O PP alega na fin da investigación dos contratos para engadir que son "irrefutables" as súas propias conclusións

Alberto Pazos, voceiro parlamentario do PP, votando no inicio da comisión de investigación sobre os contratos da Xunta © Parlamento de Galicia

Tras aprobar en solitario o ditame que desbota obrecusto no Cunqueiro e que familiares de cargos do PP fosen beneficiados por contratos da Xunta, os populares agregan que esas conclusións son "sólidas e irrefutables"

Nos últimos días de decembro o PP culminou a súa intención de ventilar o antes posible a comisión de investigación forzada polo BNG para pescudar no sobrecusto detectado polo Consello de Contas no proxecto de construción e concesión do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e mais en diversos contratos da Xunta, dende os de emerxencia durante a COVID ata outros que a formación soberanista vía influídos por relacións familiares con empresas como Eulen. Os populares rexistraron e aprobaron en solitario un documento de conclusións que, en síntese, afirma que non existiu sobrecusto no Cunqueiro e tampouco houbo familiares de cargos do partido beneficiados con contratos grazas aos seus parentescos.

Esas conclusións foron recibidas con amplas críticas tanto do Bloque, promotor da comisión, como do PSdeG. Así o reflectiron en senllos votos particulares -vía regulamentaria para expresar discrepancias co ditame final ou coas emendas formuladas ao mesmo-. Pero as de nacionalistas e socialistas non foron as únicas alegacións. Tamén o PP rexistrou as súas, no seu caso para cargar contra a oposición e eloxiar as súas propias e "irrefutables" conclusións.

Sesión da comisión de investigación sobre os contratos e fragmentos das conclusións redactadas polo PP CC-BY-NC-SA Praza.gal

Segundo o documento rexistrado polo Grupo Parlamentario Popular -que previamente autoemendara o seu propio documento de conclusións para introducir correccións formais e engadir contidos como citas textuais de comparecentes-, a forza que sustenta o Goberno galego ve preciso, concretamente, formular o seu voto particular contra as emendas do PSdeG. Para soster que o seu propio ditame "contén sólidas e irrefutables conclusións derivadas da documentación achegada e das distintas comparecencias desenvolvidas".

Non houbo "vetos", senón "lexítimo exercicio do principio de maioría", afirman

Neste sentido, sosteñen, non é "procedente" dar marcha atrás, como solicita a oposición, para seguir investigando e incorporar novas comparecencias e documentos. Porque non houbo "vetos" por parte do PP -así o reiterou o BNG, que prevé denuncialo formalmente ante o Tribunal Constitucional- e porque ademais, insisten, os grupos da esquerda se "negaron a aceptar a proposta de transacción" na que o PP aceptaba "realizar incorporacións". Non houbo "veto", advirten, senón "lexítimo exercicio do principio de maioría que rexe a adopción dos acordos, como elemental principio democrático". Entre as comparecencias negadas por esa vía estivo a de Alberto Núñez Feijóo.

O informe confidencial de PWC sobre o Cunqueiro

Os conservadores empregan, asemade, o seu voto particular para negar que a Xunta ocultase documentación á comisión ou que a entregase incompleta. Do mesmo xeito, deslíganse da declaración como confidencial dun informe da consultora PriceWaterhouseCoopers sobre a viabilidade económico-financeira do proxecto do hospital vigués. "Nada ten que ver nin coa Xunta nin co PP", sosteñen para rexeitar que por parte do Goberno galego "non se concedese acceso ao documento" tampouco ao abeiro da Lei de Transparencia "porque o pedise a consultora".

Hospital de Vigo e documento da Xunta declarando "confidencial" o estudo de viabilidade económica-financeira da concesión elaborado por PriceWaterhouseCoopers CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O Goberno galego, defenden, limitouse a cumprir o estipulado na lei de transparencia e, ao "ser ratificado o carácter confidencial do documento polo seus autores", considerouno como tal. Para xustificalo, os populares apóianse nun artigo da lei estatal de transparencia (o 19), segundo o cal cando a Administración recibe a petición de acceso a documentos que "poidan afectar a dereitos ou intereses de terceiros", cómpre abrir un prazo de alegacións e, ademais, son eses "outros" os que "deciden sobre o acceso" cando fosen autores dos datos en cuestión. Esa solicitude de acceso fora formulada por Praza.gal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.