O PP gañará dúas novas alcaldías con mocións de censura pero perderá Noia

Casa do Concello de Noia e a súa contorna © Concello de Noia

Unha nova moción de censura daralle outra alcaldía ao PP. Desta vez será en Touro, onde os populares e o concelleiro non adscrito, Darío Rey, chegaron a un acordo para activar este mesmo luns o mecanismo que quitará o bastón de mando a Roberto Castro, que encabezou a lista de Movemento Veciñal, para darlla a Jesús Reboredo, que se converterá en novo alcalde. 

A de Touro será a cuarta alcaldía que o PP gañe a través dunha moción de censura neste mandato municipal, aínda que perderá a de Noia

Será a cuarta alcaldía que o PP gañe a través dunha moción de censura desde que comezara este novo mandato municipal en 2023, ao engadirlle á de Touro os cambios producidos antes en Outes e Viveiro e o próximo, xa confirmado, que se producirá esta semana en Forcarei, onde outra moción outorgará aos populares a alcaldía. 

No entanto, o PP tamén perderá unha alcaldía nos vindeiros días. E ben importante. Será a de Noia (rolda os 15.000 habitantes), onde os tres grupos políticos que forman parte da oposición na corporación municipal (PSdeG, BNG e Marea Cidadá) preparan xa unha moción de censura contra o alcalde, Santiago Freire. 

Nos casos das mocións de Forcarei, Touro e Noia son clave a sentenza do Constitucional que vén de despenalizar os pactos con edís non adscritos

Tanto no caso de Touro como de Noia —ao igual que antes en Forcarei— é clave a publicación no BOE a mediados deste mes a sentenza do Tribunal Constitucional que despenaliza os pactos con edís non adscritos ao eliminar da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) a norma que permitía impedir unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga. 

No caso de Noia, a chave está no ex-edil do PP e agora no grupo dos non adscritos, Luís Alamancos. Co seu voto, unidos aos 4 edís do PSdeG, os 2 do BNG e outros 2 de Marea Cidadá sería dabondo para que prosperase amoción de censura, xa que os concelleiros de NO.I.A., que gobernan en coalición co PP, non teñen previsto apoiala.  O acordo quedou pechado no mediodía deste luns para que o socialista Francisco Pérez pase a ser o novo alcalde da vila noiesa. 

En Touro, a situación é semellante pero a virada é distinta. Darío Rey, que vén de chegar ao acordo do PP, formou parte da lista independente de Movemento Veciñal que obtivo catro edís nas eleccións municipais. Sumados aos do Partido Galego (1) e BNG (1) superaron os 5 dos populares para alcanzar a alcaldía. 

O acordo entre Rey, edil non adscrito, e o PP que condiciona o pacto céntrase, sobre todo, na mina de Touro. Para que non se rache, o Concello debe crear unha comisión municipal presidida por Rey e que será a que tome todas as decisións sobre a mina que atinxan o goberno local. Ademais, o Concello comparecerá en todos os procesos xudiciais abertos relacionados con esta explotación. 

Roberto Castro, tras ser elixido alcalde de Touro, con membros de Movemento Veciñal CC-BY-SA Movemento Veciñal Touro

Mentres estas dúas mocións se preparan, outra está só a uns días de se votar. Será o vindeiro xoves 31. O edil socialista expulsado pola alcaldesa do PSdeG, Verónica Pichel, logo de votar en contra dunha modificación de crédito presentada polo goberno local, uniuse ao PP para presentar unha moción de censura que devolverá o bastón de mando a Belén Cachafeiro, que xa fora rexedora entre 2012 e 2019.

Así, o cambio de cor política en Noia, Touro e Forcarei súmase aos producidos noutros sete concellos galegos dende as eleccións municipais de 2023. En catro deles foron a través de mocións de censura (O Irixo, Muxía, Outes e Viveiro) e no Valadouro, Mondariz e Cambre foi por dimisión do alcalde ou alcaldesa, que por falta de confianza do pleno municipal, cedeu o bastón de mando a outra formación política.

Arredor de 85.000 galegos estarán gobernados nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente

En total, son arredor de 85.000 os galegos e galegas que estarán gobernados nos vindeiros días nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente nos plenos de investidura celebrados despois dos comicios de maio de 2023. Máis de 60.000 xa experimentaron esta mudanza, á espera das próximas mocións de censura. 

O PP é o partido máis beneficiado por estes cambios, pois gañou sete alcaldías, algunhas tan importantes coma as de Cambre e Viveiro, aínda que tamén perdeu a do Irixo, que obtivera inicialmente, e ten toda a traza de perder a de Noia, unha vila clave non só pola súa importancia e número de habitantes, senón tamén polo que supón nun futuro para a batalla pola Deputación. 

Mariña Gueimunde, nova alcaldesa de Viveiro, entre responsables do PPdeG como Elena Candia ou Paula Prado © PPdeG

No anterior mandato municipal 2019-2023 foron nove as mocións de censura consumadas nos concellos galegos: Fene, Mugardos, Sada, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, A Baña, Ribadavia, Castrelo de Miño e Viana do Bolo. O PP foi o gran beneficiado por estes procesos, pois en seis casos fíxose co bastón de mando. Nalgúns casos o electorado castigou estas operacións e noutros, en cambio, sucedeu o contrario.

Hai, ademais, foron arredor de quince os concellos que no que vai de mandato municipal mudaron tamén o seu alcalde ou alcaldesa, pero sen cambiar de formación política. Trátase de Cervo, Vilalba, A Estrada, Trabada, Silleda, Laxe, Guntín, Ribas de Sil, Caldas de Reis, Paradela, Vilar de Santos, Esgos, Fene e Lugo, neste caso en dúas ocasións. Láncara farao tamén proximamente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.