Feijóo presenta o Sergas como vítima de "intereses inconfesables" da esquerda

Feijóo, na comisión de investigación sobre a sanidade na que só participa o PP CC-BY-SA Xunta

A sanidade pública galega é das mellores de Europa e sobre ela "os críticos destrutivos teñen un relato elaborado que alimentan á marxe da verdade". Así o asegurou este mércores no Parlamento o presidente Feijóo na súa comparecencia na comisión de investigación sobre os recortes na sanidade aberta polos grupos da oposición, que a abandonou despois de que o PP impuxese un plan de traballo á súa medida. 

O presidente acudiu á comisión sobre os recortes na sanidade para denunciar o que considera unha "premeditada descualificación global" do Sergas por parte da esquerda para "destruír" o sistema sanitario público

Alí, recibindo eloxios por parte do seu único interlocutor, o portavoz popular en materia sanitaria, Aurelio Núñez Centeno, Feijóo atribuíu a situación que se está a vivir no sector a unha "premeditada descualificación global da sanidade galega" que atribuíu á oposición e, en xeral, a "intereses inconfesables" da esquerda. Diante das crecentes mobilizacións o xefe do Executivo defendeu o elevado investimento dos seus gobernos en edificios e tecnoloxías sanitarias. Grazas á súa xestión o Sergas ten "máis fondos, máis profesionais e máis medios ca nunca".

Mentres os perfís oficiais da Xunta en redes sociais difundían mensaxes positivas sobre a xestión sanitaria do Goberno sen indicar o seu contexto, a comparecencia do presidente ante a comisión parlamentaria, Feijóo pedía diferenciar entre as críticas. Algunhas "pretenden mellorar o sistema". Outras, asegura, "pretenden destruílo”. E centrou a súa intervención en identificar as segundas coa oposición galega. Segundo a súa visión, en todo o Estado está a haber problemas na sanidade pública, pero en Galicia funciona "mellor que en calquera lugar do noso entorno". 

Manifestación do persoal de Urxencias do CHUS, o pasado 9 de xaneiro CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo atribúe a En Marea, PSdeG e BNG mentiras sobre a sanidade como "falsos recortes" e asegura que as acusacións da esquerda contra os cargos investigados na xustiza polo caso da hepatite son tan "inxustas" que "non me caben na cabeza"

A En Marea, PSdeG e BNG o titular da Xunta atribúe, esencialmente, mentiras sobre a sanidade por falaren do que define como "falsos recortes" ou "enganar" a poboación para "saír ás rúas de Vigo" dicindo que "o seu hospital é privado". "Sobrepasaron", acusa, "os límites de calquera confrontación" en momentos como a crise pola falta de tratamentos para a Hepatite C. As acusacións da esquerda contra os cargos de Sanidade investigados xudicialmente polo atraso deses tratamentos son tan "inxustas" que "non me caben na cabeza"; ilustrou.

A sanidade galega, proclamou, está a ser "atacada por parte de moitos intereses e dalgún interese partidista inconfesable". Pero fronte a ese escenario, di, cómpre afirmar que non se lembra "un goberno que fixera tantas infraestruturas sanitarias como o goberno actual". Porque "os servizos sanitarios se modernizan con feitos, non falando". Ao tempo, o presidente tamén asegurou que “a sanidade pública non é de Feijóo nin é do PP, senón que é obra de todos os galegos”. 

O portavoz do PP na sesión pechou a comparecencia eloxiando ao presidente: "Nótase que sabe de xestión sanitaria". No exterior, persoal dos PAC manifestábase co apoio da oposición

Nesa liña, agradeceu aos profesionais sanitarios o seu traballo diario e remitiu aos grupos de traballo abertos por Sanidade as eventuais melloras do sistema, concretamente na Atención Primaria. Rescatou, ademais, propostas como reclamar do Goberno central "unha convocatoria extraordinaria de MIR para Atención Primaria" ou "revisar o modelo de atención das urxencias na súa totalidade".

Feijóo pechou a súa intervención criticando tamén á oposición pola súa ausencia da comisión de investigación, da que nada dixo sobre a imposición por parte do PP dos comparecentes que máis lle conviñan. Pola contra, presentou esa ausencia  como unha actitude antidemocrática dicindo que “hai dous tipos de réximes políticos, aqueles que cren na democracia parlamentaria e aqueles que a cuestionan”. 

A comparecencia deste mércores de Feijóo na Cámara galega pechouna o portavoz do PP, Núñez Centeno, interpretando ao seu xeito a función fiscalizadora do Goberno atribuída ao Parlamento en comisións coma esta: “Nótase que sabe de xestión sanitaria”, díxolle a Feijóo. No exterior, persoal dos PAC manifestábase co apoio das formacións da esquerda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.