Novo pau ambiental ao Porto de Vigo, agora por unha obra en Rande: "Prevense efectos adversos significativos"

Enseada de San Simón, espazo natural protexido, e resolución sobre as obras que quere realizar o Porto de Vigo, emprazadas ao fondo á esquerda, xunto á ponte de Rande CC-BY-SA Xunta de Galicia - Praza Pública

A Autoridade Portuaria non logra autorización acelerada para remodelar o acceso aos peiraos da enseada de San Simón, espazo protexido que xa orixinou a anulación pola xustiza hai dous anos do Plan de Usos portuarios por non avaliarse o seu impacto nesa zona

“Prevense efectos adversos significativos sobre o medio ambiente”. Esa é a conclusión á que chega o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a partir de análises propias e da Xunta, sobre a obra que a Autoridade Portuaria de Vigo quere realizar para mellorar os accesos viarios aos peiraos que ten na contorna de Rande, xa no interior da enseada de San Simón, zona protexida incluída na Rede Natura 2000. O Goberno central rexeita así a petición formulada polo Porto de Vigo para obter unha autorización ambiental acelerada e obriga a realizar unha avaliación ambiental ordinaria do proxecto para identificar e minimizar mellor os seus impactos.

A imposición por parte do Goberno central dunha avaliación ambiental ordinaria, e non a acelerada que pretendía a Autoridade Portuaria presidida polo popular Enrique López Veiga, chega despois de que hai dous anos a xustiza xa anulase o Plan de Usos do porto por aprobalo sen avaliar o seu impacto ambiental malia afectar precisamente a ese espazo protexido. Ao tempo, a Autoridade Portuaria está a planificar máis de 200.000 metros cadrados de novos recheos, algúns nesa mesma contorna de Rande e a protexida enseada de San Simón, que presenta como “crecemento sostible”.

Alternativas propostas pola Autoridade Portuaria de Vigo para mellorar o acceso aos seus peiraos na enseada de San Simón Dominio Público BOE

No caso da reforma e mellora dos accesos viarios aos peiraos de Rande, a Autoridade Portuaria quere axilizar a entrada e saída de camións entre esa zona portuaria e a estrada N-552 entre Vigo e Redondela evitando que teñan que deterse en función do tráfico para facer xiros á esquerda. Para iso ofrece tres alternativas que implican a modificación do trazado da estrada nacional ou a construción de novas estruturas para superar a vía do tren paralela, obras que o Ministerio para a Transición Ecolóxica considera que terán efecto sobre o espazo natural protexido da enseada. 

A Consellería do Mar di que “as medidas preventivas e correctoras poden non ser suficientes”, o que “provocaría a alteración das augas e afección sobre os recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas”

A resolución do ministerio que obriga agora a avaliar e paliar mellor eses posibles impactos, con data do 5 de decembro e publicada no Boletín Oficial del Estado do 25 de decembro, recolle tamén as alegacións formuladas ao proxecto da Autoridade Portuaria por parte de distintas administracións e identifica as súas eivas. Unha das máis duras é a Consellería do Mar da Xunta, administración que nomeou en 2015 momento a López Veiga como presidente do Porto de Vigo e que ata agora viña apoiando os seus proxectos de recheos. Considera que “as obras están moi próximas á liña de costa e que as medidas preventivas e correctoras poden non ser suficientes” para evitar que os traballos afecten ao medio mariño. Se os materiais das obras chegan á auga, di, “provocarían a alteración das augas mariñas e afección sobre os recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas”. Similar advertencia fai o Instituto Español de Oceanografía, que salienta que “nas proximidades da zona de actuación se atopa a zona de especial conservación (ZEC) Enseada de San Simón e tres polígonos de bateas de cultivo de moluscos e varios bancos marisqueiros”, engadindo que “prevese que durante a fase de execución se poida producir alteración na calidade das augas como consecuencia do movemento de terras”.

“Prevese que durante a fase de execución se poida producir alteración na calidade das augas como consecuencia do movemento de terras”, di o Instituto Español de Oceanografía

Tamén desde a Xunta o seu Instituto de Estudos do Territorio critica que os planos das obras facilitados polo Porto “non detallan as medidas paisaxísticas” a executar. Pola contra, a Consellería de Medio Ambiente considera que a obra “é compatible coa preservación dos valores naturais da contorna sempre que se teñan en conta os aspectos” de control e paliativos xa contemplados pola Autoridade Portuaria.

