O Goberno galego non esixiu ao Concello, do PP, un novo documento preceptivo sobre telecomunicacións despois que cambiase a lei ao respecto e deu por válido un informe antigo malia que o seu contido era desfavorable
A Xunta aprobou definitivamente en febreiro de 2015 o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Boqueixón, gobernado polo PP durante as últimas décadas, obviando un informe estatal preceptivo en materia de telecomunicacións que o Tribunal Supremo considera “básico”. A lei sectorial ao respecto mudara en 2014 pero o concello só entregara á Xunta un informe anterior, de 2012, que o Goberno galego deu por válido malia que o seu contido tamén era desfavorable.
Así o considera o Tribunal Supremo nunha sentenza do pasado 25 de maio que ratifica outra previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de 2017. A anulación do plan de urbanismo transcende agora ao verse obrigada a Xunta a publicar este mércores no Diario Oficial de Galicia a sentenza agora ratificada, pronunciada tras unha denuncia de Telefónica contra o Goberno galego.
A sentenza salienta que "o propio letrado da Xunta recoñece" que incluso do informe anterior obsoleto só se incluíran no plan "algunhas" das correccións precisas
Tanto o Superior como o Supremo consideran que a Xunta debía esixir ao Concello de Boqueixón que lle achegase un informe en materia de telecomunicacións posterior á modificación legal sobre o sector producida en 2014. Porén, con esa nova lei xa en vigor o Concello aprobou provisionalmente o plan en setembro dese ano e a Xunta validouno poucos meses despois sen esixir un informe conforme á nova normativa.
Pero a sentenza vai máis alá e salienta que o informe que xa había, de 2012, “non foi favorable, e o Concello de Boqueixón debía realizar unha serie de modificacións en diversos preceptos do PXOM,modificacións que non consta que fosen realizadas, é máis, o propio letrado da Xunta de Galicia recoñece que “foron recollidas no texto definitivo algunhas das recomendacións que se planteaban no informe”. A propia sentenza salienta a palabra “algunhas”, evidenciando que outras recomendacións non foron atendidas.
A Xunta intentou argumentar sen éxito que non é proporcionado anular todo un plan porque falte un informe sectorial, pero o Supremo considera as telecomunicacións “equipamento de carácter básico” polo que , "a súa omisión determina a nulidade do plan”
O Supremo tamén desmonta o argumento de Xunta e Concello que non é proporcionado anular todo un plan de urbanismo porque falte un informe sectorial. O alto tribunal di que “carece de todo sentido que poida entenderse aprobado definitivamente un plan xeral a excepción, como propugna a administración recorrente, das determinacións en materia de telecomunicacións, e é que a incuestionable incidencia que a rede de telecomunicacións ten noutras esferas do planeamento, ata o punto de que algunhas destas poden verse condicionadas por aquela, impide considerar que os plans xerais se aproben definitivamente sen determinarse o despregamento de dita rede”.
A ausencia dun “equipamento de carácter básico” como as telecomunicacións, di o tribunal, incide “na configuración xeral do planeamento, que resulta afectada pola omisión do informe en cuestión, polo que a súa omisión determina a nulidade do plan”.