A Xunta recorta a autovía Santiago-A Estrada e volve expoñela ao público tras caducar o seu anterior estudo ambiental

Remate na Ramallosa (Teo) da AG-59 Santiago-A Estrada © Google

A continuación da actual AG-59 entre Compostela e Teo inaugurada en 2008 xa non enlazará coa circunvalación da Estrada, que o Goberno central ten en estudo desde hai tres décadas polo seu elevado impacto

Hai agora doce anos, o 21 de novembro de 2008, o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o alcalde de Teo, Martiño Noriega, inauguraban o que o Goberno galego denominou como “primeiro treito” da autovía AG-59 Santiago-A Estrada, ata a localidade da Ramallosa, en Teo. Este mércores o actual Goberno galego vén de confirmar a través do Diario Oficial de Galicia que o seguinte treito xa non chegará á Estrada senón que verá recortada a súa lonxitude dos preto de 12 quilómetros previstos inicialmente a arredor de 7,5, e dos 90 millóns de euros en que se estimaba hai unha década a uns 45.

Inauguración do treito Santiago-A Ramallosa da AG-59, o 21 de novembro de 2008 © Concello de Santiago

A continuación ata A Estrada da actual autovía entre Santiago e A Ramallosa quedou aparcada hai unha década pola crise económica, aínda que neste tempo a Xunta evitou dala por cancelada argumentando sucesivamente diversos trámites e modificacións. Durante este tempo caducou o estudo ambiental co que xa contaba a infraestrutura, así que este mércores anunciouse a exposición pública tanto dun novo como da denominada separata do proxecto de construción denominado actualización do proxecto de construción: autovía AG-69 A Ramallosa-enlace PO-841.

Ademais de eliminar o seu terceiro e último subtreito, os seus enlaces só permitirán incorporarse á autovía (ou saír dela) para circular cara a Santiago, e non cara á Estrada, o que reduce o custo duns 90 a uns 45 millóns de euros

O que hai tras ese nome é que se inicialmente estaba previsto que a autovía continuase ata enlazar coa futura circunvalación da Estrada competencia do Ministerio de Transportes, a nova previsión da Xunta é que remate uns catro quilómetros antes. Así, dos tres subtreitos en que se dividira a vía (entre o seu remate actual na Ramallosa e a AC-241 en Pontevedra, desde alí ata cruzar a PO-841 no lugar do Rollo, e finalmente ata a circunvalación da Estrada) agora a Xunta só prevé executar os dous primeiros, e para abaratar aínda máis o proxecto os seus enlaces só permitirán incorporarse á autovía (ou saír dela) para circular cara a Santiago, e non cara á Estrada. 

Segundo os documentos agora sometidos a exposición pública, o custo de licitación do primeiro subtreito será de 22,7 millóns de euros e o do segundo, cunha ponte sobre o río Ulla, de 23,8 millóns. A eses importes hai que sumar outros 1,2 millóns para expropiacións. Pero iso será cando rematen os trámites agora iniciados, polo que este mércores a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, advertiu de que o orzamento da Xunta para o próximo ano só contemplará o importe "necesario" para esa tramitación, pero aínda non para o comezo das obras.

Trazado orixinal da AG-59 Santiago-A Estrada CC-BY-SA Xunta de Galicia

Por outra banda, a previsión inicial de que a autovía conectase coa circunvalación da estrada N-640 que atravesa A Estrada, de competencia estatal, ten que afrontar o feito de que esa infraestrutura leva tres décadas en estudo sen expectativas de que sexa unha realidade a curto ou medio prazo. De feito, hai un ano o Ministerio para a Transición Ecolóxica reiniciou a súa avaliación ambiental despois de que o Ministerio de Transportes propuxese unha nova modificación no seu trazado cun túnel para reducir a afección da infraestrutura a un castro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.