O cargo a dedo, mesmo de alta dirección, ten "o obxectivo declarado de captar oportunidades para as empresas galegas aproveitando o ecosistema económico empresarial da capital do Estado"
Será un posto de libre designación ou con contrato de alta dirección "co obxectivo declarado de captar oportunidades para as empresas galegas na capital" e "configurar unha rede de contactos e oportunidades que posibilite ofrecerlles un mellor marco competitivo". Un conseguidor ou lobista que aproveite "o ecosistema económico empresarial da capital do Estado" e cuxo cargo vén de ser creado polo Goberno galego dentro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

A nova figura creada pola Xunta terá a denominación de adxunto ou adxunta á Oficina Económica de Galicia en Madrid, estendendo así as competencias dese órgano de promoción económica dependente do Igape e reactivado e renomeado varias veces durante os gobernos de Feijóo e Rueda. [A terceira vida da "oficina económica" da Xunta].
O novo home ou muller da Xunta en Madrid non só tentará buscar "oportunidades" ás empresas galegas na capital senón tamén canalizar a chegada a Galicia de empresas e persoas emprendedoras "con ou sen vinculación anterior con Galicia". Entre as súas funcións terá a de "busca especializada de contactos singularizados [...] aproveitando o ecosistema económico empresarial da capital do Estado". Ecosistema do que non se detallan as súas peculiaridades.
O novo cargo deberá tamén comunicar ás empresas "oportunidades relativas á obtención de axudas públicas"
Tamén deberá comunicar ás empresas "oportunidades relativas á obtención de axudas públicas" e "colaborar, na interacción co resto de administracións e axentes públicos tanto autonómicos, estatais como europeos relacionados co ecosistema das axudas públicas e dos proxectos".
A nova figura supón unha nova estratexia no apoio da Xunta ás empresas galegas fóra de Galicia, marcada polo fracaso das oficinas internacionais que o Goberno de Feijóo pagou durante anos á patronal da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).