"Veñen mercalas con ansia, acotío; son xente nova que moitas veces é o único que compra". A caixeira dun supermercado advirte dunha tendencia á alza nos últimos anos: a da rapazada que consome habitualmente bebidas enerxéticas, que acaban por ser "o produto que más se repón en moitos hipermercados polas mañás". "Saen do instituto, mercan algo de comer e unha lata de Monster... E así pasan o recreo", contan desde o exterior dun centro educativo. Dentro deles, entre o profesorado, tamén hai quen advirte da problemática: "Tiven mesmo alumnos con problemas de TDAH que a bebían nos descansos, ata dúas latas; e non é estraño ver rapaces novos beber estes refrescos pola mañá, de camiño ás aulas". De festa, mesturalas con alcohol é tamén cada vez máis habitual.
Falamos de bebidas enerxéticas e estimulantes, aquelas que teñen un elevado contido de cafeína (máis de 32 mg por cada 100 ml) e de azucre e que adoitan conter outros ingredientes como taurina, L-carnitina, glucuronolactona, guaraná, ginseng e vitaminas do grupo B, entre outros. O seu consumo, sobre todo entre xente nova, pode provocar importantes problemas de saúde, así como adicción, e os datos inciden no aumento exponencial da súa popularidade nos últimos anos.
Monster, Infinity, Red Bull, Eneryeti, Reign Razzle Berry, Burn ou RockStar son algunhas das marcas máis coñecidas. Moitas delas superan nunha única lata a dose máxima segura diaria de cafeína para un adolescente ou preadolescente e a gran maioría andan no limiar, á marxe dos problemas que supoñen outros dos seus compoñentes.
A maioría das bebidas enerxéticas superan nun envase a dose máxima segura de cafeína para un adolescente e poden provocar varios problemas de saúde
A problemática preocupa. "Moito. E fálase entre os compañeiros, aínda que nos dá a impresión de que nas familias ou non preocupa ou non son conscientes. Adoitan preguntar polo acoso escolar, polas malas compañías ou polo posible acceso a outras substancias, pero non polos efectos destas bebidas", confesa unha pediatra do Sergas que destaca o contraste que se dá nos centros escolares. "Hai profesores que están desesperados porque non dan controlado rapaces moi alterados por estes refrescos que, nalgúns casos, mesmo se requisan", confesan desde un instituto.
"Un dos problemas é que a xente nova ten moi normalizado o seu consumo, non lle ven problema ningún, e hai quen mesmo o emprega como substituto do almorzo", destaca un docente. "Polas mañás arrasan coas latas e é algo que xa é habitual desde hai tempo entre rapazas pero, sobre todo, rapaces; hai que repoñer cada pouco os estantes onde hai Monster ou Red Bull", contan desde un supermercado.
O consumo deste tipo de bebidas, como lembra o Sergas, "experimentou un aumento substancial durante as últimas décadas" en España, alcanzando o 2% do total das refrescantes. Entre a mocidade, e nunha franxa de idade con maior risco, son demasiado habituais. En Galicia, serían arredor de 16.000 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos os que as consomen polo menos unha vez á semana, segundo o estudo Adolescencia, tecnoloxía, vida e convivencia, elaborado pola Fundación Barrié e a USC, que aclara que supón o 12,5% do estudantado de ESO e Bacharelato. Pero engade que máis de 2.500 rapaces toman algún destes refrescos diariamente.
Arredor de 16.000 rapaces en Galicia consomen bebidas enerxéticas polo menos unha vez á semana e 2.500 fano diariamente
Ademais, e segundo a enquisa elaborada ao abeiro do Plan Nacional sobre Drogas en todo o Estado (Estudes) ao estudantado de entre 14 e 18 anos, catro de cada dez tomaron no último mes bebidas enerxéticas, sendo a prevalencia maior entre os rapaces (50,7%) que entre as rapazas (39%). E máis do 16% mesturáronas con alcohol no mesmo período,un costume moi estendido que, como advertira tamén a Organización Mundial da Saúde (OMS), supón un efecto potenciador e provoca que limite a somnolencia e permita seguir bebendo sen notar os efectos aínda que o prexuízo siga producíndose.
Sanidade lembra que o consumo de máis de 60 miligramos de cafeína en adolescentes de 11 a 17 anos aumenta o risco de sufrir alteracións do sono e que a partir de 160 miligramos de cafeína "pode provocar efectos psicolóxicos (nerviosismo, irritabilidade e ansiedade) e trastornos cardiovasculares". Nos adultos a estes efectos pódenselles unir mesmo ataques de pánico ou manifestacións psicóticas, en particular alucinacións.