Xunto con eses informes, tamén se pronunciaron de xeito crítico sobre o proxecto os concellos de Vigo, Redondela e Moaña, a Confraría de Pescadores desa última vila, os mexilloneiros, o BNG e diversas entidades ecoloxistas (Adega, Greenpeace e plataformas en defensa da Ría de Vigo e da Enseada de San Simón).

Un dos peiraos do Porto de Vigo existentes no interior da enseada de San Simón, xunto a Rande CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

O Ministerio para a Transición Ecolóxica salienta que “as actuacións previstas teñen unha forte oposición social”, cuestión que censura que a Autoridade Portuaria “non analizou”

Á vista de todos os informes, o Ministerio para a Transición Ecolóxica conclúe que as obras poderían ter “efectos adversos potencialmente significativos sobre a atmosfera canto ao impacto acústico nas vivendas” próximas á zona. Tamén considera que se deben analizar mellor “os efectos sinérxicos con outras infraestruturas e o resto de actividades portuarias e o risco de afección ao espazo de Rede Natura 2000”. Por último, o ministerio salienta que “as actuacións previstas teñen unha forte oposición social tanto polos Concellos de Redondela e Moaña como por movementos veciñais”, cuestións que censura que a Autoridade Portuaria “non analizou”.

A Audiencia Nacional xa anulou o Plan de Usos do Porto de Vigo porque foi aprobado sen analizar o seu impacto ambiental en varios espazos protexidos, entre eles esa mesma enseada de San Simón

O emprazamento de instalacións portuarias na protexida enseada de San Simón xa foi un dos motivos polos que a xustiza anulou hai dous anos a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP, o denominado Plan de Usos) do Porto de Vigo, o documento que establece a organización espacial básica dos portos estatais e, con amparo nela, permite certas obras. A Autoridade Portuaria de Vigo aprobara ese documento sen sometelo a avaliación ambiental, o que levou en 2017 á Audiencia Nacional a anulalo. 

O tribunal salientou que o feito de que o documento abarcase zonas protexidas como a enseada de San Simón debeu levar á Autoridade Portuaria a sometelo a avaliación ambiental, algo que non fixo malia que en 2013 a mesma Audiencia Nacional xa anulara polo mesmo motivo o mesmo tipo de plan do Porto de Marín. O pasado xaneiro o Tribunal Supremo ratificou a anulación da Audiencia Nacional e a Autoridade Portuaria de Vigo está a elaborar un novo plan, pero Puertos del Estado quere agora eximir de avaliación ambiental ese tipo de documentos.

Sentenza da Audiencia Nacional, ratificada en xaneiro polo Supremo, que anulou o plan de usos do porto de Vigo por non ser sometido a avaliación ambiental CC-BY-SA Praza Pública

Para esa zona de Rande e a enseada de San Simón a Autoridade Portuaria propón novos recheos convertendo en peiraos o que agora son 'escolleras' ou diques de cachotaría

Porén, ese feito, o de que o Porto de Vigo aínda non conte con ese plan para ordenar os seus espazos e malia iso estea a planificar xa novos recheos, é motivo de crítica por parte do alcalde de Vigo, Abel Caballero. Ante a suma de proxectos de novos recheos sobre a ría, o rexedor censurou a semana pasada que na Autoridade Portuaria “están facendo o Plan de Usos e antes de delimitar os espazos do porto xa din que hai que facer recheos; recheos nin antes nin despois, pero moito menos antes”, dixo. 

En concreto, a proposta da Autoridade Portuaria para a zona de Rande e a enseada de San Simón nos seus plans de ampliación é a dunha “posible transformación das escolleras existentes a continuación do monte da Guía en verdadeiras liñas de atraque, de maneira que se obteña o calado suficiente para o amarre de unidades de pequeno e mediano porte”. Iso implicará novos recheos cando menos ata a base baixo a auga deses diques de cachotaría así como o “aliñamento”, como o define o porto no seu Plan Estratéxico, das formas irregulares que presenta actualmente ese bordo litoral. Son proxectos que a Autoridade Portuaria presenta como “crecemento sostible”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.