A Xunta enceréllase en Verín: o Sergas teima en que a escaseza de partos "desencadeou" o peche do paridoiro

Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas © Xunta

A finais do pasado mes de novembro, a xerencia da área sanitaria anunciaba o peche da atención aos partos no Hospital Público de Verín. Entre a indignación da cidadanía e do persoal, o Sergas xustificou a medida no baixo número de nacementos atendidos pola baixa natalidade na zona, o que derivaría en problemas de “seguridade” para os pequenos e as nais pola falta de “pericia” e “perda de experiencia” dos profesionais, argumentos desmentidos desde sempre polos traballadores, que sinalaron a Consellería de Sanidade pola deficiente organización, a falta de pediatras derivada desta e unha xestión baseada na rendibilidade económica e nos recortes.

Fernández-Campa volveu ao argumento inicial da Xunta ao sinalar a baixa natalidade como o "desencadeante" do peche do paridoiro en Verín

A tese inicial da Xunta foi defendida de novo este xoves en comisión parlamentaria polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, a preguntas da deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao. Advertiu de que o baixo número de partos "é o desencadeante" do peche do paridoiro e achegou datos que alertan da "redución importante da evolución da natalidade no distrito sanitario de Verín". 

Protesta contra o peche da atención aos partos no hospital de Verín © MMM Galiza

"A decisión tomada é responsable e exclusivamente baixo un criterio: o da seguridade dos nenos e nenas e das súas nais", dixo Fernández-Campa reproducindo as explicacións que antes deran desde a xerencia ourensá, a Consellería ou a propia presidencia da Xunta. E engadiu que esta situación "de que non existan partos" dáse "nun marco de escaseza de pediatras", tras lembrar que se convocaron dúas prazas en xuño que quedaron "desertas".

"A decisión tomada é responsable e exclusivamente baixo un criterio: o da seguridade dos nenos e nenas e das súas nais", di o xerente do Sergas

Xa que logo, o Sergas volveu aos argumentos do inicio, desmontando así os empregados nos últimos días por Feijóo, que pasou tamén de aludir á baixa natalidade para centrarse na ausencia de profesionais. “Cando volvamos ter pediatras recuperaremos os partos en Verín en 24 horas”, dixo aínda o mércores na sesión de control no Parlamento. 

O presidente da Xunta insistiu en que a decisión de non permitir partos en Verín mentres non haxa pediatras é “sanitaria” ou “técnica” e asegurou que o paridoiro volverá abrirse se o Goberno atopa eses profesionais, para o que vén de volver convocar as prazas que xa quedaran vacantes previamente. Xa que logo, non importa se hai moitos ou poucos nacementos, senón que haxa por fin pediatras. 

Hai quince días, preguntado pola mesma cuestión, Feijóo aludía á "caída en picado do número de partos" e á "seguridade na atención pediátrica" ao "non haber pediatras que queiran traballar en Verín", algo para o que, admitía, non tiña "solución". E insistía en que o hospital non chegaba ao "minimo de partos" que "recomendan" algunhas guías profesionais e que "varía entre 300 e 600".  

Referíase Feijóo ás recomendacións dunha guía sobre maternidade para o Ministerio de Sanidad de hai unha década no que se advirte da inoportunidade de abrir servizo de atención aos partos en zonas onde houbese menos de 600 anuais, pero nos que alerta da excepcionalidade de lugares afastados do centro de referencia. Na área de Verín non se superan o cento a tal hora, pero non se chegou a un terzo dos que esgrime a Xunta nunca desde que hai hospital. Tampouco en ningún centro comarcal nin en moitos privados. 

Cartel de protesta alusivo ao parto producido en Verín tras o peche do paridoiro no que nai e bebé foron separados CC-BY-SA Praza Pública

Tan só unha semana despois, e logo de que se producise en Verín un parto de urxencia que incluíu intervención xudicial e unha forte polémica pola separación do neonato da nai, Feijóo volveu mudar a súa postura. Evitou ser tan categórico e asegurou que o seu Goberno se limitou a seguir indicacións de "xinecólogos, obstetras e pediatras" do hospital de Ourense. "No caso de conseguir pediatras para que atendan o neno despois do parto, volveremos valorar a posibilidade de reactivar eses partos", concluíu, evitan referirse á perda de "pericia" dos profesionais que, segundo a Consellería de Sanidade, estaba na cerna da decisión.

Feijóo pasou de aludir á "seguridade" e á "caída en picado" dos partos a citar a falta de pediatras como razón fundamental do peche do paridoiro

Unha semana máis tarde, este pasado mércores, Feijóo insistiu en que se "recuperarán" os partos en Verín en canto volva haber pediatras. E que se faría "en 24 horas". Outra vez nin unha referencia á baixa natalidade ata que, ao día seguinte, o xerente do Sergas volveu citar o escaso número de nacementos como o "desencadeante" da decisión. "Témolo dito por activa e por pasiva", dixo. Uns máis que outros. Da suposta falta de pericia, foron esquecendo todos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.