Besteiro advirte dun "mercado de alugueiro roto" que "non se pode arranxar cos parches da Xunta do PP"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, ao carón do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, no encontro 'Diálogos con raíz' sobre vivenda, este 23 de novembro CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG xunta os responsables de Vivenda de Euskadi e Catalunya e unha ex-ministra portuguesa deste eido no seu ciclo 'Diálogos con Raíz'

Unha "crise de vivenda co mercado de alugueiro roto". É un dos diagnósticos xurdidos na xornada dedicada á vivenda dentro do ciclo Diálogos con raíz nos que o PSdeG está a xuntar en diversos puntos do país cargos do partido con persoas expertas en diversas políticas públicas.

Con Vilagarcía como escenario, os socialistas convidaron desta volta o conselleiro de Vivenda de Euskadi, Denis Itxasu, a súa homóloga catalá, Silvia Paneque, e mais á ex-ministra portuguesa Marina Gonçalves, responsable destas políticas no terceiro gabinete de António Costa. Canda eles, José Ramón Gómez Besteiro sinalou o propio exemplo vilagarcián, cunha suba interanual dos arrendamentos "que acada o 25%, a máis alta de Galicia".

O conselleiro de Vivenda de Euskadi, a súa homóloga catalá e a ex-ministra de Vivenda de Portugal, no encontro 'Diálogos con Raíz' do PSdeG en Vilagarcía, este sábado © PSE

Subliña o secretario xeral do PSdeG que a situación mesmo é máis grave en concellos atinxidos pola "proliferación descontrolada de vivendas turísticas". Todo, nun contexto no que chama a atención sobre a "falta de acción" do Goberno galego: "Desde o ano 2009 só se construíron 6.313 vivendas públicas, fronte ás 7.241 impulsadas en catro anos polo goberno de Emilio Pérez Touriño".

Besteiro contrapón a súa iniciativa de Banco Público de Alugueiro, "inspirado en iniciativas exitosas de Portugal e Euskadi", con "políticas que non solucionan os problemas reais" coma os "aloxamentos compartidos" que impulsa a Xunta

Estas cifras, acrecenta o líder socialista, son a mostra de que "non podemos permitirnos que un problema tan serio como o acceso á vivenda sexa ignorado ou tratado con parches insuficientes". A proposta do PSdeG, di, é "un plan integral baseado na construción de vivendas públicas que permanezan no mercado como ben común" e "aumentar a oferta de vivendas de alugueiro dende unha perspectiva pública e sostible".

Neste contexto, subliña, "un dos elementos máis innovadores das propostas socialistas é a creación dun Banco Público de Alugueiro" que se inspire en "iniciativas exitosas en Portugal e Euskadi". Este sistema, detalla, permitiría á Xunta actuar como mediadora entre propietarios e inquilinos, garantindo prezos accesibles e estabilidade no mercado". Por esta vía, coida Besteiro, si chegaría "un cambio real no acceso á vivenda, priorizando ás familias con máis necesidades e asegurando que os propietarios teñan todas as garantías, incluído o mantemento das vivendas e o pago asegurado".

Iniciativas deste tipo, coida, irían na dirección contraria de "políticas que non solucionan os problemas reais" como "a promoción de vivendas de 30 metros cadrados para menores de 36 anos" que impulsa a Xunta, en referencia aos "aloxamentos compartidos" como vivenda protexida "transitoria" para mocidade e familias. "Galicia -remata Besteiro- necesita un cambio urxente nas súas políticas públicas. Non podemos aceptar que vivir dignamente sexa un luxo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.