Galicia aumentou dende o inicio da guerra en Ucraína a importación de gas ruso, que a UE quere prohibir

As importacións de gas ruso chegaron ao seu máximo a partir de 2022 © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Susete (CC-BY-SA)

Rusia (15 gaseiros) e os Estados Unidos (6 gaseiros) concentraron un ano máis o groso das importacións de gas realizadas por Galicia

O ano pasado 23 buques descargaron Gas Natural Licuado (GNL) na planta que Reganosa ten no interior da Ría de Ferrol, en Mugardos. Foron menos que no ano 2023 (29 gaseiros), que tamén marcara un máximo histórico na cantidade de gas fósil descargado, pero o 2024 foi en todo caso o segundo ano con máis cantidade descargada (26.795 GWh).

Segundo os datos publicados hai unhas semanas por Enagás no seu informe anual sobre o sistema gasístico, Rusia (15 gaseiros) e os Estados Unidos (6 gaseiros) concentraron un ano máis o groso das importacións de gas realizadas por Galicia. Dende o ano 2022 estes dous países compoñen o groso das compras de gas fósil que chegan a Mugardos, substituíndo a outros territorios, como Nixeria, Trinidade e Tobago, Perú ou Qatar, lugares de procedencia máis habituais do gas chegado a Galicia ata o ano 2021.

As chegadas de gas ruso a Galicia incrementáronse, precisamente, a partir do inicio da guerra en Ucraína en febreiro de 2022. Hoxe representan ao redor de dous terzos do gas descargado en Mugardos

Nomeadamente chama a atención que as chegadas de gas ruso a Galicia se incrementasen, precisamente, a partir do inicio da guerra en Ucraína en febreiro de 2022, que motivaron a imposición de sancións a Moscova por parte da Unión Europea. 

En concreto, ata o ano 2018 practicamente non chegaban a Mugardos gaseiros procedentes de Rusia. Entre 2018 e 2021 os gaseiros con orixe en Rusia pasaron a ser entre o 30% e o 50% dos que descargaron en Reganosa. Porén, a partir de 2022 as cifras mesmo aumentaron, pasando a representar o 54% (2022), o 69% (2023) e o 65% (2024).

O outro gran beneficiado da tendencia iniciada nos últimos anos son os Estados Unidos, cuxos envíos de gas a Mugardos eran moi escasos ata o ano 2019. A partir de 2022 as descargas de gas fósil procedente dos Estados Unidos incrementáronse tamén notablemente, chegando a representar o 32% (2022), o 24% (2023) e o 26% (2024).

A Comisión Europea quere endurecer as medidas contra Rusia, buscando a completa prohibición da importación de gas procedente deste país a partir de 2028, unha medida que prexudicaría sobre todo a Naturgy 

Galiza sen Gas leva anos denunciando esta realidade, incidindo en que a maior parte do gas que Galicia importa en consome procede, ou ben da Rusia sancionada pola UE, ou ben dos Estados Unidos que obteñen esta materia prima enerxética a través da criticada técnica do fracking, unha técnica prohibida en España.

Precisamente nos últimos días coñeceuse que a Comisión Europea quere endurecer as medidas contra Rusia, buscando a completa prohibición da importación de gas procedente deste país a partir de 2028. A medida podería prexudicar especialmente a Naturgy, como destaca InfoLibre, pois a multinacional con sede en Barcelona ten un compromiso para comprar á planta rura Yamal LNG 3.500 millóns de metros cúbicos de gas ao ano ata o 2038.

A prohibición que impulsa a Comisión Europea podería favorecer as importacións de gas fósil dos Estados Unidos, de África ou de Qatar, máis caro que o ruso

Aínda que os analistas cren que vai ser "extremadamente difícil" facer cumprir esta normativa, pois resulta "imposible" saber se un cargamento mercado a unha empresa procede orixinalmente de Rusia ou non, a prohibición que impulsa a Comisión Europea podería favorecer as importacións de gas fósil dos Estados Unidos, de África ou de Qatar. Trátase de gas cun prezo superior ao ruso, o que elevará o prezo final que pagan os consumidores. A orixe deste gas, ademais, é máis criticado polas violacións de dereitos humanos que se producen nos seus países de orixe ou polo dano medioambiental provocado nos Estados Unidos polo fracking.

No ano 2024, dos 23 gaseiros que descargaron en Mugardos, 15 chegaron de Rusia, 6 dos Estados Unidos, 1 de Angola e outros de Bélxica. Segundo apunta Galiza sen gas, "este posibelmente transportase tamén gas ruso, pois Bélxica actúa como un punto para a súa reexportación".

No conxunto do Estado as importacións de gas ruso tamén aumentaron dende o ano 2022, pero en menor medida que en Galicia. Ata o 2018 as descargas eran case inexistentes, pasaron a moverse entre o 5% e o 15% ata o 2021 e a partir do inicio da guerra eleváronse ata chegar ao 33% o pasado ano

Galicia sen gas advirte tamén que o GNL que chega a Mugardos "ao requirir maior gasto enerxético é máis intensivo en emisións de gases de invernadoiro e polo tanto máis prexudicial para o clima que o de gasoduto. Isto acentuarase aínda máis se medraren as importacións de gas estadounidense de fracking, pois esta técnica favorece as fugas de metano".

No conxunto do Estado as importacións de gas ruso tamén aumentaron dende o ano 2022, pero en menor medida que en Galicia. Ata o 2018 as descargas eran case inexistentes, pasaron a moverse entre o 5% e o 15% ata o 2021 e a partir do inicio da guerra eleváronse ata chegar ao 33% o pasado ano. Aumentaron tamén as importacións procedentes dos Estados Unidos e mantéñense moi elevadas as importacións procedentes de África (o 33% en 2024, no mesmo nivel que as procedentes de Rusia).

Galicia sen gas advirte de que o GNL que chega a Mugardos "ao requirir maior gasto enerxético é máis intensivo en emisións de gases de invernadoiro e polo tanto máis prexudicial para o clima que o de gasoduto". Isto acentuarase aínda máis se medran as importacións de gas estadounidense de fracking

A maioría do gas fósil importado por Galicia destínase ao consumo interno, aínda que nalgúns anos as reexportacións, posibilitadas por Reganosa, poden ser importantes, como sucedeu xa no ano 2023, atendendo ao datos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). 

Galiza sen gas denuncia que o atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase ata acadar un máximo histórico en 2021-2022. En 2023, ano máis recente con datos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o consumo descendeu o 8,5% con respecto a 2023, pero foi o cuarto máis alto da serie histórica. As centrais térmicas de gas (ciclos combinados) de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) e a industria acaparan conxuntamente un 85-90% da demanda anual galega de gas fósil.

A plataforma Galiza sen gas defende o fin do uso de gas fósil na produción eléctrica antes de 2030 e no resto dos sectores antes de 2035. Trátase, apuntan, de "obxectivos realizábeis mediante a redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.