A fervenza de recortes incluídos nos dous decretos emanados do Consello de Ministros do pasado venres seguen a ser peneirados polos grupos da oposición parlamentaria, en Madrid e tamén en Galicia. Despois de que, en días pasados, tanto o PSdeG como o BNG puxesen sobre a mesa o que, ao seu xuízo, poden ser "alternativas" á tesoirada do Goberno de Rajoy -substituír, por exemplo, o recorte das prestacións de desemprego por unha reforma fiscal para rendas altas- os socialistas fixáronse este martes nunha das vertentes sociais a priori máis preocupantes da reforma: as modificacións introducidas na Lei de Dependencia. Tras analizalas, chegan a un duro diagnóstico: "milleiros de galegos morrerán agardando" por unha prestación, di a voceira do PSOE no Congreso en materia de discapacidade, Laura Seara.
A parlamentaria ourensá bota man das estatísticas para explicitar a incidencia en Galicia das medidas impulsadas polo Ministerio de Sanidade: case 37.000 persoas reciben actualmente en Galicia algún tipo de prestación por padeceren algún grao de dependencia e 25.000 máis téñena recoñecida pero aínda non se benefician dela. Ademais, 7.500 familiares exercen oficialmente como coidadores e coidadoras e 15.000 persoas traballan neste sector. Polo tanto, en números redondos, máis de 80.000 persoas sufrirán en Galicia os efectos do recorte, a comezar polos propios dependentes.
"A algunhas persoas rebaixaráselles o grao xa recoñecido e outras serán directamente expulsadas do sistema"
Neste sentido, Seara sinala que un dos efectos inmadiatos da reforma será que "a algunhas persoas se lles rebaixará o grao xa recoñecido e outras serán directamente expulsadas do sistema". Mentres, outras nunca chegarán a recibir coidado ningún ao amparo da lei, dado o seu precario estado de saúde nun contexto no que agora a Administración terá ata dous anos para asignar unha prestación, mentres que agora o límite estaba en seis meses. "Os recortes na Lei de Dependencia serán un drama persoal, familiar e profesional", di.
"Tendo en conta que hai 25.029 ditames favorables que aínda non reciben prestación ningunha poemos facernos unha idea da dimensión do problema", salienta a deputada socialista, máis aínda cando "o acceso ao sistema atrásase ata o ano 2015 para os dependentes moderados". Todo isto ademais, di, impactará dun xeito especialmente negativo no ámbito da igualdade entre homes e mulleres, xa que das "máis de 7.500 persoas" que exercen como coidadoras, o 95% son mulleres. "Para este colectivo está previsto un recorte de, polo menos, un 15%" nas axudas que recibían e tamén perderán o seu dereito a cotización na seguridade socail. "Grazas á Lei de Dependencia estaban vendo recoñecido o seu traballo e a revisión do PP pode chegar a supoñer que perdan o seu dereito a unha pensión e mesmo á tarxeta sanitaria", reprocha.