Os vinte xefes de servizo que o pasado 10 de decembro dimitiron dos seus cargos en Vigo en protesta polo deterioro da atención nos centros de saúde convocan á cidadanía a manifestarse este xoves 27 "pola dignidade da Atención Primaria". A marcha foi xa apoiada pola Xunta de Persoal do Hospital de Vigo, por sindicatos, colectivos profesionais e entidades en defensa da sanidade pública, como A Voz da Sanidade ou SOS Sanidade Pública.
Denuncian unha vez máis que a "situación da sanidade en Vigo é preocupante" e piden o cese do xerente, Félix Rubial
A marcha, que se espera que teña unha participación masiva, partirá ás 20 horas do PAC da rúa Pizarro e remará en Urzáiz. Dende varios concellos da contorna, como Cangas, xa se contratando autobuses para desprazarse ata a cidade olívica.
Os convocantes denuncian unha vez máis que o estado da sanidade en Vigo é "preocupante" e está a chegar a "unha situación límite" e piden o cese do xerente da EOXI, Félix Rubial, "por ser responsable de moitas das cousas que están pasando na área sanitaria de Vigo".
O persoal de Atención Primaria négase a prolongar máis a súa xornada laboral e limitará o número de pacientes que atende cada día
Os médicos e médicas de Atención Primaria de Vigo decidiron tamén tomar medidas ante a sobrecarga de traballo que padecen, negándose a prolongar as súas xornadas laborais máis aló do número de horas establecido no seu contrato e limitando o número de pacientes de atenden cada día. A medidas podería xerar listas de espera nos centros de saúde da Área Santiaria e provocar situacións de saturación nos servizos de urxencia. Os traballadores e traballadoras denuncian que ata agora, e ante a negativa do SERGAS a contratar máis médicos (alegando que non atopan facultativos en paro dispostos a traballar) as prolongacións de xornada foron o mecanismo que foi evitando a creación de listas de agarda.
Mentres, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, respondeu este domingo ás críticas, afirmando que "as protestas están ben cando a administración fai oídos xordos, pero isto agora non é así". Almuiña saíu ademais en defensa de Félix Ruibal, defendendo a súa xestión, e argumentou que a situación noutras comunidades autónomas é peor que en Galicia, sinalando que os facultativos galegos teñen asignadas unha media de 1.275 tarxetas sanitarias mentres que a media do Estado é de case cen máis.
"Chegou o momento de organizar unha gran mobilización unitaria sanitaria e social", di SOS Sanidade Pública
Pola súa banda, este mesmo luns SOS Sanidade Pública difundiu un comunicado de apoio á convocatoria, salientando que a Atención Primaria concentra os maiores problemas da sanidade galega "pola escaseza de orzamentos, os recortes de persoal (especialmente en pediatría), a masificación de centros e consultas, o sometemento ás xerencias hospitalarias que limitan a súa autonomía e os seus recursos". "Chegou o momento de organizar unha gran mobilización unitaria sanitaria e social en apoio das reivindicacións dos traballadores e da poboación de numerosos concellos que protestan polo peche de consultas, a supresión de pediatras ou a masificación dos centros", engade a entidade.