Veto á investigación para "non politizar" e agora, veto ás explicacións para "non desviar a atención". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teimou este xoves na estratexia do seu partido a respecto da Operación Zeta en xeral e, en particular, da súa relación de amizade con Pachi de Lucas, considerado pola Policía como o enlace entre a presunta trama corrupta e diversos cargos políticos. Mentres o sumario do caso reflicte pagamentos periódicos da rede de Gerardo Crespo a De Lucas Feijóo rexeita aclarar se os seus vínculos persoais con el influíron ou non na toma de decisións políticas como a concesións de axudas ou contratos. Mentres, así e todo, sobe un chisco a intensidade do ventilador cara ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG, aos que lles pide contas polos subsidios concedidos ás entidades de Crespo neses anos.
"Por que rexeita contestar?", preguntóuselle directamente a Feijóo este xoves tras o Consello da Xunta, xuntanza sen apenas asuntos de relevancia na súa orde do día e con tantos acordos, cinco, como informes, isto é, documentos sen valor legal ningún que o Goberno adoita utilizar para colocar na axenda política e mediática asuntos do seu interese. "Porque me estou dando conta de que aquí o que se persegue non é avaliar a actuación da Xunta nin a investigación da Xunta", di. Non explica a súa relación con De Lucas porque "o que se está perseguindo é non falar da investigación, probablemente porque hai moitísimas responsabilidades doutros gobernos que agora piden unha comisión de investigación [quen a piden son AGE e BNG co apoio do PSdeG] porque antes non investigaron nada". A oposición pide saber sobre o presunto conseguidor, asegura, porque "mentres se fale disto non falan dos millóns de euros que concederon co Goberno en funcións ás empresas que están sendo investigadas".
O presidente afirma que se le pregunta pola súa relación con De Lucas "porque hai moitísimas responsabilidades" do bipartito
Feijóo asegura estar convencido de que "todo o mundo se decata de que se trata de desviar a atención, que está moi ben focalizada" na indagación a respecto das empresas que, supostamente, cometeron unha fraude. Por que se nega tamén, polo tanto, a que o Parlamento investigue todas as concesións ás empresas da rede, tanto no período do bipartito como no do PP? "O que fixo cada Goberno o estamos facilitando", di, nun contexto no que as aspas do ventilador rozan tamén os medios de comunicación: "Outra cousa é que se queira poñer ou non poñer", reprocha. "Nós dixemos que durante o bipartito un membro do Goberno recibiu unha solicitude expresa do titular desas empresas para que lle deixase solucionados os programas de formación" co Goberno en funcións. "Recibiuno o 10 de maerzo e o día 30 deixounos asinados", acusa, mentres asegura que "non tentamos diminuír ningunha responsabilidade propia" e chama a "non confundir os investigadores cos investigados". "Nós somos os investigadores, os investigados son os que presuntamente cometeron fraude".
Correos electrónicos e adxudicacións cando a investigación xa comezara
O "membro do goberno" que recibiu unha "solicitude expresa" por parte de Gerardo Crespo é o ex conselleiro de Traballo Ricardo Varela que, efectivamente, recibiu correos electrónicos -cuxa reprodución acompaña a presente información- nos que Crespo lle reclamaba a resolución de axudas pendentes e mesmo lamentaba que os socialistas tivesen que abandonar a Xunta por mor do resultado electoral. Así e todo, os correos electrónicos intervidos pola Policía e incluídos no sumario, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, amosan que a correspondencia de Crespo con cargos políticos é abondosa, chegando a dirixirse tamén ao propio Feijóo ou, como informou este diario, a cargos políticos do PP como Jose Manuel Romay Beccaría, entre outros. Algunhas desas mensaxes amosan tamén, por exemplo, como os pagamentos a Pachi de Lucas eran considerados prioritarios por Crespo e os seus colaboradores.
A relación de axudas concedidas por Traballo en 2013 inclúe máis de 80.000 euros para Azetanet
A petición de explicacións de Feijóo á oposición, así como a teimosía en que a denuncia do caso partiu da Xunta -a Policía comezou a investigar a finais de 2011 e o Goberno dirixiuse á Fiscalía en marzo de 2012- prodúcese nun contexto no que, ademais, documentos oficiais contrastan con algunhas das afirmacións presidenciais das últimas semanas. Así, a finais de outubro, Feijóo aseguraba que tras "sospeitar da utilización incorrecta" de fondos, "decidimos cortar todo tipo de contrato con las empresas implicadas por supuestas irregularidades". No entanto, na relación de subvencións concedidas pola Consellería de Traballo no ano 2013 figuran, cando menos, máis de 80.000 euros en subvencións para unha das empresas de Crespo, Azetanet, para a organización dun curso de asistencia á dirección (51.000 euros) e doutro de atención a persoas dependentes (32.600 euros).
Do mesmo xeito, en xullo de 2012, catro meses despois de que a propia Xunta se dirixise á Fiscalía, outra das entidades de Crespo, AED Galicia, recibía unha achega da Consellería por importe de 8.100 euros para a prevención de riscos laborais. En xullo de 2013, asemade, Traballo deu conta no DOG doutra axuda a AED Galicia de 5.000 euros, nunha orde que tamén recolle 40.000 euros para o sindicato USO Galicia, tamén investigado pola trama. Ambas ordes están asinadas por Odilo Martiñá, quen dimitiu da dirección xeral de Traballo tras o estourido do caso e un día antes de ter que declarar ante a Policía.