O Consello de Contas criticou como inxusto e ineficiente que a Xunta pagase máis a persoal de entes suprimidos que ao resto

Feijóo, nunha imaxe de arquivo con membros do Consello de Contas e informe no que lle critican a súa xestión de persoal como inxusta e ineficiente CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O Goberno galego quere perpetuar trienios máis altos para algúns traballadores ano e medio despois de que o ente fiscalizador alertase das súas “desigualdades retributivas significativas non xustificadas”

“De administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta”. Así contestou o presidente Feijóo ás críticas que o Consello de Contas, o ente independente de fiscalización da administración, fixo hai ano e medio nun informe específico sobre o proceso de supresión de entes públicos paralelos lanzado polo popular en 2009, do que di que apenas logrou un aforro “residual”.

Ano e medio despois de que Contas alertase contra as “desigualdades retributivas significativas non xustificadas” que a Xunta permitiu para o persoal deses entes que integrou na propia administración, agora o Goberno galego quere perpetuar algunhas desas desigualdades e que eses traballadores de antigos "chiringuitos", como os denominaba o propio Feijóo na oposición, sigan a cobrar máis polos seus trienios de antigïudade que o funcionariado que ocupa postos similares malia as dúbidas sobre o xeito en que foron contratados no seu momento. Para Contas, a desigualdade retributiva “impide a consecución dunha xestión do persoal xusta e eficiente”.

Feijóo cos conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez, e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e modificación legal que perpetuará os trienios máis elevados a persoal de entes paralelos que se integre na Xunta CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

No seu informe sobre o proceso de supresión de entes paralelos, cuxas funcións e persoal foron asumidos na súa maior parte por outros departamentos da Xunta, o Consello de Contas criticou que o aforro logrado foi “residual” malia presentalo Feijóo como “histórico”. O Goberno galego tentou que Contas borrase esa conclusión do seu informe, pero o ente fiscalizador ratificouse nela. O presidente chegou a criticar a Contas por empregar para algúns elementos da súa análise datos obtidos en fontes estatais, algo ao que o ente fiscalizador tivo que recorrer ante a negativa da Xunta a facilitar eses datos. 

Contas puxo o foco no xeito en que no seu momento foi contratado parte do persoal dos entes paralelos, con procedementos que “en moitos casos non cumpriron os principios de igualdade, mérito e capacidade” 

Pero ademais das grandes cifras, Contas tamén analizou como se está a producir o proceso de integración do persoal deses entes no resto da administración, proceso que dez anos despois aínda segue aberto, o que fai que eses traballadores sigan a manter privilexios obtidos en postos e entes que xa non existen. Nas súas conclusións, que Contas non modificou malia así intentalo a Xunta, di que o persoal de entes suprimidos segue a manter as súas “condicións de orixe” o que provoca diferenzas retributivas e de dereitos co resto do persoal da administración que “non se xustifica polas características dos postos de traballo que viñan prestando os traballadores subrogados”.

Contas vai máis alá e pon o foco no xeito en que eses traballadores foron contratados no seu momento nos entes paralelos con procedementos que “en moitos casos non cumpriron os principios de igualdade, mérito e capacidade” que se esixe nas oposicións ao funcionariado. 

Conclusión de Contas sobre as desigualdades retributivas do persoal dos entes paralelos suprimidos CC-BY-SA Praza Pública

O ente fiscalizador tamén alertaba hai ano e medio de que daquela, case dez anos despois de iniciarse os procesos de supresión dos entes, en moitos casos aínda non se iniciaran os trámites paralelos de integración formal do seu persoal, o que facía, como segue a ocorrer hoxe, que aínda non empezasen a contar os seis anos que a Xunta estableceu para a igualación progresiva do soldo base dese persoal. Agora, sen ese proceso nin sequera iniciado en moitos casos, o Goberno galego prevé que no caso dos trienios por antigüidade non haxa período transitorio e permaneza inalterada para sempre a súa contía moito maior que a dos trienios do resto da administración.

CSIF denuncia que a nova medida vai beneficiar a altos cargos do Goberno galego como a conselleira de Infraestruturas, que só en trienios cobra máis de 13.000 euros

A nova disposición incluída na lei de acompañamento que a Xunta está a tramitar vai beneficiar en particular, segundo denunciou o sindicato CSIF, a altos cargos do Goberno galego que tiñan o seu posto de traballo neses entes, como a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. Empregada da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, a súa supresión en 2012 non impide que sumados ao seu soldo actual como conselleira siga a cobrar trienios pola súa antigüidade naquel posto moi superiores ao resto, de máis de 13.000 euros, o dobre que o titular de Facenda, Valeriano Martínez, malia ser funcionario desde moito antes.

Francisco Menéndez, Ethel Vázquez e Teresa María Gutiérrez, responsables sucesivos da Eposh e Augas de Galicia, onde agora está integrado a maioría do persoal do ente suprimido CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta creou postos específicos para recolocar os ex-xerentes comarcais da época de Fraga, varios deles cargos do PP

Non sería a primeira vez que o proceso de integración de persoal de entes paralelos acaba beneficiando a cargos populares. Xa ocorreu coa supresión das 34 fundacións comarcais que crearan os gobernos de Manuel Fraga, varios de cuxos xerentes foron despois cargos do PP, como o ex-alcalde de Ponteareas Salvador González Solla. Ademais de seguir cobrando durante seis anos un soldo superior, creáronse para eles postos específicos en oficinas de emprego que a Xunta mantivo baleiros dous anos malia argumentar que eran necesarios.

A integración como persoal laboral fixo da propia Xunta dos ex-xerentes comarcais produciuse malia as dúbidas sobre os procesos de selección que tiveron que pasar para ser contratados inicialmente por cada fundación comarcal. Na primeira convocatoria, de xaneiro de 1998, do total de 22 puntos que podía recibir cada candidato, 7 puntos destinábanse á “valoración do curriculum” e outros 5 ao resultado dunha “entrevista persoal”, mentres que só os restantes 7 puntos se decidían por unha “proba tipo test de coñecementos específicos”. 

Alfonso Rueda e Salvador González Solla, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.