes produtos non poderán "expoñer no seu escaparate ou dirixir ningunha imaxe ao exterior ou calquera tipo de publicidade da planta cannabis sativa ou calquera produto derivado desta". 

Rueda atende ao conselleiro de Sanidade, García Comesaña, na presentación da CC-BY-SA Xunta

A normativa vai máis aló e prohibe tamén "regalar ou vender" calquera tipo de merchandising coa imaxe identificativa do cannabis á poboación menor de idade, en referencia aos múltiples produtos que inclúen a folla da planta marihuana. Facelo suporía unha infracción grave, con multas de entre 3.000 e 15.000 euros. 

Respecto dos videoxogos, as tendas que os vendan deberán separar "de maneira clara e diferenciada" os produtos en función da idade recomendada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.