O PSdeG denuncia que o PP paga a entidades de Lugo a través da Xunta "para comprar vontades"

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, ex-alcaldesa de Lugo, denunciando este sábado a actuación da Xunta e o PP CC-BY-SA PSdeG

Os socialistas acusan aos populares de crear ou manipular asociacións con fondos públicos 

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, ex-alcaldesa de Lugo, denunciou este sábado que a popular Elena Candia, que o vindeiro xoves será presumiblemente rexedora a través dunha moción de censura cunha tránsfuga, leva utilizando cartos públicos "para comprar vontades" desde que en 2022 anunciou a súa candidatura á alcaldía da cidade. "Entón empezouse a ver un chorreo de cartos a colegas", dixo, un "uso fraudulento” das institucións, nomeadamente de Turismo de Galicia, por parte do PP, incluso "utilizando diferentes empresas para fins cando menos rechamantes". Unha denuncia similar á que xa lanzou a Deputación de Lugo o pasado outubro

Edís do PP e concelleira tránsfuga que asinaron a moción de censura en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Méndez salientou que Candia "non forma parte do Goberno da Xunta, o que agrava aínda máis ese uso fraudulento". "Non é a responsable de xestionar ningunha consellería, nin a Axencia de Turismo de Galicia nin ningún outro organismo", recordou, para indicar que Rueda, "como máximo responsable da Xunta", é o que lle permite esas prácticas irregulares.

A socialista diferenciou os apoios a asociacións e diferentes colectivos, "necesario porque moitas veces fan un gran labor sen dispoñer de recursos", da utilización dos fondos públicos "para uso partidista segundo afinidade política". Méndez centrouse especialmente na utilización da Axencia de Turismo, cuxa fiscalización por parte da oposición "se está ralentizando todo o posible no Parlamento de Galicia". "Non sabemos cando me van facilitar cen expedientes que teñen que poñer á miña disposición", afirmou, pero salientou que entre o que xa puideron consultar hai exemplos como o dunha empresa "que cobra por organizar festas nas parroquias", pero factura "en función de quen estea á fronte da comisión", con diferenzas moi considerables para a realización de eventos similares. 

Atraccións nunhas festas en Lugo CC-BY-NC-SA Praza.gal

Os socialistas poñen o foco en Turismo de Galicia e insinúan que hai pagos directos en metálico a través de empresas interpostas

Noutros casos, o organismo da Xunta "paga directamente orquestras" a través de compañías que nalgúns casos nada teñen que ver coa realización de espectáculos. Por exemplo, cando a empresa que traslada unha factura por unha actuación musical "se dedica á compravenda, alugueiro e reparación de vehículos". "Ou outra contratación por parte dunha enxeñaría técnica de inspección e control que ten o domicilio fiscal nun piso pechado", engadiu.

A deputada autonómica falou tamén dun pago a unha asociación para o acondicionamento de dúas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida nun centro social "alegando que por alí pasa o Camiño de Santiago, pero o Camiño pasa a quilómetros, co que se está utilizando a Axencia de Turismo para a compra de vontades".

Noutro caso, unha empresa que cobrou 5.000 euros para a realización dunhas festas sinalou nun dos conceptos da factura "colaboración de festas". "Non sabemos se se utiliza esa empresa para dar un pago en metálico a alguén", alertou.

Denunciou tamén a contratación dunha panadería para organizar os premios do concurso de disfraces dunha festa de entroido, cunha factura na que, do mesmo xeito que no anterior caso, se recollen como conceptos a organización e, por outra banda, a entrega dos galardóns, "que se reciben en metálico".

"Temos pendente de ver aínda o expediente da Festa da Xuventude da Milagrosa, para a que se paga unha orquestra por 12.000 euros, pero o que xa sabemos é quen está á fronte da asociación que recibe eses cartos: o presidente de Novas Xeracións do Partido Popular, porque onde non hai asociación, o PP crea unha e utiliza aos militantes para poñerse á fronte, e así pode facer festas propias para que se poida lucir Candia", saliento Méndez. "E tamén temos pendente ver o expediente de como se lle dan 5.500 euros a unha festa solidaria, ou como se lle dan ao torneo Lugo Debate 6.000 euros", que aínda que se trate de eventos que merezan apoio, non son "conceptos turísticos" que se poidan financiar a través da Axencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.