A futura lei que prohibirá a venda de bebidas enerxéticas e os vapeadores aos menores de idade comezou este xoves a súa tramitación logo de que a Consellería de Sanidade levase ao Consello da Xunta o borrador da lei, que será agora exposto ao público para recibir alegacións e suxestións.
En rolda de prensa tras a reunión do Goberno galego, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mais o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña deron algún detalle dunha normativa que se pretende que entre en vigor en 2024, pero que será difícil que o faga nesta lexislatura tendo en conta que aínda é un anteproxecto.
A futura lei equiparará as bebidas enerxéticas ao alcohol: os menores non poderán consumilas nin mercalas e a súa publicidade non poderá dirixirse a eles
Segundo se sabe xa, a futura lei equiparará a efectos de venda e publicidade estas bebidas enerxéticas ao alcohol e aos vapeadores e cigarros electrónicos co tabaco, polo que non poderán venderse en recintos deportivos e terán unha regulación especial en canto á súa publicidade.
Polo tanto, as restricións afectarán a unhas bebidas que, segundo os últimos datos, consomen polo menos unha vez ao mes arredor do 50% dos estudantes de entre 14 e 18 anos. En Galicia, serían arredor de 16.000 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos os que as beben polo menos unha vez á semana, segundo o estudo Adolescencia, tecnoloxía, vida e convivencia, elaborado pola Fundación Barrié e a USC, que aclara que supón o 12,5% do estudantado de ESO e Bacharelato. Pero engade que máis de 2.500 rapaces toman algún destes refrescos diariamente.
Moitas delas superan nunha única lata a dose máxima segura diaria de cafeína para un adolescente ou preadolescente e a gran maioría andan no limiar, á marxe dos problemas que supoñen outros dos seus compoñentes. Poden provocar alteración do sono, nerviosismo, arritmias ou ansiedade, como lembrou Rueda, que destacou tamén a preocupante mestura co alcohol, xa que as bebidas enerxéticas enmascaran os efectos depresivos das bebidas alcohólicas,
Así, e á espera do texto definitivo, en Galicia non estará permitido dirixir publicidade de bebidas enerxéticas a menores de idade e non poderán ser promocionadas en centros sanitarios, centros docentes ou destinados a menores, así como en espazos recreativos ou en recintos deportivos con presenza maioritaria de nenos ou mozos. Nestes mesmos espazos, estará prohibida a venda de bebidas enerxéticas. Os eventos dirixidos a menores tampouco poderán estar patrocinados por este tipo de produtos.
A Xunta poderá multar os Concellos que permitan o botellón e prohibirá fumar nas marquesiñas e a menos de 50 metros de centros sanitarios ou escolares
Así, as persoas menores non poderán consumir nin comprar este tipo de bebidas, que non se poderán vender a xente nova nin poderán ser mercadas en máquinas expendedoras. NO resto de establecementos, separaranse dos refrescos e esixirase o DNI para acreditar a maioría de idade do comprador.
Alfonso Rueda destacou que a normativa "vai ser pioneira" na regulación destas bebidas enerxéticas, pero tamén que abranguerá outras aspectos. Así, no que ten que ver coas bebidas alcohólicas, a novidade principal será que as xefaturas territoriais de Sanidade, e non os Concellos, poderán impoñer sancións á práctica do botellón. Ademais, os municipios que permitan a presenza de botellóns no seus territorios poderán ser sancionados pola Xunta.
En canto á publicidade, as bebidas alcohólicas, cando se publiciten na vía pública, terán que localizarse a máis de 200 metros de calquera centro docente ou de protección de menores. Tamén haberá restricións en revistas, libros ou folletos.
No referente aos cigarros electrónicos, Rueda lembrou que “inclúen nicotina” e que “aínda que as veces se venden son deseños pensando na poboación más nova, non son produtos para nenos e adolescentes”. Por iso, con esta nova normativa Galicia prohibirá a súa compra e uso por parte de persoas menores, equiparando a lexislación deste produto á normativa referente ao tabaco.
Do mesmo xeito, para reducir os efectos nocivos de ser fumador pasivo, establécese a prohibición de fumar nas marquesiñas e paradas do transporte público ou nas piscinas de uso público e regúlase un espazo libre de fume obrigatorio de 50 metros a cada lado con respecto a dependencias das administracións públicas, recintos sanitarios ou centros docentes e formativos.
Ademais a Xunta facilitará formación ás familias e incorporará ao currículo educativo pautas sobre a supervisión, tempos de uso e contidos de redes sociais e novas tecnoloxías entre menores porque o seu uso inadecuado pode levar ao fracaso escolar ou a problemas de relacións interpersoais de diversa gravidade. No que atinxe aos videoxogos, tal e como explicou Comesaña, a lei promovida pola Xunta marcará nos establecementos de venda unha organización clara de cada videoxogo en función da idade recomendada.
No que ten que ver coas sancións, unha persoa que fume onde non está permitido exponse a unha sanción que pode chegar aos 601,01 euros no seu grao mínimo ou ben podería ser conmutada por cursos para deixar de fumar ou eliminar o hábito de consumir alcohol en botellóns.
No caso de persoas ou establecementos que, por exemplo, permitan o consumo de substancias prohibidas para menores ou fumar en lugares prohibidos poden ser sancionados coa suspensión de subvencións públicas de concellos ou da Administración autonómica.