Preocupado por todas as novas e datos que a diario podemos observar sobre o COVID-19 e o estado de alarma, coma mestre, tamén me preocupa o ignoradas que nesta crise resultan as necesidades das nosas nenas e nenos, tamén desde as institucións e responsables políticos da nosa educación formal, que están obsesionadas con aparentar unha normalidade que a todas luces non existe.
Coma mestre tamén me preocupa o ignoradas que nesta crise resultan as necesidades das nosas nenas e nenos
Chamoume a atención a opinión que puiden leer nun foro de mestres galegos en Facebook, unha mestra especialista en audición e linguaxe, Iria, apuntaba eivas no plantexamento da Xunta de Galicia desde un enfoque legal e procedimental, pero a min interesoume máis a dimensión humana do problema.
Gustaríame lembrar un termo importante ou así debera ser, do noso sistema educativo, “Educación Integral”. As Nacións Unidas no seu documento final da Conferencia Mundial dos Dereitos Humáns do 1993 no que pedía “orientar a educación cara o total florecemento da persoa e cara ao fortalecemento dos dereitos e liberdades fundamentais. Trátase polo tanto dunha educación integral capaz de preparar a suxeitos autónomos e respetuosos dos dereitos e liberdades dos demais”. Entendendo en tanto que a escola non pode nin debe centrase únicamente no intelectual, debe axudar ao estudantado no seu desenvolvemento integral, traballando con igual importancia no ámbito cognitivo, emocional e social. Ao fin traballar para que o noso alumnado teña a oportunidade de chegar a ser cidadáns con sentimentos equilibrados e coa posibilidade de desenvolver todas as súas competencias.
De novo o sistema abandonará aos menos favorecidos que non chegarán aos requisitos marcados para rematar o curso
A adecuación dos contidos e programación da acción educativa debera sair dunha previa análise da realidade dos discentes (alumnas/os) que agora mesmo variou drástica e dramáticamente. É doado entender que non podemos facer o mesmo que nunha situación “normal”. As necesidades dos pequenos son distintas e así tamén as circunstancias que os rodean, polo tanto pedirlle ao profesorado que se centre en seguir o currículo e dar toda a materia coma se nada é sinxelamente ridículo. Xa non polas eivas que temos no sistema, pois non hai suficientes medios materiais e ferramentas adaptadas ás circunstancias actuais, se non porque obviamos cuestións como a falta de equidade e igualdade de oportunidades (texto refundido LOE-LOMCE, L.O. 2/2006, do 3 de maio de Educación e L.O. 8/2003 do 9 de decembro de mellora da calidade da ensinanza).
O rumbo de clase tamén está presente en todo o plantexamento, de novo o sistema abandonará aos menos favorecidos que non chegarán aos requisitos marcados para rematar o curso e avaliar aos peques, de novo, quen non avanzarán e pagarán académicamente o prezo máis alto, e serán as nenas e os nenos de familias sen recursos nin capacidade para abordar este reto académico e emocional, e todo para que os políticos de turno xustifiquen que cumpliron, que baixo o seu mando traballouse, non se perdeu o tempo. Poremos nas costas de moitos pequenos un peso que afundirá o seu futuro.
De verdade o máis importante é alcanzar os obxectivos puramente académicos que mitigar a frustración e ansiedade dos nosos peques?
Somos conscientes das realidades das familias e dos nosos peques? Supoñamos que conseguimos as ferramentas, medios e materias para traballar online, qué pasa cos numerosos puntos negros galegos nos que non hai acceso a internet? Qué pasa coas familias sen os coñecementos necesarios para axudar ás súas fillas e fillos? Que pasa coas familias sen recursos suficientes? Que pasa coas familias que tendo recursos e coñecementos para axudar aos peques, teñen que teletraballar? É se son 2 peques ou mais cantos ordenadores precisamos? De verdade o máis impotante é alcanzar os obxectivos puramente académicos que mitigar a frustración e ansiedade dos nosos peques? Non preferimos ter nenas e nenos felices e capaces de xestionar todas as emocións que esta dramática situación está a xerar? Non será máis acaído tratar de acompañar na medida do posible este encerro sendo un factor de equilibrio e xestión emocional, mediante xogos e actividades que aínda que poidan repasar materia, dinamicen o seu encerro? Podemos tratar de favorecer a comunicación entre o alumnado e as súas familias, xerar contido e actividades que teñan coma obxectivo afrontar a difícil situación pola que atravesamos. As mestras e mestres debemos axudar a que os “invisibles desta crise”, como denomina o Filósofo e profesor de socioloxía César Rendueles, a infancia saia menos magullada, mais equilibrada e mais preparada para vivir.
Por favor señores burócratas, cheguen a acordos para asegurar o máis importante da educación, a vida e felicidade das nosas fillas e fillos, xa haberá tempo para axustar contidos e estratexias
Nesta traumática situación de peche, falta de liberdade, angustia e incerteza, os mestres e mestras serán unha arma coa que combater o virus na súa variante emocional. Non paga a pena comezar cunha listaxe de erros por parte da administración educativa. Non debullarei as ofensas, desprezos e desconfianza mostrada ao respecto da profesionalidade e capacidade do profesorado galego, que se derivan da actuación da Consellería de Educación. Non é o momento.
Estamos nunha guerra contra o virus COVID-19, por favor señores burócratas, déixense de mirar máis os seus propios intereses que os dos nosos nenos e nenas, cheguen a acordos para asegurar o máis importante da educación, a vida e felicidade das nosas fillas e fillos, xa haberá tempo para axustar contidos e estratexias, seguramente asegurando unha inversión educativa á altura das necesidades. Agora precisamos menos Rottenmeier e mais Mary Poppins.
Ánimo e saúde.