Milleiros de persoas enchen o centro de Vigo en demanda dunha atención sanitaria "digna"

Milleiros de persoas manifestáronse "Pola dignidade da Atención Primaria" © BNG

Unha masiva manifestación, baixo o lema de "Pola dignidade da Atención Primaria" percorreu este xoves as rúas de Vigo, dando resposta aos problemas asistencias que dende hai tempo vén presentando esta área sanitaria. A marcha partiu do PAC da rúa Pizarro (situado nas instalacións do antigo Hospital Xeral), para rematar en Urzaiz. Os e as asistentes, procedentes de todos os concellos da área metropolitana viguesa, portaban faixas nas que se podía ler "Coa nosa saúde non se xoga", ao berro de "Feijoo, atende, a sanidade non se vende", "Sanidade, pública e gratuíta" ou "Xerente, atende, a Primaria non se vende".

A manifestación foi convocada polos 25 xefes de servizo dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo que presentaron a súa dimisión hai dúas semanas pola “deterioración sanitaria” da Atención Primaria, unha denuncia que foi referendada e apoiada logo por moitos outros colectivos sanitarios como o de médicos, os profesionais dos PAC, as plataformas pola sanidade pública, así como a oposición e os sindicatos.

Unhas 40.000 persoas reclaman melloras na atención primaria na marcha máis concorrida en Vigo desde que en 2016 outra defendera a sanidade pública

Foi un clamor, de novo, ao que se xuntaron preto de 40.000 persoas, segundo a policía local, e en medio do Nadal. E non será a última mobilización. A presidenta da xunta de persoal da área sanitaria de Vigo, María José Diéguez, xa anunciou outra manifestación para o 24 de xaneiro. A deste xoves foi a máis concorrida na cidade desde que en maio de 2016 outra marea humana saíse defender a sanidade pública.

Marcha pola dignidade da atención primaria en Vigo © Marea de Vigo

A masiva marcha deste xoves volve pór de manifesto os graves problemas que leva sufrindo a sanidade en Galicia, deteriorada aos poucos desde hai anos e cuxa situación provocara xa importantes mobilizacións antes. As queixas nos diferentes ámbitos son sempre as mesmas: falta de medios e persoal, recortes, colapso, precariedade… E de fondo, o desleixo no sistema público. A manifestación reuniu milleiros de cidadáns, pero hai meses que se levan mobilizando os profesionais das ambulancias, dos Puntos de Atención Continuada, das Urxencias ou da Atención Primaria. Con maior ou menos impacto, as protestas son constantes.

A manifestación segue o ronsel das continuas mobilizacións de diversos colectivos sanitarios en Galicia ante a "deterioración" no Sergas

“Pola dignidade da Atención Primaria”. Ese foi o lema que encabezou unha marcha centrada nun ámbito no que o persoal se queixa da obsolescencia do material empregado, da sobrecarga dos médicos de familia –chegando a atender nalgúns casos a até 60 pacientes nun día--, as listas de espera elevadas, a precariedade dos doutores máis novos ou a falta de substitutos.

Moita xente da área sanitaria de Vigo, pero tamén chegada desde moitas outras partes como O Morrazo, desde onde concellos e plataformas pola sanidade pública organizaron a viaxe en autobuses.

Unha das faixas que se puideron ver este xoves na manifestación pola atención primaria en Vigo © Eva Solla

Pero antes, este mesmo xoves, profesionais dos PAC concentráronse ante as portas do Parlamento antes de acompañar os seus compañeiros na manifestación de Vigo. Volveron reclamar máis persoal e medios logo de meses de protestas e folga.

Con todo, Feijóo acusou a oposición de “facer política” poucas horas antes da marcha de Vigo e deu por feito que “os problemas e tensións” do sistema sanitario galego poderanse superar “con humildade, xestión e verdade”.

Feijóo acusa a oposición de "facer política" coa sanidade, mentres o xefe de Atención Primaria da Estrada denuncia a "frecuencia" coa que os centros de saúde quedan sen atención médica

Mentres, na Comisión de investigación sobre a sanidade pública que se celebra no Parlamento, o xefe de servizo de Atención Primaria da Estrada, Juan Sánchez Castro, denunciou a “frecuencia” coa que os centros sanitarios quedan sen atención médica por mor da actual organización da Atención Primaria, un sistema de quen denunciou a súa “delicada situación”.

Ante isto, pediu máis recursos tras tratar a problemática da falta de médicos dun PAC cando estes deben atender unha emerxencia fóra. Precisamente, foi nese centro de saúde onde faleceu un home por falta de atención médica.

Mobilización de persoal dos PAC ante o Parlamento © En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.