0 Gardados para despois

Xunta e Fomento apláudense polo enlace da AP-9 ao Gaiás, anunciado por Feijóo como conselleiro en 2003

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Ministerio de Fomento preparou a pasada semana o terreo para a visita do seu titular a Galicia con dous anuncios que ficaron en segundo plano por mor do veto definitivo á transferencia da AP-9 á Xunta, que Alberto Núñez Feijóo dixo acatar con "lealdade" polas "tensións territoriais" do Estado. Un foi o relativo á asunción por parte do Goberno central das bonificacións de peaxes que dende 2006 pagaba ao 50% coa Xunta, documento no que tamén admitiu que Audasa leva dende 2006 gozando dun "enriquecemento inxusto" grazas ao sistema de cálculo que agora Fomento muda. O outro, a licitación das obras do enlace da mesma Autoestrada do Atlántico coa Cidade da Cultura, pola que Íñigo de la Serna e Feijóo se aplaudiron con intensidade malia tratarse dun proxecto que leva case década e media a transitar polas gabetas dos gobernos español e galego. Concretamente, dende que o propio Feijóo o anunciou, como conselleiro de Política Territorial, en setembro de 2003.

Naquel final de verán de hai catorce anos o actual presidente da Xunta levaba apenas seis meses na Consellería á que chegara como remuda de Xosé Cuíña, enviado pola dirección central do PP en plena crise do Prestige. A quen o ano seguinte ascendería a vicepresidente primeiro de Manuel Fraga correspondíalle neses meses formular toda unha fervenza de anuncios de investimentos, a maioría ligados ao Plan Galicia que, afirmaba, convertera a Galicia en "envexa doutras autonomías". O día 3 de setembro o departamento de Feijóo fixo oficial o anuncio: "A Xunta investirá 3,3 millóns de euros nas obras de construción do enlace da Cidade da Cultura de Galicia coa autovía A-9", denominación que a Consellería manexaba para o treito urbano da AP-9.

O primeiro anuncio da obra, que Fomento se dispón a contratar, lanzouno a Consellería de Feijóo en setembro de 2003, en plena promoción do Plan Galicia

A través do conselleiro Feijóo o goberno Fraga puña 3,4 millóns de euros máis para o controvertido complexo que estaba a construír no compostelán monte Gaiás. Servirían, detallaban, para construír unha ligazón de 1,6 quilómetros dunha única dirección e unha vía de 500 metros de dirección dobre. O horizonte para o enlace coa AP-9 era o mesmo que o previsto que para os primeiros edificios da Cidade da Cultura, 2005.

A coñecida sucesión de atrancos e sobrecustos, o cambio de Goberno na Xunta e no Estado, as sucesivas mudanzas no proxecto do Gaiás ata a súa inauguración parcial en 2011 e a posterior paralización das obras en 2013 foron algún dos acontecementos que acompañaron as promesas sobre esta obra, que dende 2009 foi unha peza máis da batalla entre o Goberno galego do PP e o estatal do PSOE. Así, foi pouco antes da vitoria dos populares nas xerais de 2011 cando o último ministro socialista de Fomento, José Blanco, accedeu a incluír o acceso ao Gaiás dentro da ampliación da AP-9 en Santiago.

Detalle do proxecto de enlace da AP-9 á Cidade da Cultura / Ministerio de Fomento

A Xunta chegou a poñer sobre a mesa en 2012 uns 7 millóns para construír o enlace, se ben a fórmula definitiva non chegou ata o convenio asinado en 2016

Xa con Rajoy na Moncloa o Goberno galego mudou de guión e en 2012 o daquela conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, puña sobre a mesa 7 millóns de euros -máis do dobre do previsto por Feijóo como conselleiro- para executar os traballos. Ao contrario do que sucedera en 2003 nesa ocasión a Xunta si realizou algún trámite ao respecto e en marzo dese mesmo ano someteu o proxecto a información pública. Non obstante, a fórmula definitiva para pagar e facer a obra non chegou ata catro anos despois, no verán de 2016, cando a Xunta e o Goberno de Rajoy en funcións asinaron un convenio xunto a Audasa polo que Fomento financia a obra con 4,2 millóns e a Administración autonómica se fai cargo das expropiacións por uns 300.000 euros, ademais da redacción do proxecto construtivo.

