Persoal eventual do Sergas peregrina a Compostela para denunciar a precariedade na sanidade pública galega

Participantes na peregrinación, en Triacastela © Prosagap

O obxectivo da marcha é demandar o recoñecemento da carreira profesional para o persoal eventual do Sergas e esixir "un sistema de contratación xusto"

Persoal eventual do Sergas está a realizar unha peregrinación a Compostela na que busca denunciar a situación de precariedade laboral que sofren moitas traballadoras e traballadores da sanidade pública galega. A iniciativa, organizada polo sindicato Prosagap (Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública) forma parte da VII Marcha de Eventuais do Sergas, que neste ano Xacobeo quixo adquirir unha dimensión maior, partindo do Cebreiro e cunha duración, polo tanto, de varios días.

O obxectivo da marcha é demandar o recoñecemento da carreira profesional para o persoal eventual do Sergas e esixir "un sistema de contratación xusto". "Hoxe camiñamos contra a precariedade, camiñamos polo recoñecemento nos nosos dereitos, camiñamos por nós e por todos e todas vós, polo recoñecemento da dignidade do labor sanitario", sinala o sindicato.

A VII Marcha de Eventuais do Sergas comezou este ano no Cebreiro © Prosagap

"A conciliación da nosa vida laboral e familiar faise imposible cando, na práctica, podemos ser requiridas case en calquera momento, sen marxe para dicir que non, independentemente das nosas familias ou das nosas vidas privadas"

Sinalan, ademais, que "o actual Pacto de Selección para a contratación carece de ningún tipo de respecto polas vidas e polos dereitos dos e das profesionais eventuais", denunciando que "a conciliación da nosa vida laboral e familiar faise imposible cando, na práctica, podemos ser requiridas case en calquera momento, sen marxe para dicir que non, independentemente das nosas familias ou das nosas vidas privadas".

"O Pacto está construído de tal forma que para a consulta do estado real das condicións de contratación debemos resolver un engorroso puzzle que dificulta o coñecemento dos nosos propios dereitos, e ofrece sempre espazos oscuros dos que a Administración se aproveita día tras día", sinalan.

Teñen prevista a chegada a Compostela o vindeiro sábado día 21 acompañadas "dunha gran manifestación" que percorrerá os últimos quilómetros do Camiño, dende o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro

Denuncian que o persoal sanitario eventual é "o elo máis débil e precarizado" do sistema sanitario galego. E sinalan que a carreira profesional "sería un complemento salarial que premiaría a lealdade ao sistema e á dispoñibilidade dos profesionais".

A peregrinación, que partiu do Cebreiro este sábado, chegou onte a Triacastela, onde iniciou este domingo a súa segunda etapa. Teñen prevista a chegada a Compostela o vindeiro sábado día 21 acompañadas "dunha gran manifestación" que percorrerá os últimos quilómetros do Camiño, dende o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro.

A marcha demanda o recoñecemento da carreira profesional para o persoal eventual e "un sistema de contratación xusto" © Prosagap

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.