O conflito sanitario divídeselle ao Sergas en varias frontes que preparan xa novas folgas

Mobilización de persoal sanitario nun centro de saúde en Carballo © CGAP

O conflito nunca cesou, senón que se dividiu en varias frontes. Hai menos dun mes, a Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) desconvocou a folga de tres días prevista nos centros de saúde galegos logo de que o Sergas aceptase un novo modelo de negociación, incluír os cinco puntos irrenunciables da entidade e a creación dunha gran mesa de diálogo, o denominado consello técnico, con todos os colectivos implicados. 

A desconvocatoria de folga provocara xa as primeiras diferenzas na Coordinadora Galega de Atención Primaria e un novo colectivo prevé xa unha nova folga para este mes de maio

A desconvocatoria da folga na Atención Primaria, e posteriores declaracións de Feijóo e o conselleiro Vázquez Almuíña reducindo a importancia do acordo, provocaron o rexeitamento de Precarias pola Atención Primaria, de sindicatos que se declararon “arrepentidos” de non ter levado a cabo os paros ou, e especialmente, dos médicos da área sanitaria de Vigo. Estes, logo de desvincularse da CGAP e crear outra entidade (Asemblea de Áreas Sanitarias) xunto a asembleas doutras zonas, decidían na noite deste luns a data dunha nova folga xa confirmada e que terá lugar na mesma semana das eleccións municipais, os vindeiros 21 e 22 de maio.

Será nos centros de saúde da área de Vigo e con ela, tras a decisión maioritaria da asemblea, solicítase a dimisión do xerente, Félix Rubial, e a negociacións cos seus superiores, ademais de que o tempo mínimo de consulta sexa de dez minutos e cun límite máximo de pacientes, a garantía de acceso de doentes ao hospital ou o cumprimento dos plans de necesidades e intrumental. 

Ademais, continúan coas mobilizacións nos centros de saúde. A todas estas protestas uniranse, presumiblemente, máis colectivos en Galicia, integrados ou non a unha CGAP da que tamén saíu Agamfec (Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria).

Consulta nun centro de saúde do Sergas CC-BY-SA Xunta

“Ao conselleiro e a Feijóo volveulles funcionar o de divide e vencerás”, explican fontes da CGAP a Praza.gal que, no entanto, sinalan que onde a Xunta tiña antes unha fronte agora terá varias. Porque á desconfianza e rexeitamento que moitos colectivos da Atención Primaria expresaron xa ante o inicio das negociacións únese agora o dos sindicatos e entidades que comprobaron as peores sospeitas. “Defraudados xa estabamos, pero o Sergas aceptou negociar os cinco puntos que marcamos como irrenunciables e estabamos á espera do que nos ofrecía, pero a oferta é ridícula e moi escasa”, advirten as mesmas fontes, que aseguran que esta mesma semana a asemblea de Compostela e outros colectivos como AGDSP ou SOS Sanidade Pública debaterán tamén sobre a convocatoria de novas mobilizacións e outra folga. 

O acordo do incremento de prazas non recibiu o visto e prace de CIG e CCOO nin de varios colectivos profesionais que preparan xa novas mobilizacións e valorarán tamén convocar outra folga

A reacción chega logo da celebración da última mesa sectorial, previa á celebración do primeiro consello técnico, onde o Sergas acordou un incremento de 308 novas prazas para Atención Primaria, unha medida que contou co apoio dos sindicatos CESM, CSIF, UGT e Satse, pero non da CIG e de CCOO. Tampouco outros colectivos de profesionais médicos dan o visto e prace a unha oferta, para o período 2019-21, de 20 prazas de pediatría, 4 de farmacia de primaria, 130 de enfermaría, 40 de fisioterapia, 20 de matrona, 14 de traballador social e 80 de medicina familiar. 

A "ridícula e escasa" oferta de 12 prazas de medicina familiar para este 2019 rebordou a paciencia de colectivos profesionais que agardaban a comprobar a actitude do Sergas na negociación

Desta última cifra xorde o principal rexeitamento. “Iso supón 12 prazas para 2019 para afrontar un conflito que comezou pola masificación de pacientes en centros de saúde de Vigo e que, con este número, non verían solucionados os seus problemas nin en dous ambulatorios”, comentan fontes coñecedoras da negociación, que advirten de que as prazas pactadas son poucas máis das que os colexios de médicos conseguiran xa, nunha negociación particular, co Sergas hai tan só unhas semanas. 

Ademais, tampouco satisfan de todo ao colectivo Precarias pola Atención Primaria as medidas previstas para o persoal eventual, mentres que o conflito dos PAC está a expensas de que os profesionais decidan esta semana en votación dar ou non o apoio á última oferta do Sergas. 

Ditame sobre a posibilidade de limitar o número de pacientes

Precisamente, o Consello Galego de Colexios Médicos insiste en limitar o número do doentes non urxentes que cada día os profesionais reciben nas súas consultas. Logo de que o Sergas advertise de que adoptar esa medida podería conlevar sancións, a entidade que agrupa os diferentes colexios provinciais encargou un informe para ditaminar sobre a responsabilidade que terían os seus colexiados ante unha decisión así. 

Nun comunicado,o Consello advirte que a limitación do número de doentes non urxentes que poden ser atendidos en xornada ordinaria é unha demanda “de longo percorrido” coa que pretenden ter de “tempo suficiente” para atendelos “de forma apropiada” e desenvolver así a súa “práctica profesional con calidade e eficiencia”.

O Consello Galego de Colexios Médicos pide un ditame sobre a posibilidade de limitar o númer de opacientes non urxentes que atenden cada día os profesionais

Ante o posible “conflito ético e deontolóxico” na súa “obriga de velar polo dereito dos cidadáns a recibir unha axeitada asistencia”, o Consello encargou un ditame ás súas comisións de Deontoloxía para determinar a súa responsabilidade ao limitar o número de pacientes non urxentes para atender. 

Mentres, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asegurou este luns que “a parte máis importante” do superávit, de ata 125 millóns de euros, que a Xunta obtivo en 2018 irá destinado á creación de máis de 300 prazas sanitarias para a Atención Primaria. 

Ademais, destacou que esas prazas “non son só a consolidación das xa existentes”, senón que se crearán novas prazas “para seguir mellorando”. Tamén indicou que “unha parte do superávit” investirase nos hospitais galegos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.