"Imos sumar a todos os socialistas e as socialistas que forman este partido para facer un Congreso baseado na igualdade e nos retos que ten que ter Galicia e, por tanto, o PSdeG, para os vindeiros anos", sinalou o secretario xeral
2025 será ano de primarias e de congreso para os socialistas, que celebrarán a décimo quinta edición do seu Congreso Nacional do 8 ao 9 de marzo. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, salientou este luns nun almorzo informativo que van "sumar esforzos" cara á esta cita orgánica. Non se pronunciou a respecto doutras voces da súa formación como a de Gonzalo Caballero, pero si asegurou que valora “as posicións activas para dar opinión e protagonizar a vida do partido nos próximos anos”.
Antes, en xaneiro, comezará o proceso de primarias para o que Besteiro xa confirmou a súa candidatura. “Estamos nun proceso de democracia total que, por certo, non vexo noutros partidos”, asegurou.
“Imos sumar a todos os socialistas e as socialistas que forman este partido para facer un Congreso baseado na igualdade e nos retos que ten que ter Galicia e, por tanto, o PSdeG, para os vindeiros anos. Unidade, traballo, responsabilidade e pensar nesa Galicia real na que nos centramos os socialistas alí onde gobernamos, tanto no Estado como nos concellos, e onde estamos na oposición”, avanzou o líder do PSdeG.
“En que cambiou a vida da inmensa maioría das galegas e dos galegos durante este ano? Desgraciadamente, empeorou”, afirmou Besteiro na súa análise das políticas da Xunta de Alfonso Rueda, unhas receitas que cualificou como “improdutivas” e “irreais”. “Vemos que os centros de saúde seguen sen pediatras, as listas de espera, tanto na atención primaria coma na hospitalaria, medraron; 400 persoas morreron sen recibir axuda á dependencia este ano, temos dificultades para desenvolver proxectos industriais debido á mala planificación e o sector das renovables está absolutamente paralizado”, exemplificou o líder socialista.
"Púxose de manifesto como se contrataba en pandemia e pos-pandemia por parte dun PP que non tiña o máis mínimo rubor ao contratar aos seus amigos e familiares, facendo uso do público en beneficio do privado", dixo sobre a comisión parlamentaria
“Esperemos que no ano 2025 o noso impulso vaia ser decido para dar pulo a eses retos que temos como país: superar ese reto demográfico, aumentar as posibilidades industriais e potenciar as renovables, onde reside parte do futuro de Galicia. Seguiremos insistindo –aseverou– en que os servizos públicos teñen que estar mellor dotados a través do propio financiamento público. Esperemos que esa Galicia irreal que nos presentou o PP desapareza e entre todos sexamos capaces de dar voz a esa Galicia real, que ten problemas e necesita a axuda de todos nós porque desta situación saímos todos xuntos, ou simplemente non sairemos”.
Comisión “de paripé”
José Ramón Gómez Besteiro censurou o devir da comisión de investigación dos contratos da pandemia e a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e lembrou que no PSdeG xa advertiran de que sería “unha comisión de paripé” e que “non se ía saber nada porque o PP estaba empeñado en que non se soubera”. O portavoz socialista na Cámara criticou a falta de liberdade das formacións da oposición no marco desta comisión e o veto a comparecentes na mesma: “Non houbo transparencia, non houbo liberdade no plantexamento das comparecencias, non houbo información... Estaba claro que a querían pechar antes de que rematara o ano e así o van facer”.
No almorzo informativo celebrado no Parlamento este luns Besteiro non pechou ningunha porta, tampouco a vía xudicial, para seguir reclamando a información do “abuso” dos contratos menores no contexto da COVID e do “sobrecusto detectado polo Consello de Contas” no método escollido para construír o centro hospitalario vigués. “Púxose de manifesto como se contrataba en pandemia e pos-pandemia por parte dun PP que non tiña o máis mínimo rubor ao contratar aos seus amigos e familiares, facendo uso do público en beneficio do privado. Esta etapa da comisión de investigación remata agora, pero nós seguiremos informando de todo o discorrer deste proceso”, sinalou.