Tensión educativa

© El Diario

Cada día, si, cada día, teño que reflexionar e reformularme moitas cousas do ensino. Cada día, si, cada día, procuro buscar como conseguir o interese das rapazas e dos rapaces en aprender. Como incentivalas, como motivalos, como espertar a súa curiosidade, como emocionalas. E só unhas pouquiñas veces, si, moi pouquiñas, conséguese. E é unha satisfacción moi grande, porque só esas veces, cando se consegue que algo lles guste, é cando ves que de verdade van querer aprender.

Cada día, si, cada día, algún comentario ou reacción dun alumno ou dunha alumna faime reflexionar sobre moitas cousas. Unha das veces que máis, foi cando Andrea, de 15 anos, veu falar comigo cos ollos húmidos e, ao preguntarlle que lle pasaba, rompeu a chorar, ás veces con eses saloucos de falta de vida que entrecortan a voz. Suspendera un exame de Tecnoloxía. Esa nena estaba sufrindo, pasándoo mal, por unha nota dun exame. Non podía ser. Que lles estabamos transmitindo ás rapazas e aos rapaces para conseguir que sufrisen así por unha nota? Como estabamos conseguindo esa “tensión educativa”? Ese día aprendín con Andrea que había que traballar máis a ilusión e a motivación na aprendizaxe e que tiñamos que esforzarnos en rebaixar a tensión e o sufrimento.

Estes días de confinamento, sen ningún tipo de indicación nin fixación de criterios por parte da Consellería, estou, igual que o resto de profesores/as, tendo que experimentar, a base de horas, con ferramentas e métodos de aprendizaxe a distancia. As ferramentas, fochicando nelas, acaban sendo un medio doado de manexar, pero nos métodos, sobre todo sen guía, está a complicación. Como enfoco unha actividade para traballar uns contidos a distancia espertando o interese das rapazas e dos rapaces? Como facelo tendo máis de 160 alumnos/as? Como cunha parte do alumnado sen medios axeitados de conexión? Como atendo a diversidade de perfís e as necesidades especiais de cada alumno ou alumna? Como podo incentivar ou intentar transmitir ilusión sen estar con eles/as? Que teño que facer para conseguir interese na aprendizaxe neste contexto de alerta, preocupación e problemas en moitas familias? Como se pode conseguir emocionar un chisquiño se están confinados/as e rodeados de ERTEs, cifras de mortos por miles, despedimentos de pais, nais e familiares, casas en que se deixan de ter ingresos e prohibición de ver e abrazar avós, tías e amigas?

E todo isto tendo que preparalo sen saber para que. Sen sequera saber que contidos teño que traballar. Sen saber se teño que avalialos ou non. Nin como. Nin cando. Sen saber como o están pasando. Como dicía este día unha compañeira nunha desas necesarias reflexións colectivas: sentíndonos como co Prestige, tendo que recoller o chapapote coas mans.

E, mentres tanto, as autoridades educativas facendo unha emenda á totalidade, dicindo que están “preocupadas pola perda da tensión educativa”. E eu intentando evitala. E eu fuxindo dela. E eu espantándoa. E eu, parafraseando a Ses, “co xenio destrozado e eles a destrozarmo máis”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.