Verín, da loita polo paridoiro do hospital á loita do centro de día

Familiares de persoas usuarias do centro de día Raiola de Verín © Concello de Verín

No medio do conflito que estourou en Verín co anuncio do peche da sala de partos e das urxencias pediátricas no hospital comarcal, un dos profesionais sanitarios implicados na protesta intentaba explicar os motivos de tanta e tan masiva mobilización na comarca rural de Monterrei. "Hai dúas cousas polas que a xente loitará sempre: a saúde e benestar dos máis pequenos e a dos seus maiores". 

Verín liderou a mobilización pola sanidade pública e os servizos esenciais no rural coa loita contra o peche do paridoiro; a protesta chega agora ao centro de día

Con aquela loita --que incluíu grandes manifestacións, un peche de máis de dous meses no hospital, concentracións ante o Parlamento e ducias de protestas veciñais--, Verín converteuse no epicentro da loita pola sanidade pública, polo mantemento dos servizos esenciais no rural e feminista. A Xunta recuou e reabriu o paridoiro malia ter xustificado o peche con moreas de argumentos que se descubriron como falsos, contraditorios ou poco contundentes. A sala de partos volveu funcionar e o hospital comarcal bate agora récords de nacementos (chegouse a doce no mes de abril). 

"Daquela vez gañouse e espero que desta vez non teñamos que esperar a setembro e tamén consigamos acelerar a reapertura", explica Chelo Ferreiro, directora do centro de día municipal de Verín, o único da localidade. Ela foi, ás poucas horas de que Feijóo anunciase por sorpresa que estes espazos seguirían pechados ata outono, quen ergueu a voz para expresar a indignación por unha decisión tomada despois de que os centros levasen semanas preparando a reapertura xunto á Consellería de Política Social e en base a un protocolo enviado por Sanidade, do que desapareceu a mención a estes servizos. 

Chelo Ferreiro, directora do centro de día Raiola de Verín © Concello de Verín

Ferreiro expresou a súa "desesperación" polos graves prexuízos e "deterioración" que para os seus máis de 30 usuarios e os seus coidadores causaba a decisión da Xunta. Censurou o "descoñecemento" que as administracións teñen do labor que fan os centros de día, alertou da desaparición das indicacións que Sanidade enviara para a reapertura inmediata destes espazos e implicou as familias nas demandas ante o Goberno galego. 

Chelo Ferreiro, directora do centro de día de Verín. ergueu a voz contra a decisión da Xunta e implicou as familias e o Concello para reclamar a reapertura

Nunha xuntanza con familiares, moitos deles contaron emocionados o drama que causaba o empeoramento físico, psicolóxico e emocional das persoas usuarias do centro de día e uníronse ás reivindicacións dos profesionais; alí mesmo, o Concello comprometeuse a demandar a reapertura á Xunta, que o pasado venres abría a porta a esa posibilidade. Verín volvía liderar unha loita por servizos esenciais. 

"É cansazo tamén. O peche do paridoiro chegou coa xente farta de perder servizos; a cidadanía concienciouse e sabe que nada do que se conseguiu tería sido posible sen a mobilización. Agora sabemos todos que reclamar, denunciar, protestar e facer ruído é importante e efectivo, como se comprobou", di Aurora Sola, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei e unha das protagonistas daquel peche. 

"Agora, a xente ve na decisión de manter pechado o centro de día outro ataque a un servizo esencial e clave para as persoas dependentes e para o rural", engade Sola, que vincula o que supuxo a mobilización polo paridoiro co feito de que agora moitas persoas en Verín asinasen pola reapertura de Raiola --así se chama o centro de día municipal-- e que as familias se implicasen na defensa do seu importante labor. "Sabemos o importante que é defender os dereitos dos usuarios", insiste. 

"A xente en Verín está farta de perder servizos esenciais; concienciouse co do paridoiro e sabe que reclamar e protestar é efectivo"

Desde o centro de día, Chelo Ferreiro conta como segue a recibir chamadas de familiares de usuarios lamentando a deterioración na súa saúde ou os problemas na conciliación. "Son varios que me din que xa non chegarán a setembro, están moi desesperados", explica a directora, que entende "toda precaución que se tome", pero non que se decida unilateralmente un peche durante tres meses máis e "nunha zona rural onde non temos xa caso ningún da covid". 

"É incomprensible que as persoas maiores poidan ir votar ou á cafetería pero non ao seu centro de día, onde se aplican todas as medidas de seguridade e hixiene", insiste desde un centro de día que prepara xa algunha acción conxunta de protesta e demanda co centro Limisi Diversidade Funcional de Xinzo, o único da zona que atende persoas con diferentes discapacidades motoras ou cognitivas e que se inclúe no grupo de servizos que a Xunta prefire manter pechados ata setembro. Mesmo o PP nesa localidade da Limia votou co resto de formacións políticas unha declaración no pleno que instaba á reapertura deste tipo de espazos. 

Aurora Sola, portavoz da plataforma pola sanidade pública de Monterrei, e Eva Fernández, presidenta da comisión delegada do hospital © Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei / Cedida

Mentres, en Verín, o hospital comarcal converteuse tamén en lugar de peregrinaxe de partidos que ven nesa localidade un símbolo da loita contra a política sanitaria do Sergas. Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, viaxou a pasada semana á vila verinense para defender as súas propostas pola sanidade pública, como antes fixera el mesmo e outros líderes políticos, e fixo alusión a Raiola: "Centros de día como este son unha prioridade social e teñen que abrir canto antes"

"Os políticos decatáronse de que a xente no rural non é tan pasiva como pensaban. Cando lles tocan dereitos fundamentais, dá a batalla"

"O rural é moi importante á hora das votacións e moitos políticos decatáronse diso, pero tamén de que a xente aquí non é tan pasiva como pensaban. Cando lles tocan dereitos fundamentais, a xente dá a batalla", advirte Aurora Sola, que reivindica esa "loita cidadá" que non só conseguiu os seus obxectivos, senón tamén virar a ollada dos partidos cara a unha zona tantas veces esquecida. 

Desde o centro de día verinense, que une a súa loita a centos máis e ás dos milleiros de usuarios (14.000 en total en toda Galicia), tamén saben da importancia de erguer a voz. "Son teimuda e as inxustizas non van comigo", di Chelo Ferreiro, que segue confiando nunha nova rectificación da Xunta. Como a que provocou a mobilización en Verín polo paridoiro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.