O traspaso de competencias sobre a AP-9 á Xunta veu sendo un dos principais debates a respecto de Galicia no Congreso dende hai máis dunha década. Especialmente nas dúas últimas lexislaturas estatais, cando a lei pactada no Parlamento galego por unanimidade foi bloqueada durante dous anos polo Goberno de Mariano Rajoy para evitar que fose debatida no Congreso e, tras o seu desbloqueo despois da moción de censura, o adianto electoral impediu que chegase ao remate do seu percorrido nas Cortes.
O anticipo electoral impediu o remate da tramitación da lei do traspaso da AP-9 no Congreso e a ministra Celaá afirma que o Goberno de Pedro Sánchez non pretende obstaculizala
Este mércores dúas das forzas políticas que concorren aos comicios do 28A, En Común-Unidas Podemos e BNG, acudiron a varios puntos da autoestrada que articula o eixo atlántico galego para esixiren o traspaso inmediato na vindeira lexislatura, que o Goberno de Pedro Sánchez asegura non estar a obstaculizar, segundo afirmou a ministra portavoz, Isabel Celaá, ao ser preguntada ao respecto.. Pero tamén o rescate da infraestrutura, unha posibilidade que a lei remitida polo Parlamento a Madrid contempla unicamente como hipótese de futuro.
No caso de Unidas Podemos varios membros das súas candidaturas resumiron as súas reivindicacións sobre o terreo na Coruña e Vigo. No treito vigués Yolanda Díaz, desta volta cabeza de lista por Pontevedra, asegurou durante un encontro con veciñanza de Teis e Chapela que "nin PP nin PSOE se van enfrontar a Audasa". "Só nós o podemos facer, porque non lle debemos nada a ningunha multinacional" asegura.
Gómez-Reino reclama a "fin da opereta política" sobre a AP-9 e "traballar polo autogoberno para que sexa transferida dunha vez"
Ao carón da peaxe de Sigüeiro o cabeza de lista da formación por esta circunscrición, Antón Gómez-Reino, instou á fin da "opereta política" a respecto da AP-9. O que cómpre, resume, é "traballar polo autogoberno e que esta vía sexa transferida dunha vez" como primeiro paso para que "os galegos e galegas deixemos de pagar un prezo desorbitado por unha infraestrutura básica par ao desenvolvemento do noso país". Neste sentido, agrega Díaz, En Común non confía no PSOE, xa que o Ministerio de Fomento "deixou claro que non quere transferir a AP-9", que ao seu xuízo debe ser "galega", pero tamén "pública e gratuíta" mediante a súa nacionalización.
O Bloque defende "nacionalizar" para a fin da "estafa" de Audasa
Tamén o BNG reiteraba este mércores a súa vontade de reclamar no Congreso a "nacionalización" da Autoestrada do Atlántico no caso de volver ter representación no Congreso. Así o avanzou o seu cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, durante unha visita ao Milladoiro, núcleo do Concello de Ames lindeiro con Santiago onde o goberno local, no que participa o BNG, reclama desviar pola AP-9 gran parte do tráfico urbano.
"Insistiremos para que o Ministerio de Fomento, responsábel desta vía, poña en marcha o proxecto para desviar o tráfico a través dunha AP-9 liberada de peaxes", afirma Rego, para quen o único xeito de "acabar coa estafa tarifaria" de Audasa é "nacionalizar a AP-9 para facela gratuíta". No caso concreto do Milladoiro, agrega o BNG, esa liberación da autoestrada implicaría tamén reducir "a contaminación" no interior do núcleo urbano, liberándoo de vez do tráfico de paso entre Compostela e Pontevedra.