A Consellería de Sanidade quérese converter "nun referente de empresa promotora de saúde dentro do eido laboral". O departamento que dirixe Julio García Comesaña bosquexou esta semana, nun comunicado dirixido aos medios, as liñas mestras do "proxecto piloto" co que procurará "fomentar os hábitos de vida saudable" no seo do seu propio cadro de persoal.
"Incrementar o control sobre a saúde persoal" ou "favorecer a produtividade" do persoal da Consellería son algúns dos obxectivos que Sanidade bosquexa para un plan que se "sustenta en catro piares". O primeiro vai na mesma liña que a iniciativa recentemente anunciada polo Ministerio de Consumo en materia publicitaria e que suscitou abondosas mofas por parte do PP: reducir o consumo de bolería industrial e produtos semellantes.
Así, explica Sanidade, o proxecto pretende fomentar que o seu persoal consuma "froita fresca no almorzo" e promoverao, "de xeito complementario" ,mediante a "intervención da oferta alimentaria coa que conta o edificio Administrativo" da sede central da Consellería e do Sergas, no barrio compostelán de San Lázaro. "Preténdese -sinala- acadar unha diminución do contido de alimentos e bebidas ricos en ácidos graxos saturados, ácidos graxos trans, sal e azucres". Para facelo, especifica, "incidiuse na oferta das máquinas de vending emprazadas nos edificios públicos da Xunta".
O plan inclúe a iniciativa 'Reunións en ruta' para fomentar que encontros de "20 ou 30 minutos" durante a xornada laboral se desenvolvan camiñando polo recinto da Consellería de Sanidade
Este obxectivo de redución de consumo de comidas e bebidas ultraprocesadas e con altos contidos en graxa ou azúcares é o mesmo que o do plan lanzado polo Ministerio que encabeza Alberto Garzón, no seu caso mediante a limitación da publicidade destes produtos dirixida a menores de 16 anos. Esta iniciativa foi respondida por parte do PP mediante mofas de diversos cargos destacados do partido, algúns dos cales complementaron a crítica divulgando fotografías en redes sociais consumindo este tipo de produtos.
O "segundo grande apartado" do programa de Sanidade é o que máis titulares xerou tras a súa presentación, o titulado Chanzo a chanzo, coida da túa saúde. Consiste en instalar sinais "mediante carteis adhesivos moi vistosos" con "diferentes mensaxes que animan a tomar as decisións máis activas e, polo tanto, máis saudables en cada momento". Ligado con isto está o plan Reunións en ruta, "que consiste en establecer rutas interiores e exteriores" no propio edificio "de 20 ou 30 minutos de duración" para "a realización de reunións de dúas ou tres persoas"
Concretamente, a sede central do Sergas "contará con 5 percorridos diferentes", dous no interior e tres pola contorna. "Estarán sinalizados e poderanse reservar na aplicación de reserva de salas de reunións", detalla a Xunta. "O desenvolvemento do programa no departamento sanitario da Xunta servirá para avaliar a súa posible extensión ao resto de administracións públicas e mesmo ás empresas privadas", detalla o Goberno galego, que evidencia que a obesidade "está considerada como unha enfermidade crónica con alta prevalencia e que conta cun forte compoñente social, de estilo de vida e de hábitos alimentarios".