Abel Caballero: “Na ría de Vigo acabáronse os recheos para sempre”

Caballero con Feijóo nunha imaxe de arquivo nun acto da Autoridade Portuaria de Vigo, que controlan os populares © Concello de Vigo

O alcalde rexeita os plans da Autoridade Portuaria de realizar novos recheos que sumarían máis de 200.000 metros cadrados e que son presentados como “crecemento sostible”

“Na ría de Vigo acabáronse os recheos para sempre”. Así o sentenciou este venres o alcalde, Abel Caballero, que abre así unha nova fronte contra a Autoridade Portuaria de Vigo, presidida polo popular Enrique López Veiga, que está a planificar máis de 200.000 metros cadrados de novos recheos presentándoos como “crecemento sostible”.

Os novos aterramentos que prevé o Porto, que afectarían a todo o bordo litoral entre Bouzas e o estreito de Rande, están a ser defendidos pola Autoridade Portuaria como “progreso” fronte a “actitudes negativas”. Entre eles inclúense outros cando menos 105.000 metros cadrados de recheo en Bouzas, 55.000 no centro da cidade entre os peiraos Comercial e Transversal, ou 5.000 fronte ao Auditorio Mar de Vigo, que quedaría aínda máis lonxe do mar. No caso do de Bouzas, a ampliación sobre o mar faría que o litoral de Cangas, na outra beira da ría, quede a apenas 2,65 quilómetros de distancia, arredor dun quilómetro menos da separación entre beiras que existía hai un século, antes dos recheos actuais.

Hai apenas tres semanas os socialistas rexeitaron no Pleno municipal unha moción do BNG apoiada pola Marea de Vigo en contra dos recheos portuarios argumentando que era demasiado xenérica

Enfrontados xa no xulgado pola responsabilidade penal do accidente do festival do Marisquiño, ata agora o Concello viña evitando pronunciarse tan abertamente sobre os grandes proxectos da Autoridade Portuaria, que contan co respaldo da Xunta. De feito, hai apenas tres semanas a maioría absoluta do grupo municipal do PSdeG rexeitou unha moción do BNG apoiada pola Marea de Vigo en contra dos recheos portuarios argumentando que era demasiado xenérica, unha postura que permitiu que o PP non tivese que saír sequera en defensa do Porto e optase pola abstención. O argumento socialista foi que o rexeitamento dos nacionalistas aos recheos era demasiado xenérico.

“Non podemos estar nun proceso continuo de ataque ao medio ambiente, á ecoloxía e ao sistema de funcionamento da ría de Vigo, e por iso non vai haber máis rechos nesta ría", di agora Caballero

Neste contexto, este venres celebrouse unha reunión do consello de administración da Autoridade Portuaria, da que é membro o alcalde. Ao seu remate, Caballero compareceu ante os medios de comunicación para lanzar a súa mensaxe de rexeitamento ao plan de empresa da autoridade portuaria para 2020 no que se recollen os seus proxectos de ampliación: “Non podemos estar nun proceso continuo de ataque ao medio ambiente, á ecoloxía e ao sistema de funcionamento da ría de Vigo, e por iso non vai haber máis rechos nesta ría, non vai haber máis recheos”, insistiu. Unha postura que contrasta coa mantida polo propio Caballero cando el mesmo estivo á fronte da Autoridade Portuaria, entre 2005 e 2007, e contemplaba a posibilidade de ampliar diversas instalacións, en particular o recheo de Bouzas, actuación que aseguraba que se faría con respecto polo medio ambiente. Caballero tamén se gabou xa como alcalde de facilitar a ampliación do peirao de Areal, nese caso realizada sen recheo.

Reunión este venres do consello de administración do Porto de Vigo Dominio Público @PuertoDeVigo

O rexedor critica que o Porto estea a planificar ampliacións sen contar sequera cun novo Plan de Usos que delimite os seus espazos e necesidades despois de que a xustiza anulase o anterior

Este venres Caballero chamou a atención sobre o feito de que o Porto de Vigo “propoña un recheo no peirao de Comercio por 20 millóns de euros e un recheo en Bouzas por 50 millóns de euros antes de ter o Plan de Usos, están facendo o Plan de Usos e antes de delimitar os espazos do porto xa din que hai que facer recheos; recheos nin antes nin despois, pero moito menos antes”, dixo. Referíase o rexedor ao feito de que o anterior Plan de Usos do Porto de Vigo, o documento que establece a organización espacial básica dos portos, fose anulado pola xustiza e a Autoridade Portuaria estea aínda a redactar un novo. Proceso que, por outra banda, Puertos del Estado quere eximir de avaliación ambiental.

Caballero tamén amosou a súa negativa a que os terreos nos que operaba o estaleiro Vulcano, que vén de pechar, poidan ser empregados para esas ampliacións e deixen de ter un uso vinculado coa construción naval

Malia carecer dese Plan de Usos, a Autoridade Portuaria ten en marcha xa en distintas fases de tramitación diversas ampliacións a través de recheos, contempladas noutros documentos de planificación como o seu Plan Estratéxico ou o a súa denominada “estratexia azul” ou “Blue Growth” (crecemento azul), que aspira a fondos europeos. Porén, o alcalde considera que antes de planificar novas ampliacións sobre o mar hai que reorganizar os espazos portuarios xa existentes. “Teñen que habilitarse outros espazos, e existen”, dixo, para asegurar que “iso é compatible coa industria, co desenvolvemento económico, co desenvolvemento de Citroën, é compatible con todo, pero hai que racionalizalo”.

Caballero tamén amosou este venres a súa negativa a que os terreos nos que operaba o estaleiro Vulcano, que vén de pechar, poidan ser empregados para esas ampliacións e deixen de ter un uso vinculado coa construción naval. "Esta cidade ten unha grande dedicación ao naval, polo que parece razoable seguir falando de naval en Vulcano, somos porto de construción naval", dixo o rexedor, engadindo que segue "impulsando a posición de construción naval de Vigo porque é unha grande industria para a cidade, para o noso territorio, xera valor engadido, emprego e mobiliza unha parte importante da economía de Vigo, da provincia e seguramente de toda Galicia". 

Vista aérea do estaleiro Vulcano, que vén de pechar e que está contigua ao peirao de contedores que o porto tamén quere ampliar © Vulcano
Vigo e o seu porto, en imaxes tomadas polo IGN en 2017 e polo Exército americano en 1956-57

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.