SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación este xoves co lema 'Reconstruír a área sanitaria de Vigo', que sairá ás 19h da Praza dos Cabalos ata o cruce de Urzaiz con Colón
"Non defendemos nada que sexa imposible. Son cousas que estaba previsto facer e que, por decisión política, non se fixeron", asegura Manuel González Moreira, portavoz de SOS Sanidade Pública en Vigo, sobre a principal motivación que levou a plataforma a convocar unha nova manifestación este xoves, 16 de xaneiro, na cidade co lema Reconstruír a área sanitaria de Vigo.
As conclusións do informe do Consello de Contas sobre os 470 millóns de euros de sobrecusto que derivan do modelo empregado pola Xunta para a licitación do Hospital Álvaro Cunqueiro "ratifican" as denuncias que a plataforma leva facendo desde hai unha década e, salienta Moreira, "cuestionan a legalidade de determinados aspectos da licitación".
SOS Sanidade esixe "responsabilidades políticas por ter utilizado este procedemento de licitación" a traves dunha concesión a unha entidade privada, que despois o Executivo de Feijóo desbotou para os hospitais da Coruña e Pontevedra, e "o cese inmediato das persoas responsables que continúen ocupando cargos de designación política na Administración ou nos seus organismos, axencias ou empresas públicas". A marcha sairá ás 19 horas da Praza dos Cabalos ata o cruce da rúa Urzaiz con Colón, onde a compañía teatral A Panadaría lerá o manifesto.
A plataforma SOS Sanidade, que agrupa a distintas organizacións políticas, sociais, veciñais, profesionais e sindicais, pon o foco nas consecuencias que ten a diario para a veciñanza da área sanitaria máis poboada de Galicia que o Hospital Álvaro Cunqueiro pasase de dispoñer das 2.000 camas de hospitalización previstas no proxecto "a un máximo de 1.366", que impediron a "diminución do peso da sanidade privada" porque 116.000 persoas desta área teñen aínda como hospital de referencia ao privado Povisa, co que o Sergas vén de renovar o concerto ata 2027 por preto de 100 millóns de euros anuais. "Un concerto económico sen transparencia, e sen alternativa pública neste momento, para poder reverter esta situación", critica Manuel González Moreira.
Piden as medidas necesarias para "reconstruír" área sanitaria e "dotala dos recursos humanos e materiais precisos para conseguir unha asistencia sanitaria 100% pública e de calidade"
Entre as consecuencias, Moreira refírese tamén ás listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas; aos servizos hospitalarios sen o cadro de persoal e espazos suficientes para dar resposta ás necesidades da cidadanía; á carteira de servizos incompleta no Sergas para manter o negocio da sanidade privada; á saturación no servizo de urxencias do Cunqueiro en relación a un deseño insuficiente; e a unha atención primaria debilitada con dificultades de acceso ás consultas.
"E mentres todo isto pasa, os cartos públicos seguen a encher as carteiras dos accionistas dos fondos de investimento que son propietarios do Hospital Álvaro Cunqueiro", censuran desde SOS Sanidade Pública, para esixirlle á Xunta "que se tome a decisión política (igual que foi unha decisión política o modelo de licitación) de reverter a concesión do Novo Hospital de Vigo e rescatala para o ámbito do público".
A plataforma reclama que a cidadanía se involucre na manifestación para demandar as medidas necesarias para "reconstruír" área sanitaria e "dotala dos recursos humanos e materiais precisos para conseguir unha asistencia sanitaria 100% pública e de calidade".
Apoio de BNG e PSdeG
As principais formacións políticas na oposición, BNG e PSdeG, mostraron esta semana o seu apoio á mobilización organizada por SOS Sanidade, á que ambas pertencen. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu de que "pagamos 470 millóns de euros máis simplemente porque o Partido Popular quixo favorecer a grandes construtoras con claros vínculos co PP e quixo converter o hospital de Vigo no seu banco de probas da privatización da sanidade pública desde o minuto cero do Goberno de Feijóo como presidente".
"O obxectivo do PP nunca foi darlle a Vigo a mellor sanidade pública posible, senón facilitar que a sanidade privada seguise facendo negocio coa saúde", sinala Pontón
Pontón presentou este luns en Vigo as conclusións que extrae o BNG da comisión parlamentaria de investigación sobre o sobrecusto do Álvaro Cunqueiro e os presuntos amaños na contratación pública da Xunta. A líder nacionalista lamentou que "o obxectivo do PP nunca foi darlle a Vigo a mellor sanidade pública posible, senón facilitar que a sanidade privada, singularmente Povisa, seguise facendo negocio coa saúde dos vigueses e das viguesas e facilitarlle o negocio a grandes construtoras que teñen vínculos co PP". “Así de duro para todas as persoas usuarias da área sanitaria de Vigo, pero tamén así de claro e así de realista", engadiu.
Ademais, Ana Pontón subliñou que na comisión no Parlamento quedou acreditado que o goberno do BNG e o Partido Socialista tivo entre os anos 2005 e 2009 a "firme vontade" de construír un hospital 100% público na área sanitaria de Vigo, "para o que xa tiña aprobado un plan económico e financeiro a través da Sociedade Pública de Investimentos, co correspondente informe asinado en marzo de 2009". "Sobran os motivos para encher as rúas de Vigo", indicou a líder nacionalista.
Besteiro esíxelle á Xunta que "remate de inmediato co maltrato á cidadanía de Vigo e os concellos que abrangue a área sanitaria e que garanta a sanidade pública, digna e de calidade que merecen"
Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este martes un encontro con alcaldes e alcaldesas, e cargos políticos e orgánicos socialistas, da área sanitaria de Vigo para "coordinar a participación conxunta" na manifestación convocada por SOS Sanidade na cidade olívica.
Besteiro esixiulle ao Goberno galego que "remate de inmediato co maltrato á cidadanía de Vigo e os concellos que abrangue a área sanitaria e que garanta a sanidade pública, digna e de calidade que merecen" os seus habitantes. O líder socialista incidiu en que o seu partido vai "seguir abandeirando por convicción, por coherencia e por compromiso coa cidadanía" a defensa duns "servizos públicos de calidade".