O Consello de Ministros repercutiu nas autonomías parte da multa europea de 32 millóns e cifrou en 4 millóns o que debía pagar Galicia, o Goberno galego recorreu e agora o tribunal rexeita os seus argumentos, entre eles que fora responsabilidade local
O Tribunal Supremo vén de ratificar, nunha sentenza do 26 de xaneiro, que a Xunta deberá pagar 4 millóns de euros da multa de 32 millóns que a Unión Europea impuxo a España pola demora no saneamento de varias aglomeracións urbanas en todo o Estado, entre elas Vigo, Ribeira e Santiago. No caso de Santiago o Goberno de España asumiu a súa propia responsabilidade, que cifrou en 1,6 millóns, pero atribuíu á Xunta a demora das depuradoras de Vigo e Ribeira, cifrando a parte autonómica da multa en 3,7 e 0,3 millóns respectivamente, que xa se cobrou.
A Xunta recorreu esa decisión, pero agora o Tribunal Supremo vén de rexeitar todos os seus argumentos e só admite que o Estado non lle pode cobrar ademais un recargo por apremio doutro millón de euros. Faino nunha sentenza que permite comprobar que un dos argumentos que empregou a Xunta para intentar evitar a multa foi o de que a responsabilidade sería dos concellos de Vigo e Ribeira, pero o Supremo salienta que o previamente o Goberno galego atribuírase para si a competencia sobre esas dúas depuradoras.
A orixe da multa que debe pagar a Xunta está en 1991, cando a Unión Europea aprobou unha Directiva que obrigaba a que as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes contasen con sistemas de tratamento das súas augas residuais “a máis tardar, o 31 de decembro do ano 2000”. Ese requisito non se cumpriu en Vigo ata 2018, cando se inaugurou a nova depuradora, e similares demoras rexistráronse en Ribeira ou Santiago.
En 2011 o Tribunal de Xustiza da UE ratificou os incumprimentos e certificou que, entre outros puntos do Estado, non se estaba a cumprir a Directiva sobre saneamento de augas en Vigo, A Coruña, Santiago, Tui, Baiona, a marxe norte da ría de Arousa, Noia, Cariño e Viveiro. Pero a Comisión pasou nese momento a contentarse coas xustificacións que lle foi dando o Goberno central de que xa se estaba a traballar para mellorar a situación e foi adiando a sanción.
Ao tempo, nos comicios europeos de 2014, o PP chegou a elevar a proposta electoral non o cumprimento da normativa senón que o seu incumprimento non implicase sancións. Finalmente, en 2018 o tribunal europeo decidiu impoñer unha multa inicial de 12 millóns e sucesivas multas coercitivas mentres non se resolvesen os problemas aínda pendentes.
O Goberno central asumiu a súa responsabilidade de 1,6 millóns polo atraso da depuradora de Santiago e atribuíu os 3,7 millóns da de Vigo e os 0,3 millóns da de Ribeira á Xunta, que quixo á súa vez desviar a responsabilidade "á administración local"
Hai dous anos o Goberno central tomou a decisión de repercutir parte dos 34 millóns de euros que xa levaba pagados por esas sancións nas diversas administracións que consideraba corresponsables dos atrasos, de xeito que reclamou á Xunta 4 millóns polos atrasos no saneamento de Vigo e Ribeira e, ao tempo, asumiu que a propia Administración Xeral do Estado debía pagar outros 1,6 millóns por Santiago. A Xunta recorreu esa decisión e intentou paralizala de xeito cautelar, pero hai un ano o Supremo xa o rexeitou e permitiu que o Goberno central xa se cobrase esas contías empregando un decreto impulsado en 2013 polo ex-ministro popular Montoro. E agora o mesmo Supremo resolve sobre o fondo da cuestión rexeitando “a totalidade das alegacións” da Xunta.
A Xunta tentou primeiro tombar a decisión do Goberno central de repercutirlle parte da multa alegando cuestións formais, como que o Estado actuara de forma extemporánea. O Goberno central iniciara en decembro de 2018 un primeiro proceso de repercusión de responsabilidades no que non se apuntaba á Xunta, pero caducou e en outubro de 2019 iniciou un segundo, o agora confirmado, no que xa si se lle repercutía a súa responsabilidade malia contar cun informe contrario. O Tribunal salienta que o que importa é o remate dun proceso que se inicia precisamente para determinar quen é o responsable e no curso do cal poden mudar as previsións iniciais e son achegados informes dispares de diversos departamentos.
E sobre o fondo do proceso o tribunal considera que o Goberno de España argumentou adecuadamente que el non fora o responsable dos atrasos xa que cumprira con todas as obrigas que lle fixaban os diversos convenios que asinara coa Xunta e os concellos. Nesa liña, o Supremo lembra que o Estado si asumiu a súa responsabilidade polo atraso da depuradora de Santiago.
O Supremo lembra que a Xunta se atribuíu a competencia sobre as depuradoras de Vigo e Ribeira
Pero a sentenza agora emitida polo Supremo revela que a Xunta, ante a posibilidade de que non se lle dese a razón no seu intento de culpar ao Estado, empregou como “pretensión subsidiaria” que se atribuíse a responsabilidade “á administración local”. E o Supremo tamén rexeita esa posibilidade. Faino lembrando que a lexislación galega establece que Augas de Galicia, ente dependente da Xunta, é o competente para “a planificación, programación, proxecto, construción e explotación de obras hidráulicas declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia polo Consello da Xunta”. E a sentenza engade xusto a continuación que ese “é o caso das obras hidráulicas de Vigo e Ribeira, declaradas de interese pola Comunidade Autónoma”.
O Supremo só admite unha petición da Xunta engadida posteriormente á súa demanda inicial contra o Estado, a de non ter que pagar un “recargo de apremio” que lle impuxo a delegación en Galicia da Axencia Tributaria e que facía que a multa inicial de 4 millóns pasase a 5,1 millóns. O tribunal lembra que o proceso creado en 2013 para que o Estado puidese repercutir a outras administracións este tipo de multas europeas “non ten carácter sancionador senón de distribución de responsabilidades declaradas por incumprimento do Dereito da Unión”.