Traballadoras de residencias, en loita: “Non queremos aplausos, necesitamos salarios dos que poder vivir”

Mobilización de traballadoras de residencias privadas, este sábado en Compostela. CC-BY-SA CIG

"Estamos falando dun sector fundamental e esencial para a sociedade e non pode ser que estean en condicións de miseria absoluta”,  explicou Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos

“Durante a pandemia aplaudíannos, pero agora non queremos aplausos, queremos salarios dos que poidamos vivir”. Beatriz Fernández, traballadora da residencia DomusVi de Ferrol, describe as súas condicións laborais como “nefastas e frustrantes”. 

Miles de traballadoras de residencias privadas de maiores e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) percorreron esta mañá as rúas de Compostela nunha manifestación convocada pola CIG-Servizos para esixir un convenio colectivo que dignifique as súas condicións laborais e garanta unha atención de calidade ás persoas dependentes.

“O inmobilismo patronal non quere ceder nin o mínimo, e como tal está mantendo o 60% das traballadoras de residencias por debaixo do salario mínimo interprofesional (SMI). Entendemos que isto é inaceptable. Estamos falando dun sector fundamental e esencial para a sociedade e non pode ser que estean en condicións de miseria absoluta”,  explicou, ao inicio da mobilización, Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos.

A protesta das traballadoras de residencias privadas partiu ás 11:00 horas desde a Alameda e rematou na Praza de Praterías. CC-BY-SA CIG

“A Xunta ten que implicarse neste tema e deixar de lavarse as mans diante dun sector tan importante", reclaman

Naya criticou a falta de resposta da Xunta ante as demandas do sector, a pesar de que moitas residencias privadas xestionan prazas concertadas ou son centros públicos privatizados. “A Xunta ten que implicarse neste tema e deixar de lavarse as mans diante dun sector tan importante. Non fai ningún control efectivo sobre as condicións laborais nin sobre a atención ás persoas usuarias, permitindo que multinacionais e fondos voitre prioricen os beneficios económicos por riba do benestar das persoas”, engadiu.

A protesta, que partiu ás 11:00 horas desde a Alameda e rematou na Praza de Praterías, congregou a traballadoras de toda Galiza, que denunciaron a precariedade laboral, os baixos salarios e a falta de compromiso tanto da patronal como da Xunta de Galicia.

As traballadoras, que xa realizaron folgas os días 10 e 22 de abril, teñen convocadas novas xornadas de paro para o 7 e o 21 de maio

As traballadoras, que xa realizaron folgas os días 10 e 22 de abril, teñen convocadas novas xornadas de paro para o 7 e o 21 de maio. Mobilizacións que se desenvolverán en toda Galiza e que afectan a un sector que emprega a preto de 14.000 persoas, maioritariamente mulleres. Segundo Naya, “as folgas están a ser secundadas por milleiros de traballadoras, con concentracións espontáneas diante dos centros durante os cambios de quenda e os descansos, a pesar dos servizos mínimos abusivos impostos pola Xunta, que en moitos casos chegan ao 100%”. A este respecto anunciou que a CIG está a estudar denunciar a varias empresas por vulnerar o dereito á folga ao comunicar os servizos mínimos con posterioridade ao inicio dos paros.

Beatriz Fernández, traballadora da residencia DomusVi de Ferrol, describiu as condicións laborais como “nefastas e frustrantes”. “Estamos baixo mínimos, cunha falta de persoal brutal que nos sobrecarga física e mentalmente. A xente non quere vir traballar nestas condicións, e isto impide ofrecer a atención digna que merecen as persoas residentes. Non podemos estar cobrando por debaixo do SMI, é unha vergoña. Durante a pandemia aplaudíannos, pero agora non queremos aplausos, queremos salarios dos que poidamos vivir”, afirmou. 

Entre as principais reclamacións do colectivo están un salario digno, a mellora das ratios de persoal para atender adecuadamente aos usuarios, a redución da carga de traballo e medidas de conciliación que permitan compatibilizar a vida laboral e persoal.

Un momento do paso da protesta polas rúas de Santiago. CC-BY-SA CIG

A manifestación rematou coa lectura de tres manifestos na Praza de Praterías. O primeiro, en nome das traballadoras das residencias, denunciou que “mentres poñemos toda a nosa enerxía para coidar as persoas residentes, a patronal e a Xunta precarizan as nosas vidas cunhas condicións laborais que son máis do tempo da escravitude que do século XXI”. 

O texto criticaba ademais, que “as empresas énchense os petos con centos de millóns de euros, subindo os prezos das prazas mentres nós non chegamos a fin de mes”. As traballadoras exixiron, por iso, “unhas condicións dignas de traballo, onde poidamos poñer os coidados no centro e non o beneficio das empresas” e instaron á Xunta a “deixar de mirar polas empresas e traballar polo benestar das persoas residentes e das traballadoras”.

Pola súa banda, as traballadoras do SAF, que se sumaron á mobilización en solidariedade coas compañeiras das residencias, leron un manifesto no que denunciaron a situación do seu sector, cuxo convenio colectivo está paralizado desde 2012. “Somos un servizo público xestionado por empresas privadas que só buscan encher os seus petos, precarizando as nosas condicións de traballo e afectando aos usuarios, que só reciben coidados dignos grazas ao noso esforzo e profesionalidade”, sinalaron. 

No manifesto criticaron tamén a “traizón” de CCOO e UGT, que en 2022 asinaron un preacordo cunha dobre escala salarial, que foi rexeitado tras 28 días de folga convocada pola CIG. “O 6,5% non se negocia!”, proclamaron, referíndose á loita por incrementos salariais segundo o IPC e exixiron que a Xunta asuma a xestión directa do servizo e garanta salarios e condicións laborais xustas.

En apoio ás traballadoras participou tamén na manifestación o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG que deron lectura a un terceiro manifesto no que denunciaron os atrasos, tanto nas valoracións como na concesión de axudas ou servizos, e reclamaron un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.