En 2015 o Supremo anulou o anterior plan de urbanismo por argumentar unha présa que non era tal para saltar a tramitación ambiental que agora comeza na que os prazos para a cidadanía non contarán ata que remate o estado de alarma
O 28 de marzo de 2008 a Consellería de Medio Ambiente daquela dirixida polo socialista Pachi Vázquez decidía eximir o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo de ter que someterse a unha avaliación completa do seu impacto ambiental, a denominada Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE). Sete anos despois, en novembro de 2015, o Tribunal Supremo consideraba ilegal aquela decisión e anulaba o PXOM. Tras redactar un novo plan, o Concello de Vigo vén de remitilo á Xunta para, agora si, enfrontarse a unha avaliación ambiental completa, trámite cuxos prazos de alegacións por parte da cidadanía non comezarán ata que se levante o estado de alarma polo coronavirus.
En 2008 Medio Ambiente considerou necesario aprobar o plan canto antes sen avaliación ambiental completa para evitar demoras na ordenación da cidade que prexudicarían aínda máis ao medio ambiente
Durante a alcaldía do nacionalista Lois Pérez Castrillo o Concello de Vigo iniciou a comezos deste século a redacción dun novo plan de urbanismo que superase o anterior de 1993. Co seu sucesor socialista Ventura Pérez Mariño paralizouse a súa tramitación, e cos seguintes gobernos encabezados pola popular Corina Porro e o socialista Abel Caballero mudouse en diversos elementos ata que en 2008 foi sometido ás consideracións ambientais por parte da Xunta.
Foi daquela cando a consellería considerou inviable someter o documento á avaliación ambiental completa por considerar que era necesario aprobalo canto antes e evitar así demoras na ordenación da cidade que prexudicarían aínda máis ao medio ambiente. A Xunta limitábase a asegurar que o PXOM xa incluía medidas ambientais e a esixir que se realizase máis tarde unha avaliación de cada proxecto concreto que se desenvolvese ao amparo do plan xeral, pero evitaba unha avaliación previa do documento marco na súa totalidade para non adialo. Así que o plan seguiu a súa tramitación e foi aprobado de xeito definitivo en xullo de 2009 polo daquela conselleiro popular Agustín Hernández.
En 2015 o Supremo negou a présa para aprobar o PXOM en 2008 porque se viña tramitando desde antes da lei que en 2006 estableceu as avaliacións ambientais e non foi aprobado definitivamente ata un ano despois
O plan foi recorrido xudicialmente por diversos colectivos e cidadáns e avalado primeiramente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Pero chegou ao Tribunal Supremo, que en novembro de 2015 considerou que a présa que argumentara Medio Ambiente para validar o plan sen avaliación ambiental non era tal porque o documento viña sendo tramitado desde antes da entrada en vigor en 2006 da lei que establecía o procedemento de avaliación ambiental estratéxica, porque desde aquela deixáranse pasar dous anos ata considerar inviable o seu sometemento a tal procedemento e porque despois “o certo é que o plan xeral en cuestión non é aprobado definitivamente ata un ano despois de terse ditado esa resolución”, di o alto tribunal.
Tombado o documento, volveu a estar en vigor o anterior, de 1993, e o Concello púxose a redactar un novo ao tempo que a Xunta aprobou unha modificación da lei do solo galega para facilitar diversos proxectos na cidade mentres. O Goberno galego tamén deixou claro que o novo plan non podería ser novamente eximido da avaliación ambiental, como o fora en 2008, malia que desde que existe ese procedemento os plans doutros concellos ou de grandes infraestruturas si foron eximidos, en ocasións amparándose en documentos plaxiados.
O prazo para alegacións da cidadanía non comezará a contar ata que remate o estado de alarma
Agora o Concello vén de anunciar que o novo plan en elaboración xa foi remitido o pasado día 7 de abril á Xunta para iniciar a súa avaliación ambiental estratéxica. A Consellería de Medio Ambiente, unha vez comprobado que a documentación do Concello é a requirida, deberá expoñelo ao público para que calquera persoa formule as alegacións que considere oportunas ao tempo que recompila informes de diversas administracións. Porén, aínda que esa exposición ao público se realice xa a través da súa páxina web, e con ela se poidan coñecer os detalles do documento que estes días está a publicitar o alcalde vigués, o prazo para formular as alegacións non comezará a contar ata que se levante o estado de alarma, como estableceu o Goberno central para todo tipo de trámites administrativos que afecten á cidadanía e como está a establecer a Xunta para outros trámites similares de información pública ambiental que se iniciaron nos últimos días. Isto é, os prazos contarán para que os diversos departamentos das diversas administracións que se teñen que pronunciar sobre o documento o fagan, pero non para as alegacións da cidadanía.