O alcalde de Boqueixón recúa tras facerse público que prevía subir o seu soldo un 41%

Jesús Sanjuás, alcalde de Boqueixón © Concello de Boqueixón

Nova marcha atrás. Menos dun mes despois de que o ex alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio, se vise forzado a renunciar a un salario de 21.000 euros ao ano por ser concelleiro sen función ningunha -Gacio dimitiu da Alcaldía tras ser imputado na operación Pokémon- agora é o novo rexedor, Jesús Sanjuás, quen ten que recuar tras nunha controvertida operación salarial, neste caso para incrementar a súa propia remuneración en 850 euros ao mes.

A rectificación chega despois de que un dos dous concelleiros da oposición municipal, Xabier Canabal (non adscrito, membro de Anova), para quen os plenos deste Concello "van camiño do máis absoluto esperpento" xa que, despois de que o plan para darlle un soldo a Gacio "a modo de embaixador de Boqueixón" estivese a piques de chegar a bo porto, atopase unha "sorpresa que non é menor" na convocatoria da vindeira sesión plenaria, prevista para este mércores: "novo soldo do alcalde: 2.944,89 euros ao mes", resume.

A polémica chegou despois de que o goberno local tentase asignarlle un soldo ao ex alcalde malia non ter ningunha función asignada

Horas despois de que transcendese o asunto Sanjuás anunciaba, a través dun comunicado, a súa intención de dar marcha atrás e seguir co mesmo soldo, aínda que considerando "demagóxica e oportunista" a postura de Canabal xa que, afirma, "non esixe o mesmo" noutros concellos como o de Teo, "con cinco dedlcacións exclusivas". Ademais, o conservador defende que a súa intención era lícita dado que os alcaldes deben ter un salario acorde coa súa "responsabilidade" que, no seu caso, é de "24 horas ao día e 356 días ao ano", afirma.

Se a suba chegase a aplicarse, detalla Canabal, querería dicir non só que Sanjuás percibiría os devanditos 850 euros máis, senón que tamén cobraría 592 euros por riba do que tiña asignado o anterior alcalde. "Para as arcas do concello a diferenza a respecto do señor Gacio é dun plus de 17.156 euros anuais", detalla. "Nos anos que levo exercendo a oposición en Boqueixón nunca tal vin", afirma Canabal, para quen "estes úiltimos meses se converteron nunha carreira cara ao abismo". "Decrétanse soldos e funcións inverosímiles, convértense casas da cultura en casas funerarias, non se cumpren os acordos do pleno...". E a oposición, di, "só é chamada para aplaudir estas ocorrencias".

 

Jesús Sanjuás, alcalde de Boqueixón © Concello de Boqueixón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.