Sen control das fosas sépticas e sumidoiros que aínda verten sen depurar: os deberes do saneamento

Estación depuradora de augas residuais (Edar) de Bens, na Coruña, e mapas da situación do saneamento en Galicia CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A Xunta encarga un novo Plan de Saneamento un cuarto de século despois de aprobarse o anterior, para o período 2000-2015, e admite a "irregularidade" de que 76 núcleos de poboación non teñan conexión con redes de depuración

A Xunta vén de encargar a elaboración dun novo Plan de Saneamento de Galicia un cuarto de século despois de aprobarse o anterior, para o período 2000-2015, e unha década despois de rematar a súa vixencia. O novo documento, ao que destina 1,3 millóns de euros, deberá definir as accións e obras concretas a realizar para seguir mellorando a calidade das augas a partir do diagnóstico da situación actual que se elaborou nos dous últimos anos. 

E o que aínda hai pendente é significativo, xa que entre outras cuestións en 14 concellos hai poboación conectada a redes de saneamento que non dispoñen de depuradoras e verten directamente ao medio ambiente, hai 76 núcleos de poboación de máis de 250 habitantes que aínda non están conectados a redes de saneamento, e para esa poboación non conectada a redes que emprega fosas sépticas non hai regulación do baleirado destas no 68% dos concellos, "polo que non existe un control do saneamento autónomo nestes casos".

Analizamos os problemas actuais do saneamento nesta información, que irá seguinda dunha segunda coas consecuencias que implican para as 794 masas de auga superficiais de Galicia, das que o 7,7% ten un deficiente ou mal estado escolóxico e o 2% un incorrecto estado químico.

Porcentaxe de poboación en cada concello que non está conectada a unha rede de saneamento e debe depender de fosas sépticas CC-BY-SA Xunta de Galicia

O escenario que afronta o saneamento en Galicia nos próximos anos é mellor que o de hai 25 anos, cando se elaborou o último plan. En 1991 a Unión Europea aprobara unha Directiva que obrigaba a que as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes contasen con sistemas de tratamento das súas augas residuais “a máis tardar, o 31 de decembro do ano 2000”. Pero iso non ocorreu nalgúns puntos de Galicia ata moito despois, cando a normativa xa fora baixando o limiar da poboación co que unha aglomeración debe contar con saneamento. 

Foi na última década cando entraron en funcionamento importantes depuradoras longamente adiadas, como as de Vigo e Ribeira, cuxa demora supuxo multas para Xunta e Estado. Agora están en marcha outras como a nova depuradora de Santiago, e xa hai en todo o país un total de 4.132 depuradoras de todos os tamaños. Pero segue habendo deberes pendentes.

O 13% da poboación galega aínda non está conectada a redes de saneamento e 212 concellos non regulan o baleirado de fosas sépticas, "polo que non existe un control do saneamento autónomo nestes casos"

A normativa en materia de augas vai priorizando progresivamente as zonas a depurar en función da súa carga contaminante, empregando para iso o concepto de habitante equivalente. É unha unidade de medida que calcula a carga contaminante total coa que deberá traballar unha depuradora a partir do que xeraría cada persoa un día nunha vivenda normal, de xeito que unha praza de gardería equivale a 0,5 ou unha vaca a 4 habitantes equivalentes. Por iso, segundo o diagnóstico feito pola Xunta da situación actual en Galicia, os 2,7 millóns de habitantes do país son realmente 5,2 millóns de habitantes equivalentes á hora de calcular as necesidades de depuración. 

A partir desa unidade de medida a Xunta identificou en todo o país 496 aglomeracións de máis de 250 habitantes equivalentes. Delas, 9 aglomeracións contan con máis de 100.000 habitantes equivalentes, o que supón o 58% do total. Pero hai un 13% do total de habitantes equivalentes de Galicia que aínda non están conectados a redes de saneamento e depuración, principalmente nos concellos máis pequenos.

Concellos que non contan con regulación do baleirado de fosas sépticas CC-BY-SA Xunta de Galicia

O problema da poboación non conectada a redes de saneamento é que, segundo o diagnóstico da Xunta, "no 68% dos concellos (212) non está regulado o baleirado de fosas, polo que non existe un control do saneamento autónomo nestes casos". 

Parte desa poboación que non está conectada a redes de saneamento e que depende de fosas sépticas non está completamente dispersa. A Xunta detectou cando menos 76 núcleos de máis de 250 habitantes equivalentes localizados en 31 concellos que non están conectados a redes e "constitúen unha irregularidade, ou polo menos han de ser obxecto dun estudo específico prioritario fronte a outros núcleos". Esas aglomeracións serán unha das prioridades do novo plan que agora se elaborará, que deberá determinar se é máis útil conectalas ás redes doutras aglomeracións veciñas, crear as súas propias redes de depuración ou continuar con fosas sépticas correctamente manexadas.

Porcentaxe de poboación non conectada á rede de saneamento en aglomeracións de máis de 250 habitantes que contan con ela CC-BY-SA Xunta de Galicia

En 175 aglomeracións de máis de 250 habitantes que contan con saneamento aínda hai poboación sen conectar a esas redes, un problema "considerable nas Rías Baixas e Baixo Miño"

Pero tamén hai aglomeracións que xa contan con redes de depuración que aínda así seguen tendo no seu interior vivendas sen conectar a elas. Así, das 496 aglomeracións de máis de 250 habitantes delimitadas en Galicia no 35% (175) existe poboación sen conectar. E delas hai 121 aglomeracións nas que a poboación sen conectar é máis do 2%, o que supón uns 34.000 habitantes equivalentes. Un problema que se cualifica como "considerable nas aglomeracións das Rías Baixas e Baixo Miño".

E tamén hai poboación, 7.500 habitantes equivalentes repartidos en 14 concellos, que está "conectada a redes que non dispón de servizo de depuración, vertendo ao medio receptor as augas residuais brutas concentradas nos puntos de vertido dos colectores que as recollen".

Calidade do tratamento das augas nas depuradoras das principais aglomeracións urbanas CC-BY-SA Xunta de Galicia

A todos estes e outros problemas como os fallos nas depuradoras xa existentes, as fugas, os desbordamentos das redes de saneamento en tempos de choiva ou o impacto dos vertidos nas masas de auga deberá dar resposta o novo plan agora encargado pola Xunta para evitar consecuencias como a contaminación das masas de auga, que analizaremos nunha seguinte peza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.