Moitas das latas superan os 160 mg de cafeína, cantidade a partir da cal se poden producir efectos psicolóxicos (nerviosismo, irritabilidade e ansiedade) e trastornos cardiovasculares
Unha lata de Red Bull de 250 ml contén 80 mg de cafeína -equivalente a un café expreso e medio- e unha de Monster (de medio litro), contén 160 mg, unhas tres tazas de café expreso. A de Burn rolda os 170 mg, a Reign Razzle Berry, 185; e a RockStar, 145.
Alén de todas estas consecuencias, as autoridades sanitarias lembran que o consumo regular de cafeína pode causar síntomas moderados de abstinencia a partir de 100 mg/día e tolerancia a esta substancia, "creando a necesidade de consumir unha dose maior que a inicial para conseguir un efecto similar ao orixinal". A adicción sucede polo alto contido en cafeína pero tamén pola taurina e o resto de compoñentes,que estimulan o cerebro e melloran o rendemento deportivo e mental, reducindo a sensación de fatiga. Coa chegada do síndrome de abstinencia, máis cansazo, dificultade na regulación de condutas ou fallos na memoria.
Ademais, os adolescentes que beben este tipo de refrescos teñen máis probabilidades de sufrir problemas de hiperactividade e déficit de atención (TDAH) nas aulas, segundo un estudo da Universidade de Yale (EUA) publicada na revista Academic Pediatrics. E segundo o informe Estudes, entre aqueles estudantes que consomen bebidas enerxéticas con alto contido en cafeína "hai unha maior prevalencia de consumo de diferentes drogas".
As bebidas enerxéticas poden provocar adicción e os mozos que as consomen teñen maior risco de TDAH e son máis proclives ao consumo de drogas
O Comité Científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) lanzou tamén unha alerta sobre os riscos que na saúde tiñan estas bebidas e recomendou evitar o consumo en adolescentes, mulleres embarazadas e en período de lactación, persoas con hipertensión ou problemas cardiovasculares. e persoas que padecen alteracións do sono. Recomenda que non se combinen con bebidas alcohólicas nin o seu uso para rehidratarse tras facer actividades deportivas.
"Nas consultas non se ve este problema como tal, pero si comprobamos a mala dieta e os malos hábitos de consumo de nenos e adolescentes; cada vez se opta máis por alimentos que están no vértice da pirámide, que deberían non ser consumidos ou ser excepcionais pero que se toman diariamente... Entre estes, as bebidas azucradas xa son un enorme problema, pero se falamos das bebidas enerxéticas, o problema é dobre", explica Rosaura Leis, profesora de Pediatría na facultade de Medicina da USC, coordinadora da unidade de Gastroenteroloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico e referencia no Estado en nutrición da infancia.
"O consumo de bebidas azucradas xa é un problema pero as bebidas enerxéticas multiplícano", di Rosaura Leis, da USC e referente no Estado de nutrición pediátrica
Leis asume que as recomendacións das autoridades sanitarias, científicas e políticas "son cada vez máis" pero lembra a necesidade de que as mensaxes "cheguen á infancia". "Debemos introducir desde moi pequenos no currículo escolar un estilo de vida saudable; non só para que saiban dos beneficios, senón para que saiban ler as etiquetaxes, preparar os alimentos e ter en conta a importancia da deita atlántica, a dos seus avós", explica quen asume que a adicción que poden provocar as bebidas enerxéticas "multiplica un problema xeral".
A Xunta prevé "restrinxir o acceso" da mocidade a estas bebidas
A Xunta asume tamén a situación. "Tomaremos medidas para restrinxir o acceso dos menores a substancias aditivas como as bebidas enerxéticas", adiantou hai dous meses no Parlamento o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que aclarou que se estaba a pechar o trámite da futura lei de prevención de condutas aditivas en menores de idade, que fora prometida para 2021 e cuxa creación o Parlamento instara o Goberno a preparar en 2022. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, vén de aclarar que o anteproxecto está listo e que axiña será sometido a exposición pública.
A intención, como aclarou o conselleiro, é restrinxir o consumo das bebidas enerxéticas entre os menores de idade a través de limitacións que queden expresadas nese novo texto normativo que entraría en vigor en 2024. Consultada por Praza.gal, a Consellería non aclara aínda de que xeito se levarán a cabo estas restricións á espera de posibles modificacións nunha normativa que se está a debater e aínda non é pública.
"Cando falamos de prevención é fundamental implicar tres patas: pais, profesores e pediatras. Entre todos temos que ser quen de cambiar os patróns alimentarios, de apostar por unha dieta tradicional porque o exemplo témolo ben perto", insiste Rosaura Leis, que sinala tamén a importancia de "fomentar a actividade física e lograr diminuír o uso de pantallas". "Hábitos coma este están moi ligados ao consumo de bebidas enerxéticas", conclúe.