O presidente di que non lle corresponde a el decidir se a tránsfuga María Reigosa vai ir nas listas do PP nas eleccións municipais dentro dun ano
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, acusou este luns a PSdeG e BNG dun posible delito de ameazas ou coaccións para tentar evitar a moción de censura prevista para este xoves no Concello de Lugo impulsada polos populares co apoio dunha concelleira tránsfuga. Segundo Rueda tanto a oposición a nivel galego como os seus grupos municipais en Lugo "están facendo todo o posible para amedrentar tanto a esa concelleira como aos outros concelleiros que asinaron esa moción de censura".
Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta se está seguro de que a edil tránsfuga, María Reigosa, antes do PSdeG, non vai dar marcha atrás. Na súa resposta o popular atribuíu a socialistas e nacionalistas un "clima de crispación" que ao seu ver se vai manter "ata que se produza a moción de censura".
O presidente lembrou que o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, chegou ao poder tamén a través dunha moción de censura -nada dixo das circunstancias desta, cunha tránsfuga logo de varias mortes na Corporación-, e asegurou que a cidadanía "cando cheguen as eleccións municipais terá dereito a opinar como opinou hai tres anos".
Rueda tamén foi preguntado se pode garantir que a concelleira tránsfuga non se vai integrar no PP para esas novas eleccións dentro de un ano. "Esa non é unha decisión que me corresponda a min, polo tanto eu non pode garantir nin que si nin que non", dixo quen é presidente do PPdeG.
Rueda di que a cidadanía "cando cheguen as eleccións municipais terá dereito a opinar como opinou hai tres anos"
Igualmente, o presidente foi preguntado pola denuncia lanzada este sábado polo PSdeG de que o PP está a pagar a entidades de Lugo a través da Xunta "para comprar vontades". Rueda non respondeu á pregunta e optou por remitirse ás acusacións previas de que a Xunta ía facilitar unha praza a Reigosa á que despois ela mesma desbotou presentarse. Segundo o presidente, acusacións así formarían parte da estratexia de "crispación" de PSdeG e BNG.