Os problemas do saneamento no país teñen consecuencias en forma de contaminación das augas, cunha correlación directa coa densidade poboacional ou os usos industriais ou agrícolas intensivos
O Plan de Saneamento que a Xunta vén de encargar para actualizar o anterior, de hai un cuarto de século, e establecer as melloras a realizar nos próximos anos parte dunha diagnose da situación actual no que respecta aos servizos de saneamento, con fosas sépticas sen control, 76 núcleos de poboación de máis de 250 habitantes que aínda carecen de conexión con redes de depuración e infraestruturas dese tipo que acaban vertendo ao medio ambiente sen tratamento. Pero o proceso de actualización do plan de saneamento tamén estudou, na súa fase de diagnóstico, a contaminación actual das augas superficiais en Galicia, divididas en 794 masas de auga diferenciadas.
Tras debullar nunha primeira información os principais problemas que aínda persisten nas infraestruturas de saneamento en Galicia, nesta segunda peza analizamos as consecuencias, co 7,7% das masas de auga con deficiente ou mala calidade ecolóxica e co 2% cun estado químico incorrecto.
A diagnose xa elaborada para agora redactar o plan de saneamento de Galicia analiza o estado das 794 masas de auga superficiais de Galicia, entendidas estas como partes diferenciadas e significativas de auga superficial, sexa treitos de ríos, encoros ou augas costeiras. Analizouse ese tipo de masas de auga porque é o que resulta afectado polas verteduras do saneamento dos núcleos de poboación, pero a Xunta admite que carece de datos sobre os efectos das fosas sépticas sobre as augas subterráneas.
Non só hai contaminación na Galicia máis poboada xa que en zonas do interior hai núcleos con "tratamentos deficientes" que acaban afectando ás masas de auga
O seu documento de diagnose xustifica expresamente que se analizasen só as augas superficiais porque "en xeral todas as aglomeracións verten a este tipo de masas, quedando por diagnosticar os efectos do saneamento autónomo sobre o estado das masas de auga subterráneas, imposible de avaliar coa información dispoñible na actualidade, xa que non se realiza ningún tipo de control sobre os saneamentos autónomos".
O estudo elaborado pola Xunta establece unha correlación entre a densidade poboacional e o grao de deterioro das masas de auga. Así, sinala que "oito masas de auga soportan densidades de máis de 20 habitantes equivalentes domésticos por hectárea, e moitas destas non acadan o bo estado".
Ademais desa correlación coa densidade poboacional, tamén se detectou que en zonas menos poboadas do interior de Lugo e Ourense hai masas de auga que reciben verteduras con "tratamentos deficientes" procedentes de núcleos de menos de mil habitantes equivalentes.
Zonas industriais ou con canteiras e minas presentan un mal estado químico das augas, mentres que o mal estado ecolóxico correlaciónase coas zonas máis urbanizadas ou coa Limia e o sueste de Ourense
Pero tamén hai correlación cos usos industriais ou agrícolas intensivos, con dez masas de auga cunha porcentaxe de solo industrial de máis do 10% do total da conca da masa de auga e outras dez masas de auga nas que o solo agropecuario é superior ao 60%.
Sobre os usos agrarios, o estudo matiza que a súa contaminación pode darse de dúas formas: de xeito directo, "cando existe conexión das actividades ás redes de saneamento", ou de xeito indirecto, "por contaminación difusa provocada polo emprego de fertilizantes e abonos". E sobre esta segunda posibilidade apunta a zonas "como na cabeceira do río Miño, conca do Limia e algunhas concas vertentes do Ulla". [Europa non condena a contaminación por nitratos en Galicia pero constata que está espallada por todo o país]
Esas correlacións poden verse nos mapas que emprega a Xunta para sinalar as 15 masas de auga que presentan un estado químico que non é bo e as 61 con estado ecolóxico malo (29) ou deficiente (32). Entre as primeiras destacan o río Louro a carón dos polígonos industriais do Porriño ou zonas con minas ou canteiras como Valdeorras, Ortigueira ou a de San Finx en Lousame. Entre as segundas, ademais dun peor estado xeral canto máis urbanizada estea unha zona, destaca A Limia, o sueste da provincia de Ourense e o Baixo Miño.
A diagnose da situación actual tamén estudou como de ben ou mal se integran as verteduras da rede de saneamento tras seren supostamente tratadas nas masas de auga nas que acaban. Unha integración que é máis difícil en verán e períodos de seca "se non circula caudal suficiente polo río para diluír nas zonas de mestura as concentracións vertidas". Así, no caso do Baixo Miño e A Limia apunta a posibilidade de que no mal estado desas concas poida estar influíndo o baixo grao de dilución en verán das augas procedentes do saneamento.