Comeza a atención a infartos as 24 horas en Lugo e Ourense reclama o mesmo tratamento

Feijóo, Almuíña e outros cargos, anunciando as futuras obras de ampliación do hospital de Ourense CC-BY-SA Xunta

O día 26 deste mes cumpriranse oito anos da inauguración do Hospital Lucus Augusti de Lugo, o novo centro hospitalario que concentrou e remudou os servizos do vello e deficitario complexo Xeral-Calde. Naquel acto inaugural o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solemnizou o "compromiso" de prestar no HULA "ao longo" daquela no, o 2011, servizos pendentes como a radioterapia, a medicina nuclear ou a hemodinámica. 

Dende este 18 de febreiro a sala de hemodinámica está aberta en Lugo as 24 horas, servizo que Feijóo prometera para 2011, mentres que en Ourense segue a ter horario limitado

Este último servizo, clave na atención aos infartos, non abriu ata 2014, pero en horario de oficina -de 8h a 15h, de luns a venres- e catro anos despois estendeu o seu horario ata as 10 da noite toda a semana. Despois de máis de sete anos de mobilizacións veciñais e políticas este 18 de febreiro de 2019 a sala de hemodinámica do HULA pasa a estar aberta as 24 horas do día, algo que en Lugo é lido como o triunfo dunha ampla demanda social que segue a chamar ás portas da Consellería de Sanidade un cento de quilómetros máis ao sur, en Ourense.

Aínda que cunha intensidade mobilizadora moito menor que a de Lugo, a demanda ourensá para a apertura da hemodinámica 24 horas no seu complexo hospitalario, o CHUO, tamén está activa dende hai anos. Nos últimos tempos recuperou vigor ao observaren dende Ourense como a veciñanza de Lugo lograba o ansiado obxectivo e a cuestión recobrou intensidade tamén no ámbito político, caso da reclamación unánime da oposición no Parlamento galego. 

Sanidade, como fixera en Lugo durante anos, apela a criterios técnicos para agardar. Para seguir, polo momento, co horario de 8 da mañá a dez da noite, de luns a venres, implantado no CHUO en 2018.

Os debates máis recentes producíronse a pasada semana ao fío de senllas iniciativas parlamentarias de PSdeG e BNG. Pola banda socialista a deputada Noela Blanco defendeu unha proposición para instar a Xunta a implantar de maneira "urxente" a hemodinámica 24 horas en Ourense. E o PP, por quinta vez, votou en contra, o que para Blanco supón que os populares son partidarios de que "vivir ou morrer dependa do Código Postal".

O PP votou en contra dunha iniciativa do PSdeG para abrir xa as 24 horas a hemodinámica de Ourense e o conselleiro retrucou ao BNG que a decisión está ligada a razóns técnicas; o horizonte para determinalo é agora setembro

No mesmo pleno a deputada ourensá do BNG, Noa Presas, cuestionou o conselleiro Vázquez Almuiña ao repsecto. "Seguramente, algunha das vidas das 142 persoas" que en 2017 -último dato dispoñible- faleceron en Ourense "por infarto agudo de miocardio" poderíase "salvar" se a hemodinámica estivese aberta. "De pouco ou nada nos serven unhas institucións gobernadas polo PP para que nos escoiten; a historia da hemodinámica en Ourense é a historia da hipocrisía e a desvergoña do PP", lamentou a parlamentaria.

A resposta do conselleiro foi, alén do desdén a Presas, a quen atribúe descoñecemento do tema, un traslado da decisión ao ámbito técnico. Como no caso de Lugo durante anos, Almuiña afirma que a decisión de abrir ou non a hemodinámica de Ourense derivará dos datos tirados do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam), a base de datos que funciona dende 2015, a mesma que segundo o conselleiro amosa que "o servizo de cardioloxía de Ourense mostra unha excelente actividade". 

Apenas dous días despois dese pleno o Sergas aclarou que a decisión sobre abrir ou non hemodinámica do CHUO as 24 horas chegará o vindeiro setembro. O alcalde ourensán, Jesús Vázquez, amosouse "seguro" de que a Xunta vai "cumprir" e cargou contra PSdeG e BNG porque as súas iniciativas parlamentarias, cre, foron "electoralistas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.