Ás portas da estación de ferrocarril da Coruña, a cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil e o candidato pola Coruña, Xosé Luís Rivas aseguraron que un goberno do BNG na Xunta impulsará a creación “dun ente público que xestione e promova o Galtren, tren de proximidade galego”.
“En Galiza temos que apostar nunha mobilidade máis eficiente, máis racional e máis respectuosa co medioambiente; unha mobilidade do século XXI"
A candidata nacionalista asegurou que as conexión ferroviarias lonxe de mellorar, empeoraron nos últimos anos “sen que o PP fixese nada” por mudar a situación. Rodil mostrou o seu rexeitamento "a que Galiza teña un tren do século XIX" e defendeu “unha mobilidade racional e moderna” na que o tren sexa o principal motor.
A cabeza de lista por Lugo salientou que a liña ferroviaria de Lugo continúa “sen electrificar, o antigo FEVE desmantelado e o tren que une Coruña con Ferrol é "tan precario que vai a menos velocidade que calquera coche que circule pola AP-9".
Rodil reivindicou o "compromiso firme coa defensa do tren" do BNG porque é un medio de transporte “sostible e eficaz” e por iso, dixo, “con Ana Pontón á fronte da Xunta, impulsaremos a creación dun ente público que xestione e promova o Galtren”.
“En Galiza temos que apostar nunha mobilidade máis eficiente, máis racional e máis respectuosa co medioambiente; unha mobilidade do século XXI que responda ás necesidades das galegas e galegos e contribúa á vertebración e desenvolvemento do noso país”, asegurou.