Unhas 150 inspeccións anuais que trouxeron consigo unhas tres sancións en cada exercicio. Son as principais cifras da vixilancia da Consellería de Política Social ás residencias da terceira idade de xestión privada, contando entre elas as que teñen prazas concertadas coa Xunta, as instalacións públicas xestionadas por compañías do sector privado e as de titularidade e xestión integramente privada.
Segundo a resposta de Política Social ao BNG, a Xunta impuxo unha media dunhas tres sancións ao ano a empresas propietarias de residencias da terceira idade entre 2017 e 2021
Coa pandemia como pano de fondo, o pasado maio o BNG rexistrou unha pregunta no Parlamento na que lembraba á Xunta que o Plan de Inspección de Servizos Sociais de Galicia ten entre os seus obxectivos "velar polo axeitado emprego das axudas e subvencións concedidas" a estes centros, alén de velar polo "cumprimento na normativa vixente" en xeral. Non obstante, considera a formación que, "malia ao esforzo e compromiso do persoal" de inspección, a escaseza de efectivos impide "un control permanente das condicións en que residen os nosos maiores" e por iso reclamou coñecer o número de inspeccións de 2017 a 2021 e o seu resultado.
Aínda que a Consellería non responde na súa integridade as preguntas do Bloque nin identifica as empresas propietarias das residencias inspeccionadas, expedientadas ou sancionadas, si achega algúns datos ao respecto. A resposta, rexistrada na Cámara o pasado 1 de xullo, indica que nese período, "de acordo cos respectivos plans de inspección", a Inspección de Servizos Sociais de Galicia realizou 757 visitas a "centros residenciais concertados e/ou concesionados e autorizados para prestar este servizo" en Galicia.
A resposta da Xunta non especifica os nomes das empresas sancionadas nin tampouco detalla cantas das inspeccións foron realizadas pola noite ou durante as fins de semana e festivos
Sinala Política Social que nese mesmo período foron iniciados ata 36 expedientes. Algo menos da metade, 16, finalizaron con sancións firmes. Ningún foi debido á "infraccións na xestión e aplicación de fondos públicos", sinala, se ben non afonda nas causas por tras dos expedientes ou das sancións. "Cando se apreciou que nun centro non se aplicaban as medidas de acordo cos protocolos establecidos, requiriuse a aplicación dos mesmos e no caso de incumprimento, iniciouse o correspondente procedemento sancionador".
O departamento do Goberno galego tampouco ofrece detalles sobre outra das cuestións formuladas polo BNG: "cantas das inspeccións" foron realizadas "en horario nocturno ou en fins de semana e festivos, a que centros" e con que resultado. Política Social responde que si existiron "visitas de inspección en horario nocturno, redactándose as correspondentes actas e, en caso de incumprimentos, requiriuse ao centro a emenda dos mesmos". Ao non indicar as datas das inspeccións -como requiría a pregunta- tampouco é posible coñecer cantas delas se desenvolveron durante a pandemia.
Menos inspeccións e máis expedientes no Servizo de Axuda no Fogar
As 445 inspeccións ao Servizo de Axuda no Fogar derivaron en 24 expedientes sancionadores
As preguntas do BNG agora respondidas pola Xunta tamén se referían ao que veu sendo outro dos elos máis sensibles na atención a persoas da terceira idade ou con discapacidade durante a pandemia: o Servizo de Axuda no Fogar. Como nas residencias, reclamaban coñecer tamén "cantas inspeccións se realizaron nos últimos cinco anos e con que resultado ás empresas que xestionan o SAF".
Na súa resposta, o departamento que dirixe Fabiola García revela que as inspeccións a estas compañías foron menos que ás residencias, pero os procesos sancionadores foron máis. Concretamente, entre 2017 e 2021 foron realizadas 445 inspeccións nestes programas de axuda no fogar e foron abertos 24 expedientes sancionadores.