A UE sancionou a España con 32 millóns e o Goberno central xa cobrou a parte que considera responsabilidade das comunidades autónomas aplicando un decreto impulsado en 2013 polo popular Montoro
O Goberno central, aplicando un decreto impulsado en 2013 polo ex-ministro popular de Facenda Cristóbal Montoro, xa cobrou os 4 millóns de euros que considera que son responsabilidade da Xunta dentro dos 32 millóns de multa que España tivo que pagar á UE polo atraso no cumprimento da normativa comunitaria de depuración de augas residuais de 1991. O Goberno galego intentou paralizar cautelarmente a parte da multa que lle atribuíu o executivo central pero o Tribunal Supremo rexeitou esa medida cautelar porque considera que a contía non é de tanta relevancia dentro do orzamento total da Xunta, de 11.000 millóns, e remite á resolución xudicial final sobre o conflito.
En 1991 a UE estableceu que en 2000 todas as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes debían tratar as súas augas residuais pero non foi ata 2018 que o Tribunal de Xustiza comezou a multar ao Estado por anos de incumprimentos
En 1991 a Unión Europea aprobou unha Directiva que obrigaba a que as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes contasen con sistemas de tratamento das súas augas residuais “a máis tardar, o 31 de decembro do ano 2000”. Ese requisito non se cumpriu en Vigo ata hai tres anos, cando se inaugurou a nova depuradora, e similares demoras rexistráronse en Ribeira ou Santiago.
En 2011 o Tribunal de Xustiza da UE ratificou os incumprimentos e, tras sucesivos adiamentos, finalmente en 2018 impuxo unha multa inicial de 12 millóns e sucesivas multas coercitivas mentres non se resolvesen os problemas aínda pendentes. O pasado 10 de marzo o Goberno central tomou a decisión de repercutir parte dos 34 millóns de euros que xa levaba pagados por esas sancións nas diversas administracións que considera corresponsables dos atrasos, de xeito que reclamou á Xunta 4 millóns polos atrasos no saneamento de Vigo e Ribeira e, ao tempo, asumiu que a propia Administración Xeral do Estado debía pagar outros 1,6 millóns por Santiago.
O PP chegou a propor en 2014 no seu programa electoral europeo que a UE fose "máis flexible" co incumprimento da normativa de 23 anos antes e non supuxese sancións
A Xunta recorreu ante o Tribunal Supremo esa decisión do Goberno central e solicitou a paralización cautelar. A cuestión de fondo sobre a parte da multa que lle corresponde pagar ou non a Galicia aínda está pendente de resolverse, pero o Supremo vén de denegar, nun auto do 28 de xaneiro, a paralización cautelar. Faino despois de que o propio Goberno central xa cobrase os 4 millóns aplicando un decreto de 2013 impulsado polo ex-ministro popular de Facenda Cristóbal Montoro para “repercutir as responsabilidades por incumprimento do Dereito da Unión Europea”.
Esta norma permite ao Estado deducir ou reter as contías do financiamento que entrega a outras administracións. Menos dun ano despois de aprobarse ese decreto o PP chegou a elevar a proposta electoral para os comicios europeos de 2014 non que se cumprise a normativa europea de depuración senón que a UE fose "máis flexible" co seu incumprimento e non implicase sancións.
O Supremo rexeita a paralización cautelar que pedía a Xunta porque 4 millóns é pouco comparado dos 11.000 millóns do seu orzamento total e porque se finalmente se lle dá a razón sobre o fondo da cuestión o Estado devolveríallos
Agora no seu auto o Supremo rexeita o intento da Xunta de paralizar ese pagamento por varios motivos. Por unha banda, porque considera que non se produce ningún prexuízo permanente xa que se finalmente o tribunal resolve sobre o fondo da cuestión que non é procedente que o Estado repercuta parte da multa en Galicia, deberalle devolver os cartos con “compensacións”, sen que exista o risco que pode haber con outros particulares de que se declare insolvente.
Tamén rexeita o argumento da Xunta de que a multa suporía “un grave quebranto” nas contas de Augas de Galicia, a entidade á que o Goberno galego atribúe a responsabilidade. O Supremo lembra que a quen o Goberno central deriva esa responsabilidade non é a ese ente paralelo senón á Xunta, “en cuxo orzamento a incidencia das contías reclamadas non presenta unha relevancia que impidan o normal desenvolvemento e prestación dos seus servizos”. Os orzamentos da Xunta para este 2021 superan os 11.000 millóns de euros.
O Supremo tamén analiza que tanto a Xunta como o Goberno central “representan e fan valer intereses públicos”, pero engade que “non pode descoñecerse que a derivación de responsabilidade á Administración autonómica enmárcase na previa esixencia de responsabilidade ao Estado polo incumprimento do dereito comunitario con carácter xeral, o que pon de manifesto a prevalencia do interese público representado polo Estado”. Por iso, prima “a inmediata executividade da decisión administrativa adoptada e a presunción de validez de que a mesma está investida”.