Con este pano de fondo, catorce anos despois de lanzar o proxecto como conselleiro Feijóo eloxia o "compromiso" de Fomento por poñer en marcha o contrato. "Unha vez que están no BOE, os compromisos políticos rematan; a partir de aí hai que adxudicar e executar a obra", sinalou o presidente ante o ministro. Mentres, dende o Concello de Santiago saúdase a recta final do proceso por supor tamén un alivio para os tráficos que actualmente soportan barrios como os de Sar e Fontiñas, se ben o goberno local que encabeza Martiño Noriega comparte coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre a opinión de que o enlace do Gaiás ten unha urxencia menor que o coñecido como enlace orbital, que conectará no norte da capital galega a AP-9 e a A-54 -autovía do aeroporto e inicio do futuro vial a Lugo- coa devandita área industrial.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea e BNG advirten a Feijóo de que non se renderán ante o novo veto "bochornoso" á transferencia da autoestrada

M.P.

En Marea e BNG advirten de que non se renderán na loita por lograr a transferencia da AP-9 a Galicia. Ambas as dúas formacións veñen de impulsar novas iniciativas para pedir explicacións a Feijóo, a quen critican con dureza tras a polémica comparecencia deste luns xunto ao ministro de Fomento. 

O BNG volverá solicitar a comparecencia de Feijóo polo "espectáculo bochornoso" de "traizón a Galicia"

O BNG volverá solicitar a comparecencia de Feijóo polo "espectáculo bochornoso" de "traizón a Galicia" que, na súa opinión, deu o presidente da Xunta acompañado do ministro Íñigo de la Serna, na que ambos defenderon a negativa do Goberno central a transferir a AP-9. Así o dixo Ana Pontón, voceira do Bloque, durante o pleno extraordinario para o debate do teito de gasto, que aprobou a Cámara cos únicos votos a favor do PP. 

Pontón acusou a Feijóo de "agocharse" pero advertiulle tamén de que a súa formación "non vai tirar a toalla". Ademais, cargou con dureza contra o presidente, ao que recriminou que "hai tempo" rompese "o carné de militante de Galicia para actuar como "delegado de Rajoy en Monte Pío" e ser "incapaz de defender os intereses" dos galegos. Respecto da alusión que ministro e presidente da Xunta fixeron a Catalunya, cuxo conflito empregaron como escusa para non acceder á transferencia, a portavoz nacionalista foi clara. "En maio -data na que se aprobou por unanimidade a iniciativa para a transferencia da autoestrada no Parlamento- non sabía cal era o debate que había en Cataluña?", preguntou. 

Por outra banda, a deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández presentou este martes unha batería de preguntas na Cámara Baixa dirixidas ao Ministro de Fomento. A parlamentaria foi especialmente crítica cos novos argumentos empregados por Íñigo de la Serna para seguir veta a peticiónndo unánime do Parlamento.

"Imos continuar defendendo os nosos intereses, e o que teña que rachar que rache", advirte En Marea

“O ministro veu dicirnos que renunciemos a xestionar as nosas infraestruturas, que renunciemos á xestión da AP-9, para salvagardar a unidade de España. Mais, non imos consentir que o Estado continúe a pór paus nas rodas e os dedos nos ollos. Imos continuar defendendo os nosos intereses, e o que teña que rachar que rache”, asegurou. 

Do encontro de onte, á parlamentaria de En Marea resultoulle "chamativa" a nova xustificación sobre a Autoestrada do Atlántico. “Escoitamos de todo, especialmente argumentos baseados no custo económico do seu rescate, que por certo e á vista do aprobado no Consello de Ministros do venres pasado, sería unha pálida sombra en comparanza coa abultada suma que vai empregar o Goberno no resgate das quebradas autoestradas radiais de Madrid. É evidente o dobre raseiro. Non hai límite para rescatar as autoestradas da época do pelotazo de Aznar, pero negación total á transferencia da AP-9", reflexiona. 

Xa o propio luns, o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurara que "Feijóo ten que conseguir que o ministro retire o veto da AP-9" e que "todo o demais será unha claudicación". Para o deputado, De la Serna "vén lavar a cara pero con pouco xabrón" e “comprar conciencias” con 6 millóns de euros tras reducir 440  nos Orzamentos.