Hai algo máis de dez anos, a finais de xaneiro de 2009, o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, inauguraba a sala de hemodinámica do complexo hospitalario de Ourense (CHOU). Aquela nova infraestrutura para a atención urxente dos infartos e doutras doenzas coronarias respondía á histórica demanda de poñer fin aos máis de mil traslados anuais a Vigo para atender este tipo de episodios pero o seu horario convertíaa só nun primeiro paso. Abriu pouco despois, pero só en horario de oficina, de xeito que polas tardes e nas fins de semana, os traslados continuaban.
A apertura 24 horas da hemodinámica de Lugo avivou hai un ano a demanda ourensá, que co pano de fondo do conflito de Verín será atendida dende o vindeiro febreiro, anuncia a Xunta
A cuestión da hemodinámica ourensá rexurdiu con especial intensidade á calor das mobilizacións que durante anos se produciron apenas un cento de quilómetros ao norte, en Lugo, onde en febreiro de 2011 Alberto Núñez Feijóo prometeu que, coa inauguración do novo hospital Lucus Augusti, os doentes da provincia terían que deixar de ser trasladados á Coruña. A sala lucense de hemodinámica non abriu ata 2014, tamén cun horario de oficina que impediu tratar a tres de cada catro doentes que o precisaban. En febreiro de 2018 ambas salas, a lucense e a ourensá, pasaron a estar abertas ata as dez da noite e a comezos de 2019, tras oito anos de mobilización, chegaba Lugo unha apertura 24 horas que avivou a demanda ourensá. Esa apertura continuada no CHOU chegará agora, en febreiro de 2020, anuncia a Xunta.
Pouco despois da fin do conflito lucense, o PP votaba no Parlamento contra apertura continua en Ourense entre acusacións de ignorancia contra PSdeG e BNG
Como en Lugo, durante estes anos tanto Feijóo como as tres persoas á fronte da Consellería de Sanidade nos seus gobernos mantiveron que o límite horario da sala ourensá de hemodinámica se debía estritamente a criterios técnicos baseados no Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio (Regaliam). Deste xeito, poucos días despois da fin do conflito lucense, o PP votaba no Parlamento en contra de estender a medida a Ourense entre acusacións de ignorancia dirixidas a PSdeG e BNG. En setembro de 2019 chegaría a decisión sobre a apertura continua, agregara Sanidade entre aplausos do daquela alcalde ourensán, Jesús Vázquez, cuxo mandato se sometía ás urnas apenas tres meses despois.
A Xunta organizou un encontro de Feijóo e Almuíña coa área de Cardioloxía do CHOU para dar a coñecer a decisión e evidencia que ata agora a atención a infartos en Ourense "ocupaba o 40% do horario"
Pero en setembro de 2019 non houbo novidades. Hainas agora, en xaneiro de 2020, cunha precampaña galega xa lanzada e, no caso ourensán -e máis alá-, marcada irremediablemente polo conflito polo peche do paridoiro do hospital comarcal de Verín, no que a Xunta vén de recuar tras dous meses de mobilización cidadá permanente nos que a cúpula dirixida por Alberto Núñez Feijóo tivo enfronte non só á oposición galega e a diversos movementos sociais e veciñais, senón tamén ao PP na provincia de Ourense, que só secundou a posición presidencial no Parlamento. Igual que na cuestión da hemodinámica.
Con este pano de fondo, este luns Feijóo e Almuíña convocaron á prensa no hospital de Ourense, onde anunciaron que manterían unha xuntanza cos "responsables de Cardioloxía" do complexo. Segundo o presidente, a decisión responde a que, unha vez "protocolizados dende 2018" os datos do devandito rexistro de infartos, "os profesionais nos propoñen, e nos vamos a anunciar, que este servizo de oito a vinte e dúas horas" pasará a ser "un servizo de 24 horas". Ata agora, evidencia, a atención a infartos en Ourense "ocupaba o 40% do horario".