Rueda crea unha "Oficina de Asesoramento Especial e Apoio" ao presidente da Xunta que Feijóo non tiña

Rueda recibido entre aplausos polos altos cargos do seu Goberno o pasado 19 de setembro CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Parte das súas competencias tamén están atribuídas a outros órganos xa existentes, pero o Goberno galego asegura que non supón un incremento de custo 

Tras a súa investidura como presidente o pasado maio Alfonso Rueda remodelou a estrutura orgánica dos departamentos administrativos que dependen directamente da Presidencia da Xunta. As mudanzas nas estruturas do Goberno galego son habituais con cada cambio de presidente ou conselleiros, con departamentos que pasan a depender dunha ou doutra área en función das prioridades ou preferencias políticas de cada momento. 

Pero na reforma impulsada por Rueda destaca a creación dun novo órgano, a denominada Oficina de Asesoramento Especial e Apoio á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia. Isto é, unha oficina de asesoramento “especial” e apoio ao propio Rueda que non existía durante os mandatos de Feijóo e que agora coexistirá coa Secretaría Xeral da Presidencia e a súa subordinada Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

Decreto que creou e definiu as funcións da Oficina de Asesoramento Especial e Apoio a Alfonso Rueda, con competencias similares as que seguen a ter outros departamentos que se manteñen como a Dirección Xeral Técnica do Gabinete da Presidencia CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o decreto que definiu a nova estrutura, a nova oficina, xunto cunha Xefatura de Comunicación, encárganse de “prestar asesoramento especial e apoio á Presidencia da Xunta de Galicia no desenvolvemento do seu labor político, no cumprimento das súas funcións de carácter parlamentario e nas súas relacións coas institucións públicas, os medios de comunicación e as organizacións administrativas, así como actividades protocolarias”. 

Porén, varias desas funcións xa viñan sendo desenvolvidas por outros órganos dependentes da Presidencia da Xunta que xa existían con Feijóo, que continúan na actualidade e aos que a nova estrutura segue a atribuír similares competencias. En particular, a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia segue a ter como funcións o “asesoramento, asistencia e apoio directo á Presidencia da Xunta de Galicia”. E no detalle das competencias desa dirección xeral sinálase como unha delas a de “prestar asistencia para a preparación das súas intervencións no Parlamento de Galicia”, tarefas parlamentarias que tamén se atribúen á nova Oficina de Asesoramento e Apoio. Igualmente, da nova oficina dise que asesora e apoia en “actividades protocolarias”, pero segue a haber un departamento específico de Protocolo encargado desas cuestións. 

Segundo puido contrastar este diario, actualmente a esa nova Oficina de Asesoramento e Apoio están adscritas tres persoas, todas elas persoal eventual de confianza nomeado a dedo. De feito, nunha recente reforma da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Presidencia non figura ningún persoal funcionario adscrito a dito departamento, como si adoita suceder con outros nos que conviven persoal de confianza e de carreira. 

Un axente da Unidade de Policía Adscrita (UPA) á Xunta saúda ao paso de Rueda e dous dos seus asesores antes do inicio do Consello da Xunta do 22 de setembro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Á fronte do novo órgano, como Xefa da Oficina, está Lucía Fernández-Morais Petersen, que foi xefa de gabinete de Rueda cando era vicepresidente primeiro, co que Rueda ratifica a súa aposta polas persoas que xa o acompañaban daquela. E con ela traballan outras dúas persoas de confianza do presidente.

O Goberno galego argumenta que a nova estrutura limítase a “darlle oficialidade na estrutura a unhas funcións que igualmente se ían desempeñar noutras áreas” e di que o "o custo en persoal eventual é o mesmo"

Segundo o Goberno galego, a nova oficina non suporá máis custo senón que é unha simple reorganización de funcións que xa se viñan prestando. “O custo en persoal eventual é o mesmo”, sinala unha fonte oficial, que engade que o novo decreto limítase a “darlle oficialidade na estrutura a unhas funcións que igualmente se ían desempeñar noutras áreas”

A mesma fonte oficial explica que a nova estrutura atribúe agora á Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia o secretariado do Consello da Xunta, que antes recaía na Secretaría Xeral da Vicepresidencia Primeira. A necesidade de desviar parte do traballo que realizaba o gabinete da presidencia ao asumir as novas funcións e a marcha de algúns asesores de Feijóo levou, argumentan, a reorganizar así a estrutura da Presidencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.