Emerxencia educativa

© Xunta

Non son poucas as voces que veñen sinalando as eivas das medidas educativas adoptadas durante o confinamento producido polo COVID-19

Non son poucas as voces que veñen sinalando as eivas das medidas educativas adoptadas durante o confinamento producido polo COVID-19: sindicatos, asociacións profesionais e de familias: falta de directrices claras e coherentes e de coordinación entre o profesorado, aumento da desigualdade, desconexión entre a realidade socioemocional e educativa. Estes días Confapa facía públicos os resultados dunha enquisa na que se deixaba ver a concreción dalgunhas desas eivas: a falta de equipación tecnolóxica e de preparación das familias para asumir o ensino telemático, o avance e avaliación de contidos impartidos a distancia, a diversidade de aplicación das medidas ou o case total abandono do alumnado don necesidades específicas de apoio educativo. Sería, ao meu entender, absurdo e perigosamente errado, entender todos eses atrancos como xurdidos espontaneamente do contexto educativo provocado pola emerxencia sanitaria.

Non parece probable que nun sistema educativo -e falo de educación pública, aquela que ten responsabilidades con toda a sociedade e non soamente cos que poden pagar cotas- que conta con organismos de deseño de actuacións e estruturas de coordinación eficientes, funcionais e ben arraigados, no que se toman decisións consensuadas entre todos os axentes, no que as canles de comunicación flúen de maneira bidireccional e con espazos para a reflexión conxunta, no que todas as profesionais están afeitas a traballar como un equipo con obxectivos comúns, todas esas dinámicas vaian deixar de funcionar de súpeto nunha situación como a que estamos vivindo.

Non semella crible que nun sistema educativo plenamente consciente da realidade sociocultural do seu alumnado, comprometido con ser vehículo de oportunidades para aquelas que contan con menos, un sistema que se esforza estruturalmente -máis aló da boa vontade das docentes- non só en compensar desigualdades como dita a norma senón en non inflixilas, vaia ser un confinamento onde todos eses condicionantes sociais e familiares se ven agudizados o momento de abandonar esa dinámica de responsabilidade social e deixar abandonado ao alumnado máis necesitado.

Sería, ao meu entender, absurdo e perigosamente errado, entender todos eses atrancos como xurdidos espontaneamente do contexto educativo provocado pola emerxencia sanitaria

Non sería razoable pensar que nun sistema educativo cuxo currículo e profesionais entenden que a escola non vai separada da vida, que se preocupa de cotío polo impacto que ten na vida do estudantado e das súas familias, que contempla a situación vital e o estado emocional de cada un deles como un elemento relevante para a aprendizaxe e como obxecto de aprendizaxe en si mesmo, que entende que a educación non pode supor para a maioría do alumnado e contextos vitais unha fonte engadida de presión e malestar esa perspectiva vaia ser radicalmente abandonada precisamente nun momento en que a vida de todo o mundo está patas arriba.

Non se nos figura lóxico que un sistema educativo que habitualmente entende que os medios materiais e culturais das familias para apoiar o proceso de formación dos seus fillos son moi desiguais e que se preocupa de ofrecer canles variadas, materiais accesibles e mecanismos de apoio para asegurar un acceso en igualdade de condicións a todo o alumnado, que conta con mecanismos (económicos, administrativos) de dotación tecnolóxica que aseguran, entre outras cousas, a alfabetización dixital de todo alumnado independentemente das súas condicións vitais, eses mecanismos vaian desaparecer xusto cando se implanta unha alternativa telemática á presencialidade.

Non entra na cabeza de ninguén que nun sistema educativo no que nunca se avanza sen ter asegurado a adquisición dos coñecementos previos, no que a avaliación e verdadeiramente continua e formativa e o profesorado coñece en cada momento en que punto de aprendizaxe está o seu alumnado, de súpeto haxa que seguir adiantando contidos sen mirar atrás e ao mesmo tempo avaliar supoña unha dificultade insalvable -pero inevitable aínda que inútil- por non contar cos datos precisos para facelo.

Non ten sentido imaxinar que un sistema educativo no que as canles de comunicacións están sempre abertas ás familias e as necesidades destas son escoitadas e respectadas dentro do posible, un sistema que ten en conta que forma parte dun conxunto de axentes codependentes para conseguir o seu obxectivo, un sistema educativo consciente de que é unha parte importante, pero nin a única nin a máis da vida do alumnado, de súpeto se limite a enviar encargas de traballo como se nada pasase, sen atender aos contextos, ás necesidades e as diferentes realidades das familias e siga intentando funcionar .

Tampouco resulta concibible, de certo, que un sistema educativo no que sempre se contempla a diversidade de necesidades, onde non se utilizan materiais que supoñan algunha barreira de acceso para o alumnado, que sempre deseña currículo, contidos, actividades e interaccións para que todo o mundo poda aproveitar o que se lle ofrece e todas as persoas acaden o seu máximo potencial de desenvolvemento non só cognitivo, senón tamén emocional e social, escolla xustamente unha crise deste tipo para esquecer ese xeito de traballar e ofrecer exclusivamente contidos e traballo estandarizado sen preocuparse o máis mínimo daquel alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Non semella realista, por último, que un profesorado afeito a poder exercer con capacidade crítica e con potestade administrativa para tomar as decisións educativas máis axeitadas en cada caso, que un corpo que habitualmente fai unicamente tarefas que de un xeito ou outro teñen un sentido educativo identificable se someta sen chistar a efectuar un simulacro de ensino como o que se está levando a cabo neste confinamento.

O que estamos vendo agora son os efectos contextuais das eivas estruturais do noso sistema educativo que impiden, en definitiva, que houbera xa antes deste simulacro telemático nada parecido a unha igualdade educativa

Hai, obviamente, unha responsabilidade clara da Consellería de Educación no que está pasando. Pero non se limita ás decisións tomadas para intentar minimizar os efectos do estado de alarma no proceso educativo formal do alumnado ou para aparentar que todo estaba baixo control. O sentido común non deixa outra opción que pensar que todo o que está pasando estes días co alumnado galego era o que xa estaba pasando no noso sistema educativo antes desta corentena. O que estamos vendo agora son os efectos contextuais das eivas estruturais do noso sistema educativo que impiden, en definitiva, que houbera xa antes deste simulacro telemático nada parecido a unha igualdade educativa.

O que estaba pasando, e non viamos ou non queríamos ver, era xa unha auténtica emerxencia educativa: as persoas ás que se decide non atender para darlle os escasos e inadaptables recursos a aqueles que os van aproveitar máis, as persoas ás que se lles causa sufrimentos innecesarios sen achegarlles nada a cambio, as persoas ás que en definitiva o sistema educativo abandona á súa sorte non se acumulan nas pantallas dos informativos porque os efectos da ineficacia escolar se materializan moito despois. Pero esa emerxencia educativa seguirá aí cando acabe o confinamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.