Defensa da Sanidade censura o "populismo" dos pisos gratis para médicos en Sanxenxo no verán

O alcalde de Sanxenxo e o conselleiro de Sanidade, con outros cargos nunha visita ao centro de saúde de Baltar, na vila do Salnés, en febreiro de 2022 CC-BY-SA Xunta

A pasada semana, o Servizo Galego de Saúde asinou co Concello de Sanxenxo o que foi presentado como un "convenio piloto" para ofrecer ata catro vivendas de balde a profesionais da medicina de familia de fóra de Galicia durante este verán. O obxectivo, di o goberno local desta turística vila do Salnés, é "impulsar a contratación de médicos durante un período de sobreesforzo asistencial".

O anuncio, dotado con ata 32.000 euros por parte do Concello -á espera de coñecer en detalle o texto íntegro do convenio- indignou especialmente a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, que se vén mobilizando polas carencias asistenciais non só durante o verán. O problema "non é a falta de vivenda, senón as precarias condicións laborais do persoal, a non cobertura de ausencias e a falla de previsión e xestión", advertiron.

Centro de saúde en Vilalonga (Sanxenxo), durante un cribado da COVID en febreiro de 2021 © Concello de Sanxenxo

Para o colectivo local, "ademais de ser unha mofa" claramente "discriminatoria para o persoal que traballa todo o ano nos centros de saúde do noso concello", este é "é un claro intento populista de ocultar os problemas de fondo na sanidade pública en toda Galicia". A esa consideración únese agora a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, unha das integrantes da plataforma SOS Sanidade Pública.

"A solución á falta de persoal en Atención Primaria non pasa por medidas populistas, senón por un cambio na política que proporcione condicións laborais dignas e estables", advirte a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

"A solución á falta de persoal de Atención Primaria non pasa por adoptar medidas populistas que o fidelicen aos concellos que lles dean aloxamento", senón "por un cambio na política de persoal sanitario que proporcione condicións laborais dignas e estables". Porque, afirman, é "a inestabilidade e a precariedade laboral" a que "obriga a emigrar fóra de Galicia a boa parte do persoal recentemente licenciado".

Coida Defensa da Sanidade que "esta medida atenta contra a dignidade do persoal sanitario" e non deixa de ser unha "manobra de márketing cutre" que ademais implica "retornar aos anos nos que os concellos proporcionaban vivendas ao persoal de Asistencia Pública Domiciliaria para compensar uns salarios de miseria". O colectivo de profesionais censura, ademais, que o que semella unha iniciativa do Concello de Sanxenxo atopase apoio na Xunta para levar adiante "semellante medida".

Mentres, dende o consistorio que preside Telmo Martín (PP), afirman que a intención do convenio é promover "unha mellora asistencial cun maior número de facultativos nos servizos sanitarios do municipio" no período vacacional, no que "multiplica nalgúns casos por ata cinco a súa poboación". "Todos coñecemos o déficit de médicos en atención primaria e o que se busca é atraer profesionais médicos de fóra de Galicia", agregou no acto de sinatura o xerente do Sergas, José Flores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.