As autorizacións de Altri e o 'conseguidor' en Madrid poñen o foco nos postos 'a dedo' que a Xunta ve técnicos

Oficinas da Xunta en San Caetano CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego demora desde hai unha década a regulación dos concursos específicos para nomear centos de postos agora discrecionais en toda a administración

O 7 de maio a Xunta creaba un novo posto de intermediario en Madrid para as empresas galegas, un conseguidor que será elixido "polo procedemento de libre designación ou contrato de alta dirección". Dous meses antes facíase pública a autorización ambiental de Altri, asinada por un subdirector xeral de Medio Ambiente que ocupaba en comisión de servizos un posto que agora vai ser outorgado por libre designación. O seu ditame final estivo baseado á súa vez en informes sectoriais asinados por outros subdirectores xerais nomeados coas mesmas figuras da comisión de servizos ou a libre designación. A lexislación permite que eses cargos sexan ocupados con esas figuras, pero outros varios centos de postos inferiores (xefaturas de servizo, de sección ou secretarías) son tamén outorgados con procedementos de selección similares que o Consello de Contas vén criticando pola súa discrecionalidade.

Porén, o Goberno galego opta por presentar todo tipo de cargos discrecionais como "técnicos" mentres demora desde hai unha década a normativa para regular os concursos de acceso a centos de postos en toda a administración. 

A Xunta vén de crear un posto a dedo de "busca de contactos" para empresas en Madrid © Imaxe: Comunidad de Madrid | Montaxe: Praza Pública

En 2015, cando a Xunta impulsou unha nova Lei de Emprego Público, o daquela conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, lamentou no Parlamento que "os cidadáns non entenden que os postos técnicos vaian elixidos por libre designación” e asegurou que impulsaría un cambio no sistema de cobertura das xefaturas de servizo, “máis de 500 na Administración galega, pasarán a proverse por medio dun concurso público específico con convocatoria pública”. Xefaturas de servizo que son só unha parte dos 2.700 postos que o Consello de Contas cuantificou en 2021 como outorgados a dedo ou sen motivación suficiente, entre procedementos de libre designación e comisións de servizos.

O nomeamento das xefaturas de servizo por concursos específicos, incluído na Lei de Emprego Público de 2015, non foi regulado por decreto ata 2022, e a Xunta aínda está a negociar un modelo de bases de concurso, que despois deberá desenvolver cada consellería

Pero aquela lei publicitada para outorgar por concurso xefaturas de servizo que se daban por libre designación estableceu unha ampla excepción: “agás aqueles que, polas súas especiais características, deban proverse polo sistema de libre designación”. O que fixo a lei foi establecer que é a Relación de Postos de Traballo (RPT) de cada consellería, que se modifica periodicamente, a que fixa que postos son de libre designación polas súas especiais características ou responsabilidades, algo que se fixo seguindo unhas instrucións cunha ampla marxe de discrecionalidade. E o concurso específico quedou como un desexo de futuro de xeito que a Xunta leva dez anos de demorado deseño dese proceso, tempo durante o que as designacións a dedo, con comisións de servizo, aínda máis discrecionais que as libres designacións, seguen sendo o habitual.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, nunha entrega de premios a funcionarios públicos en decembro CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras a lei de 2015 o decreto que a desenvolveu non chegou ata 2022, pero quedaron pendentes de aprobar as bases xerais de como deben ser eses concursos específicos, cuxo borrador non foi presentado pola Xunta aos sindicatos ata xaneiro deste ano e segue pendente de aprobación. Uns concursos que despois aínda deben ser desenvolvidos por cada consellería cun procedemento que aínda contén amplas marxes de discrecionalidade, xa que as comisións de valoración, segundo o borrador, son nomeadas polo Goberno galego sen reservar postos aos sindicatos. Catro meses despois de dar aos sindicatos uns poucos días para estudar ese borrador, a norma aínda segue en negociación tras pasar hai uns días pola mesa da función pública.

Segundo as cifras manexadas polos sindicatos a partir das relacións de postos de traballo, que se foron actualizando nos últimos anos, na administración xeral da Xunta, sen ter en conta entes instrumentais, a libre designación é o procedemento de nomeamento previsto para unhas 300 subdireccións e unha cifra similar de xefaturas de servizo. Outras 700 xefaturas de servizo están xa cualificadas como de concurso específico, pero eses procesos de selección seguen pendentes do procedemento que a Xunta aínda non logrou aprobar unha década despois. Por outra banda, a relación 30/70 existente entre as xefaturas de servizo de libre designación e as de concurso específico poñen en dúbida a premisa legal de que a libre designación quedase para situacións "excepcionais", o que non cadraría co feito de que sigan a ser un terzo das totais.

Convocatoria da subdirección xeral de Avaliación Ambiental polo sistema de libre designación CC-BY-NC-SA Praza.gal

Hai catro anos o Consello de Contas cifrou en 2.700 os postos outorgados 'a dedo' ou sen motivación suficiente na Xunta

Canto ás comisións de servizo, o Consello de Contas cuantificábaas en 2021 en preto de 1.884, case o dobre que as 981 de 2014. É unha figura que a Xunta vén empregando para cubrir postos de todo tipo que non poden quedar baleiros, dando un prazo ás posibles persoas interesadas en ocupalos de tan só cinco días para que presenten as súas candidaturas, o que provoca a sospeita en diversas fontes sindicais de que podería haber avisos previos a persoas concretas para que estean preparadas. Non calquera funcionario pode decidir en tan pouco tempo se quere mudar ou non o seu posto de traballo.

Contas lembraba que “o carácter excepcional das comisións de servizos require de motivación xustificativa das razóns de urxencia e interese público para a cobertura do posto e da ausencia doutro procedemento para facelo”. Motivación que o ente fiscalizador botaba en falta e que a Xunta evitou facilitar durante anos.

Conclusións do Consello de Contas sobre os postos de libre designación e as comisións de servizo CC-BY-SA Praza Pública

É habitual que subdireccións xerais e xefaturas de servizo sexan cubertas primeiro en comisión de servizos e despois acaben en mans das mesmas persoas a través de libres designacións. Malia a discrecionalidade deses procesos denunciada por Contas, para o goberno galego son postos "técnicos" e non políticos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.