Máis infraestruturas ou máis servizos: o tren volve á campaña co AVE a piques de rematar

Interior da estación de tren de Vigo que non ten saída cara ao sur CC-BY-SA Praza Pública

Os partidos avanzan cal pode ser o debate público sobre o ferrocarril nos próximos anos agora que van rematar as culpas cruzadas sobre o atraso da alta velocidade

Máis servizos ferroviarios coa creación dun ente público galego que os xestione ou máis infraestruturas para que circulen os trens. Niso se resumen as dúas propostas na materia que veñen de lanzar o BNG o domingo e a Xunta este luns, dous días despois de que tamén o PP decidise incorporarse á precampaña electoral tras varias semanas de actos propagandísticos desde o Goberno galego. Dúas propostas que, máis alá das eleccións do 12 de xullo, avanzan cal pode ser o debate público sobre o ferrocarril nos próximos anos agora que o AVE está a piques de rematar.

Este sábado La Voz de Galicia avanzaba que Madrid e Ourense xa están unidos de xeito continuado por unha vía con ancho internacional, o da alta velocidade. Aínda resta por rematar o resto de instalacións eléctricas ou de seguridade, e facer as probas, pero o debate sobre se Galicia terá ou non AVE e de quen sería a culpa que marcou a política sobre as infraestruturas durante as dúas últimas décadas vai chegando á súa fin. E os partidos xa avanzan novas propostas.

Actos do BNG e a Xunta propoñendo medidas en materia ferroviaria CC-BY-SA Praza Pública

Como en anteriores comicios, o BNG aposta por crear un ente público galego (a denominación Galtren lembra á vasca Euskotren) que promova a posta en servizo de novos trens de proximidade ou de carácter rexional. Os nacionalistas, que levan anos advertindo da perda de servizos nas liñas que non se viron melloradas grazas ás obras de alta velocidade (Vigo-A Coruña e conexión coa Meseta), insisten na necesidade de potenciar liñas como a do antigo Feve entre Ferrol e a Mariña, as da provincia de Lugo ou a A Coruña-Ferrol. Así o propuxo este domingo na Coruña a súa cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil.

Pola súa banda, a número 5 da lista do PP pola Coruña, Ethel Vázquez, optou este luns por comparecer como conselleira de Infraestruturas -acompañada dos presidentes da patronal pontevedresa, Jorge Cebreiros, e do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, ex-conselleiro de Fraga- para presentar un informe encargado polo seu departamento ao primeiro director xeral de Mobilidade dos gobernos de Feijóo, Miguel Rodríguez Bugarín, no que se cuantifica o custo e os beneficios da denominada saída sur de Vigo. O encargo en si evidencia a renuncia do Goberno galego a dotarse non xa dun ente ferroviario senón sequera de persoal propio especializado na materia.

Coa presentación do seu informe a Xunta di apostar pola construción desa saída sur de Vigo que quedou aparcada ao tempo que os gobernos centrais tanto de PP como de PSOE renunciaban a facer unha nova conexión con Portugal. O silencio da Xunta ao respecto rematou ao tempo que deixou de haber un goberno popular en Madrid e agora a conselleira e candidata do PP pon o foco nesa nova obra, que cuantifica en 500 millóns de euros e coa que asegura que, ao dispoñer tamén dun ramal ao peirao de Bouzas, incrementará un 6% a actividade portuaria desa zona cun "impacto" de 528 millóns durante os seus primeiros 20 anos en servizo. Entre os argumentos que dá a Xunta para pedir a Fomento que impulse a saída sur está o de que "un 35% dos peregrinos lusos se decantarán polo tren como modo de transporte para volver ao seu país".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.