Un abano de "quince compromisos" cuxo cumprimento sirva para "inclinar a balanza do lado de Galiza" e, ao tempo, "frear a involución democrática garantindo que non gobernen as dereitas españolistas". É o roteiro que o BNG traza cara ás eleccións xerais do 28A, no que o reto fundamental da formación soberanista é recuperar representación no Congreso tras non lograla nas xerais de 2015 e 2016.
Reactivar os traspasos de competencias a Galicia "superando a década de Feijóo con cero transferencias" e máis recursos económicos, tanto pola vía do investimento estatal como do financiamento da Xunta e dos Concellos, son dous dos principais puntos do programa electoral presentado este martes pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, xunto aos cabezas de lista das catro circunscricións.
Nun contexto de forte polarización o BNG defende que o seu posible retorno ao Congreso pode servir para defender "unha axenda a favor de Galiza" e, ao tempo, "garantir que non gobernen as dereitas españolistas"
Nun contexto de forte polarización entre os bloques esquerda-dereita Pontón tenta facer ver que esta é unha "oportunidade de ouro para que galegos e galegas sexamos determinantes" e que os escanos do BNG poden servir ao mesmo tempo para "poñer sobre a mesa unha axenda a favor de Galiza" e "ser freo á recentralización política e á involución democrática". Porque esas, ao seu xuízo, son "dúas caras da mesma moeda".
Baixando ao concreto, no que atinxe ao autogoberno o BNG proponse defender un catálogo de traspasos que, en boa medida, bebe do paquete de transferencias pactadas no Parlamento hai unha década e bloqueadas dende ese momento. Figura en lugar destacado a AP-9 e a "seguranza pública, policía xudicial e fiscal e garda de tránsito" ou, o que é o mesmo "despregar o corpo de Policía Galega" ao abeiro da lei do 2007.
Competencias en materia de tarifa eléctrica, costas ou salvamento marítimo figuran tamén nun programa no que o BNG volve apostar polo modelo do concerto económico en materia de financiamento. Reclama, asemade, unha reforma do financiamento municipal e a fin das deputacións provinciais.
Derrogar as últimas reformas laborais ou traspasar á Xunta pisos do banco malo para destinalos a vivenda pública destacan na parte social do programa do Bloque para as xerais
No eido das políticas sociais e laborais a táboa negociadora que formula o Bloque no caso de obter representación no Congreso inclúe medidas concertas como derrogar o decreto do ano 2012 que limitou o alcance da lei de dependencia e mais "as últimas contrarreformas laborais e das pensións". Unha bolsa de vivenda social en alugueiro ou o traspaso á Xunta de vivendas do banco malo figuran tamén nun programa que aposta por medidas en materia educativa como eliminar o financiamento aos colexios que segregan por sexo.
Ao fío da igualdade, eses quince puntos inclúen tamén a creación de novos xulgados específicos de violencia de xénero ou a oposición aos ventres de alugueiro. Tamén a introdución do "concepto de consentimento" na lexislación sobre violacións e agresións sexuais e o concepto de "feminicidio" nas leis vixentes contra a violencia machista, entre outras medidas.